Skip to Content

blogue deadmin

RESTABLECEMENTO DO PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN DE ALUMNADO DO 2º CICLO DE EDUCACIÓN INFANTIL E EDUCACIÓN PRIMARIA

Para o coñecemento de toda a comunidade educativa, comunícase o restablecemento do proceso de matrícula de cara ao curso 20-21. Toda a información está nesta dirección web:

http://www.edu.xunta.gal/portal/node/31003

No caso concreto do noso centro educativo este procedemento afecta ao alumnado que comeza a súa escolarización no CRA de Oroso (4º de Educación Infantil - 3 anos) no curso 20-21 e ao alumnado que o curso 20-21 cursará os seus estudios nos colexios de Sigüeiro, ben en 1º (alumnado de Deixebre) ou 3º de Primaria (alumnado de Trasmonte e Vilacide).

Os novos prazos do proceso de matrícula son os seguintes:

  • Restablecerase o prazo para a presentación das solicitudes de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, polo tempo que restaba cando se de­clarou o estado de alarma, de xeito que se iniciará o día 11 de maio de 2020 e rematará o día 18 do mesmo mes. Este proceso so o teñen que facer as familias que non presentaron a documentación nos prazos anteriores: febreiro (alumnado que vai para o CEIP Sigüeiro) e marzo (alumnado que se matricula por primeira vez no CRA ou vai para o CEIP Camiño Inglés).
  • Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: ata o día 26 de maio de 2020.
  • Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: antes do 9 de xuño de 2020.
  • Poderanse formular reclamacións contra as listaxes provisionais no prazo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da súa publicación.
  • Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido: ata o 26 de xuño de 2020.
  • Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: do 1 ao 10 xullo de 2020. Este proceso ten que realizalo todo o alumnado que inicia a súa escolarización no CRA de Oroso (4º de Educación Infantil - 3 anos) ou ben cambia de centro educativo para o curso 20-21 (alumnado de Deixebre e alumnado de Trasmonte e Vilacide).

 

Coa finalidade de garantir a atención a toda a comunidade educativa, os equipos directivos dos centros desenvolverán tarefas de atención directa con presenza no centro educativo. No caso do noso centro, a normativa existente establece o seguinte procedemento:

"Nos centros de menos de 6 unidades é obrigada a presenza do director ou profesor responsable os días precisos para a realización dos trámites de escolarización e presentación da documentación ou doutros procedementos".

Tendo en conta esta disposición, o director do centro permanecerá na sede de Vilarromarís o mércores 13 de maio, en horario de 10:00 a 13:00 para a atención presencial ás familias que precisen tramitar documentación para o proceso de matrícula.

Para a atención doutros procedementos, ou en días distintos do indicado, será preciso concertar cita previa mediante chamada telefónica ao 628 07 14 38 (horario de 10:00 a 13:00) ou ben por correo electrónico á seguinte dirección: cra.oroso@edu.xunta.gal

De cara a regular a entrega de documentación para as familias deste alumnado, publícaronse estas recomendacións sanitarias:

http://www.edu.xunta.gal/portal/node/30999

 

 

 

Publicación Instrucións 3º trimestre 19-20

Estimadas familias.

Unha vez publicadas as Instrucións da Consellería de Educación para o desenvolvemento do 3º trimestre do curso 19-20, queremos dar publicidade a esta normativa para o voso coñecemento. Estas instrucións atópanse na dirección web: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30936 

Entre outros aspectos, destácanse aspectos relativos á modificación das programacións didácticas (reforzando os contidos do primeiro e segundo trimestre e seleccionando os contidos máis importantes do terceiro trimestre) e á avaliación (baseada nas notas do primeiro e segundo trimestre). Tamén inclúen a previsión de traballar no vindeiro curso escolar 20-21 os contidos que non se puideron traballar neste 3º trimestre.

Unha vez que concretemos estas Instrucións xerais, adaptándoas ás características do noso alumnado, darémosvos toda a información correspondente ás modificacións sobre as programacións, adaptacións sobre as avaliacións do alumnado e demais aspectos da práctica educativa.

Unha forte aperta de todo o profesorado.

