ALXÉN
Pasei a mañá de onte no colexio público de Alxén, en Salvaterra. Os alumnos de cuarto elexíronme como padriño do seu curso, puxéronlle o meu nome a unha aula e colocaron na porta, ademais, unha caricatura miña…..
Chamoume a atención que estiveran tan caladiños e que preguntaran tanto e tan ben. Unha rapaciña quixo que lles dixera algo en sueco e aproveitei para aprenderlles a dicir gracias, que se di -tack-, a poder ser, repetido como se fose unha metralleta…
Cando xa saía, nas escaleiras estaban sentados os máis pequenos, acompañados dunha profesora. Nada máis verme, viñeron correndo, puxéronse arredor e empezáronme a amosar os debuxos que acababan de facer: retratos meus divertidísimos, nos que aparecía case sempre cun puro na man o na boca.
Carlos Casares
"La Voz de Galicia" (16/05/2000)