Este ano o Día das Letras Galegas adícaselle a María Victoria Moreno. Estremeña de nacemento pero pontevedresa de adopción, chegou a Galicia en 1963, con só 22 anos, e axiña asumiu a cidadanía en galego, a lingua que escolleu tanto para as súas obras narrativas infantís e xuvenís como para os seus estudos literarios, o ensaio, a poesía e a didáctica da lingua e da literatura galegas. Isto permítenos definila como "galega de elección".
No vestíbulo do centro fixemos unha pequena exposición coa súa obra. Pica na imaxe para vela.
O día 16 de maio o alumnado de 4º da ESO fomos ao Correlingua, unha andaina dende o Concello até Castrelos. Xunto ao noso instituto tamén foron outros centros de Vigo. Cando estabamos todos reunidos, comezamos a camiñar e ao chegarmos ao parque escoitamos uns grupos de música moi bos e un manifesto a prol do galego. Despois desta experiencia o alumnado de cada instituto e CPI voltou a cadanseu centro.
Raquel Fernández Arias, 4ºESO B
Coma todos os anos, o 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas, adicado no 2018 a Maria Victoria Moreno. Aquí vos presentamos o programa de actividades
O pasado 30 de abril o alumnado de 2º de bacharelato asistiu á conferencia impartida polo Presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, sobre a súa obra Unha ducia de galegos.
A charla foi de moito interese para este alumnado, pois na obra, reeditada no 2017, Freixanes entrevista a doce persoeiros do galeguismo e da literatura que son obxecto de estudo por parte dos nosos alumnos no programa de 2º Bac. Segundo as palabras do conferenciante, o seu obxectivo era unir sobre o papel a xeración que aínda conservaba a memoria do século XIX, personificada na figura de Ramón Otero Pedrayo, coas vivencias máis inmediatas dos mozos do 68, daquela Carlos Casares ou Xosé Luís Méndez Ferrín.
O pasado 26 e abril o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa” trouxeron ao noso centro o proxecto Xornalismo na Escola. Un profesional da información impartiu a alumnos de 3º e 4º da ESO un taller didáctico sobre comunicación. Este obradoiro tiña como obxectivo introducilos no mundo dos medios de comunicación. O papel do xornalista, como funciona un medio de comunicación ou como facer unha nova foron algúns dos aspectos tratados. Aprenderon tamén a distinguir entre que é noticia e que non e o papel das redes sociais na información.
O pasado 24 de abril visitou o noso centro don Xesús Alonso Montero para dar unha charla ao alumnado de 1º de bacharelato sobre Mª Victoria Moreno, autora á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. O alumnado, que este trimestre leu Anagnórise, unha das súas obras máis representativas, seguiu con atención e interese a disertación do que foi presidente da RAG ata o 2017 sobre a vida e obra desta autora estremeña de nacemento mais galega de corazón e lingua.
Pica na imaxe para ver fotos do acto
O 6 de abril Ledicia Costas veu ao noso centro a falar cos alumnos de 3º da ESO da súa obra Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, novela que recibiu o Premio Lazarillo á Creación Literaria no ano 2015.
Ledicia contounos que a orixe da novela partiu do seu interese por Jules Verne e a súa chegada a Vigo, así como polo “submarino” de Sanjujo Badía, temas que se reflicten na novela. Falounos tamén de todo o traballo de documentación que fixo para escribir a obra e de como o mesturou coa fantasía das mulleres planta.
Podes ver as imaxes da charla picando na imaxe.
O pasado venres, 9 de marzo, un grupo de cincuenta estudantes de 2º de bacharelato, acompañados polas profesoras Esther e Isabel, do departamento de Lingua Galega, foron de excursión a Ourense para realizaren o roteiro d’A esmorga, na cidade das Burgas,
Aínda que o tempo non acompañou moito, a visita resultou proveitosa e interesante, pois tiveron ocasión de facer un percorrido pola parte vella da capital ourensá e recoñecer in situ algunhas das localizacións de certos episodios da novela de Blanco Amor.