 

Guía familias videochamadas WEBEX

Achégase como arquivo adxunto unha guía de conexión para participar en videochamadas entre o profesorado e o alumnado. 

A partires da vindeira semana comezaremos a usar esta aplicación para facer as videochamadas, en lugar da aplicación ZOOM. 

A principal vantaxe da aplicación WEBEX é que está regulada pola Consellería de Educación, co cal queda garantida a protección de datos do alumnado. Ademais, para familias que non teñan boa conexión de Internet, ofrece a opción de participar cunha chamada de teléfono (so con voz).

 Recomendamos ver este video publicado pola Consellería:

E despois, recomendamos ler a guía simplificada para o noso CRA, que achegamos a esta publicación, para poder facer a conexión cando cada titora convoque ás familias da súa escola. Non é preciso descargar a aplicación para participar nas videochamadas. 

Para calquera dúbida, podedes consultar ás titoras ou escribir ao correo do centro: cra.oroso@edu.xunta.gal 

 

Saúdos e boa fin de semana!

 

 

 

 

Publicación guías aulas virtuais Infantil e Primaria 3º trimestre 19-20

Queridas familias, publicamos como arquivos adxuntos unhas sinxelas guías de uso das aulas virtuais que usaremos neste 3º trimestre.

O obxectivo do uso destas aulas virtuais é facilitar o traballo co alumnado, ao ter unha única plataforma de traballo que permita usar diversos recursos (actividades interactivas, fichas ou libros de traballo, enlaces web para ver, etc...) e proporcionar un seguemento de cada alumno/a en particular, xa que cada neno/a terá un código individual de acceso.

Nestes primeiros días é preciso que accedades ás aulas virtuais (hai unha para alumnado de Infantil e outra para alumnado de Primaria) coas claves que vos mandaremos de forma individual a cada familia mediante a aplicación abalarMóbil.

En caso de que haxa algún problema co acceso ás aulas virtuais, podedes notificalo a cada titora ou ao correo do centro: cra.oroso@edu.xunta.gal

Nos vindeiros días, cada unha das mestras irá facilitando información máis detallada ao alumnado de cada escola para traballar nestas aulas virtuais.

Por outro lado, como vos comunicaron nas videoconferencias realizadas o martes 14 de abril, imos a intentar adaptarnos ás necesidades de cada alumno/a por diversos medios de comunicación que complementen a labor desta aula virtual (chamadas de teléfono, correos electrónicos, uso de Whatsapp, videochamadas...).

Un saúdo e moito ánimo!!!

Inicio 3º trimestre 19-20 - Videoconferencia martes 14 abril

Estimadas familias:

O martes 14 de abril da comezo o terceiro trimestre deste curso escolar. Polo momento, non hai instrucións por parte da Consellería de Educación para desenvolver este terceiro trimestre, polo que durante uns días seguiremos con propostas máis abertas do estilo de contos, videos, tarefas sinxelas de repaso....

As titoras de cada escola facilitaranvos información máis detallada nas videoconferencias que se celebrarán o martes 14 de abril. Para as familias que non poidan participar nesta videoconferencia, publicarase un resumo da información tratada nesta páxina web.

Nos vindeiros días cambiaremos de aplicación para as videoconferencias, pero de momento seguiremos usando Zoom, unha vez que xa se arranxaron os problemas de seguridade. Lembrade que tedes que actualizar a aplicación antes de conectarvos (ao abrir a aplicación xa vos aparece a opción de actualizar).

Para retomar o contacto coa escola, achegamos como arquivo adxunto unha proposta de traballo moi sinxela cun pequeno conto.

Esperamos que esteades todos/as moi ben.

Unha forte aperta.

Acceso a aplicacións dixitais CRA Oroso - Inicio 3º trimestre 13 abril 2020

Estimadas familias. 

 Publicamos como adxunto un documento coas indicacións para traballar en dúas plataformas dixitais: Smile and Learn (para alumnado de Infantil e Primaria) e a aula virtual de Santillana (para alumnado de 1º e 2º de Primaria).

O acceso e realización de actividades nestas plataformas é voluntario e non é avaliable (non inflúe nas notas do alumnado).

Para garantir que o acceso so o poidan facer os alumnos/as do noso CRA, enviarémosvos unha mensaxe por abalarMóbil cos datos de usuario e contrasinal de acceso.

