Animate a participar na segunda edición do Certame literario Loureiro: Aconteuceu no Couto.
Trátase dunha actividade promovida pola Asociación de Veciños Loureiro en colaboración coa EPAPU Ourense, o IES O Couto e o Colexio Santo Ángel. Os relatos deben estar redactados en galego, ter unha extensión en torno ao folio e medio e, o máis importante, estar ambientados no barrio do Couto. Calquera dúbida pódecha aclarar o teu profesorado.
O día 8 de marzo levouse a cabo un acto co alumnado para conmemorar o Día da Muller. No salón de actos leuse a traxectoria das mulleres ao longo das diferentes etapas históricas para demostrar que elas tamén foron protagonistas na historia. Así mesmo expúxose o significado do 8 de marzo e por que se escolleu ese día para celebrar o Día da Muller.
Finalizouse o acto cantando a canción "Puerta violeta" de Rozalén pois ten unha letra contra a violencia contra a muller. Un pequeno acto pero moi simbólico e representativo.
Onte 27 de febreiro reúnese novamente o club de lectura de adultos da Epapu para comentar o libro "Azucre" da autora coruñesa Bibiana Candia. A reunión fixose ao redor dun café, resultando do máis interesante posto que foi un libro que gustou en xeral moito entre os participantes. Este club vaise ampliando pouco a pouco e esperamos seguir disfrutando da lectura e do intercambio de impresións dun xeito tan fantástico.
Este xoves 23 de febreiro todo o noso alumnado estaba convidado a asistir a representación da obra teatral "O soño dos vagalumes" a cargo do grupo de teatro de nais/pais da Universidade Laboral de Ourense. Unha obra creada por Ángeles Álvarez partindo do libro "As marías de Santiago" da autora Áurea Sánchez e na que se nos conta a historia de María e Coralia Fandiño Ricart.
A partires das 19:30 alumnado, profesorado e acompañantes fómonos achegando ata o Teatro Principal ata case ateigar o seu aforo. As máis de vinte persoas que integran este grupo fixéronnos desfrutar e permitiron que o noso alumnado se achege ao mundo do teatro.
A continuación podedes ver unha pequena escolma de fotografías feitas polo noso compañeiro Santiago.
O pasado martes 24 de xaneiro, dúas alumnas do centro acudiron xunto coa profesora responsable María, ao encontro literario que tivo lugar no salón noble do Liceo de Ourense coa escritora Ledicia Costas. Representaron á nosa escola na tertulia literaria sobre a obra "Golpes de Luz" participando con outros membros de clubes de lectura de Ourense.
O alumnado de 1º ESA da quenda da noite realizou unha posta en escena de diferentes feitos da historia de Grecia e Roma como as Guerras Médicas; a rivalidade entre Esparta e Atenas; o atleta que comunicou a vitoria en Maratón; o imperio de Alejandro Magno; Xulio Cesar e Cleopatra; a chegada dos romanos á Península Ibérica atravesando o río Lethes (o río Limia); os pobos celtas que vivían na Península...todo un exercicio de creatividade con rigor histórico.
Toda a clase traballou buscando información, facendo decorados e imaxinando diálogos... O público disfrutou moito e por un momento sentíronse noutra época.
Os nervos eran moitos pero a ilusión puido con eles. Aprenderon doutro xeito. Experiencias que non esquecerán.
Bleidys de 1º ESA noite realizou unhas marabillosas maquetas dun templo grego e o Coliseo romano. Ela expuxo na clase unha presentación das culturas clásicas ofrecendo uns interesantes datos destas civilizacións. O traballo resultou moi atractivo e Bleidys demostrou ter grandes coñecementos.