Educación Física, Física e Química, Matemáticas, Tecnoloxía, Bioloxía e Xeoloxía, Inglés, Xeografía e Historia, Francés, Lingua Galega, Lingua Castelá, Artes Plásticas, Música, Secundaria, Relixión
Revista dixital sobre animais de 1º de ESO para Inglés
21/05/2024
O alumnado de 1º da ESO tiña que elaborar unha reportaxe en inglés sobre un animal da súa elección incluíndo imaxes ou debuxos feitos por eles. Esta é unha selección dos mellores traballos de cada grupo que conforman unha pequena revista dixital.
A porcallada: un patio antipático
16/05/2024
O noso alumnado de 3º de ESO B con Educación Dixital búrlase d@s "repunantes" que tiran lixo ao noso patio e aínda teñen máis que dicir. Calquera parecido entre as opinións das personaxes e as do alumnado que as interpreta é mera coincidencia. Ademais, engadimos que este fantástico traballo foi premiado no Certame Intercentros de Narón de 2024, na categoría audiovisual. Parabéns, rapaces!
Nota: En YouTube hai subtítulos en galego por se non se escoita ben algunha frase.
A primavera das Letras
14/05/2024
O alumnado de segundo da ESO pescudou no noso centro sobre as diferentes árbores que temos plantadas e así de fermoso lles quedou o seu traballo de investigación.
Excursión luguesa de 4º de ESO
07/06/2024
O pasado luns 6 de maio, o alumnado de 4º da ESO do CPI O Feal realizou unha excursión á casa-museo de Manuel María en Outeiro de Rei e ao Castro de Viladonga en Castro de Rei, Provincia de Lugo. A excursión foi realizada en colaboración do departamento de Lingua galega e literatura e Historia.
Na Casa-Museo de Manuel María foron recibidos por Antón, guía do museo que realizou unha presentación moi animada na que a rapazada tivo que realizar varias dinámicas relacionadas coa obra do autor. Entre poemas e música foron coñecendo particularidades do poeta da posguerra española e da súa xeración.
A continuación, visitaron a casa onde viviu os seus primeiros anos de vida e onde regresaría na súa vida adulta nalgún momento posterior pero xa como visita. Nela descubriron a devoción de Manuel María polos libros aos que dedicou gran cantidade de tempo para encadernalos de novo e colocar fitas de cores como marcapáxinas.
A continuación, viaxaron a Castro de Rei para descubrir, na compaña do equipo arqueolóxico do museo de Viladonga, a cultura e costumes da idade de bronce. Os restos arqueolóxicos da croa do castro, mostran os modos de vida das xentes que habitaron por séculos este lugar e como foi modificando os mesmos co paso do tempo e a influencia romana.
Dentro do museo, a rapazada gozou coa cantidade de obxectos que foron rescatados das excavacións e curiosidades dos mesmos: moedas, fouces, puñais, artellos de cociña...
Finalizaron a xornada cunha merenda na área recreativa de Santa Isabel en Outeiro de Rei, onde descansaron antes de regresar de novo ao centro.
Nova visita da escritora Andrea Maceiras
16/04/2024
O pasado día 10 de abril o alumnado de 4º ESO recibiu a visita da escritora Andrea Maceiras (A Coruña, 1987), convidada a través do departamento de galego. Resultou ser unha charla moi entretida na que soubo gañar a confianza e respecto da rapazada de 4º, demostrando ser, ademais dunha prolífica e premiada escritora, unha persoa cunha enerxía moi especial e que sabe chegar ao corazón da mocidade.
Desde un primeiro instante mostrouse dialogante e interesada pola xente nova e as súas inquedanzas. Aínda que viña falar do seu libro O que sei do silencio (2018 Xerais), finalista do premio Raíña Lupa 2017 da Deputación da Coruña, primeiro comezou contando un pequeno conto de fadas que tiña moito que ver co tema do libro: o acoso escolar. Descubrimos, desta maneira, o gusto de Andrea Maceiras polos contos de fadas e o conto tradicional como fonte de transmisión cultural e aprendizaxe.
Despois deste marabilloso relato, sucedeuse unha charla amena e distendida na que se falou sobre o mundo editorial, os motivos que levaron á publicación da obra, os primeiros chanzos na historia literaria de Andrea Maceiras, a figura do acosador ou acosadora pasiva etc.
Finalmente, o alumnado puido botar man dos seus libros para que Andrea Maceiras estampase a súa dedicatoria no mesmo e o departamento de lingua e literatura galegas aproveitou tamén para deixar unha dedicatoria desta visita na biblioteca.
Se tes interese por afondar máis na obra ou na biografía de Andrea Maceiras, visita a súa web: https://andreamaceiras.es/gl/
París 2024: odisea na capital gala
09/04/2024
Un grupo de 26 alumnos de francés de 4º ESO e tres profesoras do centro partiron de Viaxe Cultural a París do 31 de marzo ao 4 de abril.
Nada facía presaxiar que un virus gastrointestinal apuntaríase tamén a viaxar con nós!!. Dez alumnos e dúas profesoras víronse afectados complicándonos bastante a situación e tendo que recorrer ao uso da máscara e ao illamento dos afectados para non contaxiar ao resto do grupo. Tivemos que reorganizar o noso itinerario, pero pouco a pouco a cousa mellorou e todo o grupo puido viaxar o derradeiro día a Disneyland París, o broche final e máxico da viaxe, que conseguiu facernos esquecer as dificultades pasadas.
Vimos menos cousas das previstas pero aprendemos a afrontar situacións complicadas, o que é un importante aprendizaxe de vida. Dende a distancia lembrarémolo con risas e o que é indubidable é que esta viaxe quedará para sempre no recordo. Agradecementos para os alumnos pola súa colaboración nesta “aventura inesperada” :Vous êtes MAGNIFIQUES!!.
Deixámosvos algunhas imaxes no álbum "París 2024" da nosa galería. Ademais, a nosa alumna Berta Caneiro Albes enviounos unha divertida montaxe en vídeo que xa está no noso canal de YouTube. É posible que máis adiante subamos un vídeo adicional con gravacións horizontais, para que se vexa mellor en televisores u ordenadores.
Entrega de premios do torneo de xadrez da ESO
02/04/2024
Durante o pasado mes de marzo tivo lugar na Bliblioteca de secundaria un apaixoante torneo de xadrez que chegou ao seu fin proclamando como campións a Iván López (4º B) como 1º clasificado, Xoel Durán (4º A) en segunda posición e completando o podio Xián Pena (4ºB).
Este torneo resultou unha experiencia interesante e enriquecedora onde alumnos e alumnas de diferentes cursos interactuaron, xogaron e animaron aos participantes, facendo que a Biblioteca fose un espacio de xogo e compañerismo. Moitas grazas a todos e todas as que participáchedes (alumnado e profesorado) e aos voluntarios da Biblioteca, en especial a Antía Picos, que estivo supervisando as partidas durante todo o mes.
Esperamos que disfrutárades do torneo, de seguro que faremos outro!
Programa PIALE de inmersión lingüística en Burdeos
03/03/2024
O pasado mes de novembro a nosa compañeira Paula do Dpto. de Francés viaxou á cidade de Burdeos, como beneficiaria do programa de inmersión PIALE da Consellería de Educación. Alí xunto con outros vinte docentes de toda Galicia, somerxeuse durante un mes na vida bordelesa e acudiu a diario a un instituto, para observar e comparar as semellanzas e diferenzas do sistema educativo, da organización dos centros e das metodoloxías empregadas no país galo. Se queres saber máis sobre a súa estadía, pincha aquí.
E ti, compañeiro/a, se queres participar este ano nesta formación, tes ata o 19 de marzo para inscribirte: www.edu.xunta.gal/portal/es/node/42466. Este programa lévase a cabo en Francia, mais tamén noutros países como Portugal, Alemaña, Reino Unido e Canadá. Non deixes pasar a oportunidade!
Les Trois Mousquetaires
26/02/2024
A semana pasada, o alumnado de Francés de 3° de ESO, acompañado das profesoras Paula e Montse, achegouse ata o Colexio Cristo Rey de Ferrol para desfrutar dun clásico do escritor Alexandre Dumas, "Les Trois Mousquetaires", adaptado ao teatro pola compañía BHM Producciones.
Non esquezamos o seu lema:
Un pour tous et tous pour un! ⚔️
Enderezos electrónicos
- Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
- ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
- Coordinación da web: web.feal@gmail.com