Outro traballo elaborado dentro do Proxecta de Igualdade, neste caso en Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas en 3ºESO C.
No comezo do segundo trimestre realizouse un proxecto co obxectivo de traballar as relacións de proporcionalidade e escala así como os conceptos básicos de estatística. Para iso propúxose investigar como variaron as proporcións dun corpo "ideal" masculino e feminino ao longo da Historia. O método de traballo consistiu en dividir a clase en grupos de 3 ou 4 persoas que analizaron as medidas de varias representacións de homes e mulleres dunha época concreta. Así, formáronse 4 grupos que tiñan asignados os períodos históricos clásico, renacemento, romanticismo e actualidade. Coa guía das docentes de Educación Plástica e Visual e Xeografía e Historia, cada grupo escolleu catro obras de arte que puidesen representar o ideal de beleza feminino da súa época e outras catro do masculino.
Entre toda a clase decidiuse que medidas se usarían para definir o corpo humano. Decatáronse que, usando pezas de Arte, sería imposible obter unha medida única (a altura dunha estatua de 4 metros non dá información sobre a altura ideal dunha persoa nese momento), polo que tiveron que introducirse as proporcións. As proporcións usadas foron:
- Altura/pernas
- Altura/brazos
- Altura/cabeza
- Pernas/pés
- Torso/hombreiros
- Torso/cadeira
- Hombreiros/cadeira
- Hombreiros/cintura
Aproveitouse tamén para traballar o significado de fracción como relación entre dúas magnitudes. O seguinte paso foi tomar medidas sobre as obras usando unha aplicación que permite medir distancias en píxeles nunha imaxe. A pesar de que as medidas fixéronse en píxeles, o feito de usar proporcións no canto de medidas directas permitía obter datos válidos. O último problema que atopou a clase foi como agrupar os datos de catro medicións para poder dar un valor único como resultado de cada proporción. Para iso fíxose unha breve introdución á Estatística (que se traballou máis adiante no curso con máis profundidade) e calculáronse medias e desviacións típicas para detectar posibles erros de medida ou datos non aproveitables.
Finalmente puxéronse en común os datos de cada grupo, observando que o ideal de beleza dos corpos femininos cambiaron máis ao longo da Historia, mentres que o masculino mantivo unhas proporcións máis constantes durante os diferentes períodos.