O vindeiro luns 14 de xuño publicaranse as notas finais do curso 20-21 do alumnado do noso centro.
Xa que no terceiro trimestre do curso 20-21 entrou en vigor a nova normativa sobre o procedemento de información ás familias e de reclamación de notas (http://www.edu.xunta.gal/portal/es/node/33405) e para garantir a información ás familias, podemos destacar os seguintes aspectos:
A intención desta nova normativa é regular dun xeito máis específico o dereito do alumnado da Comunidade Autónoma de Galicia a ser avaliado consonte criterios obxectivos, establecer as condición que garantan a dita obxectividade e o procedemento mediante o cal o alumnado, ou ben as súas persoas proxenitoras ou persoa que desempeñe a representación legal se o alumnado é menor de idade, poida solicitar aclaración do profesorado acerca dos procesos de aprendizaxe ou, se é o caso, presentar reclamación en relación coas decisións que se adopten como resultado da avaliación.
A persoa docente titora e o profesorado das distintas áreas, materias e ámbitos manterán unha comunicación fluída, no relativo ao proceso de aprendizaxe, co alumnado, as súas persoas proxenitoras ou persoa que desempeñe a representación legal. Ademais, os centros deberán establecer o procedemento mediante o cal o alumnado, as súas persoas proxenitoras ou persoa que desempeñe a representación legal poderán solicitar aclaracións ao profesorado e á persoa docente titora acerca das informacións que sobre o seu proceso de aprendizaxe reciban, e facilitarlles información sobre os procedementos de revisión de cualificacións e de decisións sobre a promoción e a titulación.
O alumnado, as súas persoas proxenitoras ou persoa que desempeñe a representación legal poderán solicitar, de acordo co procedemento establecido nas normas de organización e funcionamento, ao profesorado e á persoa docente titora cantas aclaracións consideren precisas acerca das valoracións que se realicen sobre o seu proceso de aprendizaxe, así como sobre as cualificacións ou decisións que se adopten como resultado do devandito proceso.
Esta información e aclaracións faranse no caso do noso centro educativo nas reunións de titoría coas familias.
En todo caso, a reclamación formal abranguerá unicamente as cualificacións finais. No caso de que persista o desacordo coa cualificación final obtida nunha área, materia ou ámbito, ou coa decisión de promoción ou titulación adoptada para un alumno ou alumna, este ou as súas persoas proxenitoras ou persoa que desempeñe a representación legal poderán solicitar por escrito a revisión da devandita cualificación ou decisión, no prazo de dous días lectivos, ou de ser o caso hábiles, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produciu a súa comunicación.
No caso de que algunha familia quixera facer unha reclamación formal sobre as notas finais do alumnado, o prazo de reclamación será do 15 ao 17 de xuño, xa que as notas finais poderanse consultar na aplicación abalarMóbil dende o luns 14 de xuño. Tamén se entregarán os boletíns en papel.