Skip to Content

Última hora!

Recreos arrepiantes 2019

A semana do 11 ao 15 de novembro celebráronse no noso centro os recreos arrepiantes, que, como xa sabedes, consisten en lecturas ou visionado de curtas de terror na biblioteca do centro, durante os recreos. O martes, abriron a actividade os realizados en galego, o xoves en inglés e o venres pecharon esta experiencia os de lingua castelá. Realmente algúns dos contos creados por compañeiros e compañeiras nosos daban moito medo e algunha curta tamén; aínda que outras provocaban máis risa ca terror. De todos xeitos, cremos que a experiencia pagou a pena e desde o EDL do noso centro animávosvos a participar en actividades coma esta. 

Aquí vos deixamos o enlace a ver se algún de vós se atopa por aquí.

PECHE DA #CASIÑA_MAIOS POR ESTE CURSO

O xoves 13 de xuño, convocamos á prensa para contar o noso proxecto de Bioconstrución "A Casiña dos maios", que neste segundo ano tivo por obxecto rematar a obra, instalarlle luz, facer un seguimento de temperatura e humidade e crear unha zona saudable circundante a través dun sementeiro e un domo-invernadoiro con rego automático.

Fixéronse eco da nova A Voz de Galicia, Diario de Arousa, Faro de Vigo e o programa A Revista da TVG, emitido en directo o sábado 15 ás 12:00h, a onde fomos con 2 representantes do Club de Ciencia: Lara Calo e Mario Outeiral.

Neste vídeo contámosvos o traballo destes 2 anos. Difundídeo!

 

XA TEMOS GAÑADORAS DO CONCURSO "MÁIS CA PALABRAS"

O departamento de Lingua Galega e Literatura ten o inmenso pracer de presentar as obras gañadoras do concurso "Máis ca palabras", na modalidade de videopoemas. Como ben sabedes, a temática deste ano centrouse na diversidade de xénero e no recoñecemento do colectivo LGTBIQ e as pezas gañadoras están inspiradas nos poemas de TRANSMATRIA de Daniel Asorey. A verdade é que foi realmente difícil decidirnos, dada a gran calidade de todas elas. Por este motivo, o segundo premio vai para dúas parellas ex aequo, que presentaron candansúa versión dun mesmo poema. Así que aló imos:

1º PREMIO: Serán os meus peitos de silicona. Alicia Nieto e Lucía Fernández

2º PREMIO: Amor libre. Clara Reino e Victoria León / Noemí Otero e Carla Vidal

3º PREMIO: Serpe, que divina me comporto. Rita Sánchez.

PARABÉNS ÁS PREMIADAS E A TODOS OS QUE PARTICIPASTES!!

Velaquí vos deixamos a lista de distribución de Youtube todos os vídeos 

LETRAS GALEGAS 2019

A semana pasada celebramos as Letras Galegas con actos que tiveron lugar o luns 13 e martes 14. Dado que Antón Fraguas, o autor que se conmemora este ano, adicou parte do seu traballo ó estudo da etnografía galega, o luns organizamos un obradoiro de traxe tradicional polo que pasou todo o alumnado. O martes organizouse a 4ª edición do STARgal, esa mostra-competición de audiovisual e robótica coa que pretendemos dar ás nosas Letras un matiz innovador e actual. Todo o centro pasou por 8 estacións nas que con robots, drons, videoxogos, kahoots, videopoemas e mesmo un planetario, coñecimos máis de preto a vida e obra de Fraguas. Logo dun auténtico "Banquete da Cachada" (un convivio con alumnado, profes e colaboradores do insti), organizamos xogos populares para todo o alumnado.

Dá conta do vivido este vídeo e o álbum de fotos:

 

Letras Galegas e STARgal 2019

A CACHADA EN OLLOBOI 2019

O 9º festival audiovisual olloboi celebrouse o pasado venres 10 de maio e o noso centro asistiu con 32 rapaces e as profes Matilde, Silvia e Ana.
 
Na programación de mañá do festival, a Muchachada Matiné, o alumnado dividiuse en 3 grupos que traballaron con outras tantas parellas creativas documentándose, gravando o son, planificando a peza, producíndoa, gravándoa, montándoa e, nun dos casos, mesmo creando in situ a BSO.
 
O alumnado de 4º realizou a peza Analepse xunto a Sandra Lesta e Sonia Méndez (guionista e directora da web serie de Play Z Antes de perder); un grupo de 3º fixo un docu sobre as mulleres no mundo da carpintería (E por que non elas?)de ribeira xunto ó realizador Luis Avilés e a actriz Carmen Méndez (Luis acaba de sacar á luz o documental Idénticas); o terceiro grupo editou a peza Prohibido coger cabeza, xunto a Miguel de Lira e Quique Otero, que non traballaran xuntos desde Crebinsk
Distribuir contido


by Dr. Radut