Na vindeira semana, non haberá videoconferencias co alumnado, nin atención telefónica por parte do profesorado. 

 O luns 13 de abril voltaremos a publicar unhas propostas de traballo. Avisarémosvos mediante unha mensaxe de abalarMóbil. Nesa semana comezará o traballo do 3º trimestre, para o cal vos daremos indicacións máis concretas unha vez que o planteemos, segundo as Instrucións da Consellería de Educación para o desenvolvemento do 3º trimestre (que aínda non foron publicadas).

Si por calquera motivo precisades contactar co noso colexio, podedes enviar un correo á dirección: 

cra.oroso@edu.xunta.gal

 Unha forte aperta de todo o profesorado.

Propostas de actividades 1 a 3 de abril

Queridas familias:

Publicamos como arquivo adxunto a proposta de traballo para estes días. Coma sempre, incluimos unhas recomendacións de traballo, destacando a voluntariedade de realizar todas as tarefas. Xa que é a última semana deste 2º trimestre, publicamos unhas tarefas conxuntas para Infantil e Primaria, con pequenas variacións en función da idade de cada alumno/a.

Unha aperta!

Información importante - Avaliación 2º trimestre curso 19-20

Para o coñecemento do noso alumnado e das súas familias queremos informarvos das Instrucións remitidas aos centros educativos por parte da Consellería de Educación, relativas á avaliación do 2º trimestre do curso escolar 19-20.

Segundo estas Instrucións, a avaliación do alumnado farase coa referencia do último día no que asistiron ao centro escolar (xoves 12 ou venres 13 de marzo). As actividades desenvolvidas de xeito telemático dende a suspensión das clases ata o día 3 de abril non son avaliables (serán revisadas polo profesorado cando se retomen as clases, pero non terán validez para a nota deste trimestre).

Na semana do 30 de marzo ao 3 de abril faremos as sesións de avaliación no noso centro educativo. Unha vez que estean avaliados todos os alumnos/as, as familias poderán ver as súas notas a través da aplicación abalarMóbil. O centro educativo avisará ás familias da publicación destas notas mediante unha mensaxe a través da aplicación abalarMóbil.

 

Saúdos.

 

Proposta de traballo 30 - 31 de marzo

Estimadas familias, achegamos como arquivos adxuntos as propostas de traballo para os días 30 e 31 de marzo.

Para estes días fixemos dúas propostas de traballo: unha para Educación Infantil e outra para Educación Primaria. Hai moitas cousas comúns para todas as idades e nalgúns casos tamén hai tarefas diferentes segundo a idade.

Queremos lembrarvos que non é preciso facer todas as tarefas propostas. É unha proposta de traballo que cada familia debe de adaptar ás súas circunstancias e aos intereses do alumnado. 

Unha forte aperta!

Videoconferencias CRA Oroso - Mércores 1 e venres 3 de abril ás 10:00

Despois dunha exitosa primeira toma de contacto no día de hoxe, comunicámosvos que as videoconferencias da próxima semana serán o mércores 1 e o venres 3 de abril, ás 10:00 ambos días.

 

Si hai algunha familia interesada en participar e que non se anotou aínda, podedes facelo nos mails de cada escola. Lembrade que si non escribides á titora da vosa escola e facilitades un mail de contacto é imposible participar. As familias que xa participastes nesta sesión non é preciso que vos anotedes para a próxima semana.

 

Para as familias que se apunten de novo, volvemos a publicar como arquivo adxunto as instrucións de participación e rexistro. Si tedes dúbidas, ou algunha dificultade co rexistro, podedes chamar o luns ou martes, en horario de 10:00 a 13:00 ao teléfono de cada escola ou ao de dirección. 

 

Enderezo de Senra: senraescola@gmail.com

 

Enderezo de Deixebre: deixebreescola@gmail.com

 

Enderezo de Trasmonte: escolatrasmonte@gmail.com

 

Enderezo de Vilacide: escolavilacide@gmail.com

 

Moitas gracias pola vosa participación e moito ánimo!!

Unha forte aperta de todo o profesorado!

Distribuir contido


by Dr. Radut