Saltar navegación.
Inicio

Novas da Biblioteca de Secundaria

Voluntariado na biblioteca escolar

Voluntariado 2019Fai clic para ampliar a foto

04/02/2019

Un ano máis, o noso centro está adherido ao proxecto de Voluntariado na biblioteca escolar, que forma parte do programa de Bibliotecas Escolares Solidarias, incluído no plan LIA (Lectura, Información e Aprendizaxe).

Nesta convocatoria son 18 os alumn@s que participarán nas tarefas de organización e dinamización da biblioteca.

Hoxe tivemos unha reunión de presentación do grupo e, tras un xantar de convivencia, realizamos unha actividade de formación para que coñezan as tarefas que deben asumir no que resta de curso. O seu labor será recoñecido cun diploma oficial de colaborador de biblioteca.

Mitoloxía

Biblioteca mitolóxica

18/01/2019

Neste mes de xaneiro, a Biblioteca de Secundaria quere destacar a súa sección de Mitoloxía. Ofreceremos diversas actividades relacionadas con este tema. A primeira delas terá lugar nos recreos: o alumnado de 1º ESO elaborou, nas clases de Lingua Castelá,  un xogo de naipes de criaturas mitolóxicas: estades invitados a botar unha partida.

A próxima semana engadiremos outra opción de xogo, esta vez on line: no ordenador da biblioteca terás aberta unha páxina de xogos sobre mitoloxía.

Lembramos tamén que continúa aberto o prazo para participar no concurso da Ciencia proposto a finais de novembro. Quen dixo que Ciencia e Mitoloxía eran incompatibles?

Dragón submarino

Frases de ciencia

Ciencia no corredor

04/12/2018

Seguindo coa conmemoración do mes da Ciencia, dende o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, en colaboración coa Biblioteca de Secundaria, propoñemos un concurso dirixido ao noso alumnado.

Ao longo dos corredores están colocadas catro frases, correspondentes a enunciados científicos. Hai que ler con atención e pensar a que teorema, hipótese ou lei corresponde cada unha; quen a formulou; a cal das ciencias pertence. (Seguro que se estiveches atent@ ás clases non terás problema para resolver estes enigmas).

Solicita na biblioteca a ficha de participación e responde ás preguntas establecidas para cada enunciado. Cando estea cuberta, deposítaa na urna habilitada na mesma biblioteca. O prazo de entrega remata o 31 de xaneiro.

As bases completas do concurso atópanse nos propios corredores. Os premios serán libros de temática científica.

Maleta viaxeira

Maleta viaxeira

21/11/2018

"Para ser libre mediante a cultura, igual que para facer boa ciencia, hai que ler"

(Luís Navarro, profesor de Bioloxía na Univ. de Vigo)

Novembro está marcado como o mes da Ciencia en galego. Con este motivo, dende a Biblioteca de Secundaria poñemos a disposición de toda a comunidade educativa unha "maleta viaxeira", chea de material relacionado coas matemáticas. Nela atoparás libros educativos, novelas, libros de xogos, dvds.

Ata o 12 de decembro podes levar en préstamo os exemplares que che interesen.

Novidades da biblioteca

Novembro de 2018

09/11/2018

Estas son as últimas adquisicións feitas dende a Biblioteca de Secundaria. Xa sabedes que podedes levar en préstamo tanto os libros como as películas.

 

Día da Biblioteca

05/11/2018

05/11/2018

Leer es un buen plan era o lema agochado tras o "Xogo de pistas" que propuxo a pasada semana a Biblioteca de Secundaria, con motivo do Día da Biblioteca. O alumnado participante recibiu esta mañá o seu agasallo. Grazas a todos pola participación.

24 de outubro, día Internacional das Bibliotecas

Biblioteca Escolar

24/10/2018
 
Dende 1997, cada 24 de outubro conmemórase o Día da Biblioteca. A proposta xorde da Asociación española de Amigos do libro Infantil e Xuvenil (apoiada polo Ministerio de Cultura) en lembranza da destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico.

A iniciativa xorde para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como instrumento de mellora da formación e da convivencia humana.

Na biblioteca do CPI do Feal propoñemos estes días un xogo para que o alumnado sexa consciente da importancia deste espazo e da lectura.

A Biblioteca sae ao recreo

A Biblioteca sae ao recreo 2018Fai clic para ver todo o álbum da Biblioteca 2018

24/06/2018

Este curso, despois de tanta chuvia, por fin a Biblioteca puido saír ao recreo!! Esta vez houbo un gran concurso, con moitos premios e a animación da Lilicleta. Grazas a todas e a todos por participar e esforzarvos por contestar a todas as preguntas do cuestionario. E parabéns aos gañadores: Brais, Yafreisy, Andrea e Elena!!

A Biblioteca sae ao recreo 2018

Cinema para Levar

Cinema para levar

20/03/2018

Esta semana inauguramos nova sección na Biblioteca de Secundaria: Cinema para Levar. Unha selección de filmes de calidade, que iremos ampliando, e que podedes levar en préstamo para casa e gozar coa familia. Aproveitade agora que chegan as vacacións!!

Curso de Formación para Voluntari@s da Biblioteca de Secundaria

Voluntariado na Biblioteca de SecundariaFai clic para ampliar a foto

13/03/2018

Como sabedes, o noso centro está inscrito no programa de Voluntariado na Biblioteca Escolar da Xunta de Galicia, unha acción integrada no programa de "Bibliotecas Escolares Solidarias". Hai un total de 21 alumnos anotados, de 1º, 2º e 3º da ESO. Para facilitar o labor dos nosos voluntarios, organizamos nas pasadas semanas un breve curso de formación, no cal aprenderon todo o necesario para levar a cabo o seu traballo. Antes do curso, que se celebrou en horario de tarde, os alumnos e alumnas aproveitaron para coller forzas!! Moitas grazas a todas e a todos por participar!!

Podedes ver máis fotos das actividades deste ano nas nosas bibliotecas no álbum "Biblioteca 2018" da nosa Galería.

Voluntariado na Biblioteca de SecundariaFai clic para ampliar a foto

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido