Eventos
Queremos celebrar este 24 de outubro, día da Biblioteca, facéndovos partícipes dos fondos da nosa biblioteca. Na mesa expositor da entrada do edificio de Secundaria hai uns exemplares de libros que van ser expurgados así que, que mellor que cadaquén leve o que máis lle interese?! Simplemente tedes que escoller o exemplar (ou exemplares) que vos interesen e levalos para a vosa biblioteca persoal.
Botade un ollo e apurade antes de que se rematen! |
O xoves 25 de outubro, o alumnado de 3º e 4º de ESO dos CPI de Boqueixón, Touro e Vedra, participaron en talleres de Educación Viaria que pretenden concienciar, vivenciar e reforzar entre os máis novos as repercusións que poden ter as distraccións ao volante, o consumo de alcol e drogas, o exceso de velocidade, o uso do casco... e os comportamentos como peóns. A actividade celebrouse nas dependencias do CPIP Antonio Orza Couto de Boqueixón, en colaboración cos centros educativos de Touro e Vedra e os concellos. Velaquí un resumo dos diferentes talleres en imaxes: |
O 30 de outubro, de 16:15 a 17:15 recibimos a visita da Valedora do Pobo, Milagros Otero, que escoitou as suxestións do noso alumnado de 5º e 6º de Primaria a respecto dos temas que lles preocupan. A esta xuntanza tamén tiveron a oportunidade de asistir os/as veciños/-as de Boqueixón que o desexaron e puideron presentar ante a valedora do pobo as súas suxestións. |
O alumnado de 4º de ESO vai participar nun taller sobre a prevención da violencia de xénero na adolescencia. Esta actividade enmárcase no Plan de Acción Titorial do centro e levarase a cabo nas cinco sesións de Titoría que se indican a continuación. Datas de celebración: 31 de outubro e 7, 14, 21 e 28 de novembro. Impartido por: Yolanda Neira (psicóloga do Concello de Boqueixón) |