CRECENDO XUNTOS, APRENDENDO PARA SEMPRE
OBRADOIRO DE CABAZAS (27 - 10 - 2022).
Enviado por Noelia o Sáb, 29/10/2022 - 11:36Ao longo desta semana, as familias do alumnado, mandaron ao cole cabazas e castañas para a nosa celebración do Magosto - Samaín.
Moitas grazas pola vosa colaboración!
Ademais, María e Luís (nai e pai de Xila) e Yolanda (nai de Theo), acompañáronnos no obradoiro para axudarnos a transformar as cabazas en caveiras arrepiantes coas que espantar os nosos medos!
Quedaron estupendas!!
A PRIMEIRA MEDIA DUCIA DE OVOS. (26 - 10 - 2022).
Enviado por Noelia o Sáb, 29/10/2022 - 11:07Comeza nesta semana o reparto de ovos do noso gaiñeiro para as familias que manifestaron o seu desexo de levalos para a casa.
Iremos en orde de lista, dende o alumnado máis pequeniño ata o alumnado de maior idade.
Comeza Valentina, que marchou feliz coa súa maletiña para transportalos!
ANTÓN LOPO: texto agasallo para o Colectivo LEMOS LE (Día da Biblioteca 2022)
Enviado por admin o Mér, 26/10/2022 - 08:53A primeira vez que entro en Xistral teño dez anos. Eu aínda leo a Enid Blyton, novelas de ciencia ficción de Clark Carrados e contos de fadas que me trae a miña curmá dos Xerifas, ademais de incursións ailladas na literatura para adultos, basicamente Anna Karenina de Tolstoy e Que o ceo a xulgue de Ben Ames Williams. Vou á Xistral porque o meu amigo Jorge Vila me di que abriron unha librería "fantástica e modernísima" nas galerías Fontecha e ningún dos dous queremos perdermos a experiencia.
Nada máis chantarnos diante do escaparate da Xistral, quedamos fascinados. Era un espazo branco, como unha nave espacial do 2001 de Kubrick [acababámola de ver no cine]. Pero en vez de computadoras, había libros [nunca viramos tantos xuntos]. A partir dese día [desa visita ao espazo interestelar], non hai tarde que non pasemos por Xistral, sexa para mercar un lápiz ou escoitar falar a Saleta Goy e Manuel María de temas que se nos antollaban arraianos coa ilegalidade [de puro cósmicos]. A luz de Manuel acrecéntase cando me entero de que é o autor de Os soños na gaiola, o libro que me descubrira no galego o don da escrita [un cargueiro espacial flotando no universo]. Porque ao entrar en Xistral todos sentimos que podiamos ser astronautas.
Antón Lopo
Outubro 2022
"PROCÚRA-SE PEPA A LOBA" (24 - 10 - 2022).
Enviado por Noelia o Mar, 25/10/2022 - 19:54Este luns, para conmemorar o "Día das bibliotecas" fomos convidados pola biblioteca municipal de Bóveda ao espectáculo de monicreques "Procúrase Pepa A Loba" de Cristina Collazo. Compartiron esta xornada con nós usuarios e usuarias da residencia "Domus VI".
Foi un espectáculo moi divertido e pasámolo de medo!
Moitas grazas por organizalo e convidarnos a asistir!!
O NOSO PRIMEIRO OVO NO COLE (20 - 10 - 2022).
Enviado por Noelia o Xov, 20/10/2022 - 19:56Como cada día, despois do xantar, Chichita e un par de nenos/as van levar comidiña ao galiñeiro.
Hoxe tocoulles a Carlos e máis Aurora que se atoparon coa grata sorpresa de que as nosas pitas comezaron a poñer.
Este é o noso primeiro ovo da escola e queremos compartir a noticia con toda a comunidade educativa.
PERRUQUERÍA DE GALIÑAS E CHEGADA DO NOVO GALO AO GALIÑEIRO. (7 - 10 - 2022)
Enviado por Noelia o Ven, 07/10/2022 - 20:32Hoxe recibimos a visita de Luís, o avó de María, que chegou cun novo galo para o galiñeiro.
Luís viña preparado, ademais,cunhas tesoiras especiais para as plumas das ás das nosas pitas.
O avó de María sabe moito sobre galiñas e explicounos que é preciso recortarlle un pouco as plumas da punta das ás para que non escapen voando. (Iso non lles doe nada, é coma ir á perruquería a cortar o pelo).
Estivemos moi atentos e atentas a todo o proceso e agradecémoslle a Luís o seu traballo e as súas ensinanzas.
Plan Dixital do CEIP Rosalía de Castro
Enviado por admin o Ven, 07/10/2022 - 10:42Plan Dixital do CEIP Rosalía de Castro, de Bóveda V 1.0.
CRÓNICA DO GALIÑEIRO: a misteriosa desaparición do galo Manuel (6 - 10 - 2022).
Enviado por Noelia o Xov, 06/10/2022 - 20:50Nesta semana vivíronse no noso cole momentos asombrosos! Dende a explosión dun ovo fétido ata a desaparición da parella da nosa galiña Rosalía. Comecemos dende o principio:
A PASADA FIN DE SEMANA chegou a primeira pita habitante do noso galiñeiro, ela é Rosalía, unha pitiña negra que chegou de noite da man de Montse, Diego e Amable (nai, irmán e avoa de Álex) tapadiña nunha caixa e acompañada dos dous ovos que estaba rematando de incubar.
Rosalía estaba destinada a ser a nai adoptiva dos ovos que tiñamos na incubadora. Lastimosamente, os ovos non foron adiante así que depositamos as nosas esperanzas neses outros dous que Rosalía traía consigo.
O LUNS fomos correndo a ver a Rosalía e comprobar se naceran pero o ansiado momento non acababa de chegar.
O MARTES apareceu o galo Manuel, pequeniño pero impetuoso e, dado que os ovos de Rosalía non naceran decidimos abrilos. Aquí é onde se produciu a EXPLOSIÓN INESPERADA que colleu de sorpresa aos alí presentes deixando un aroma indescriptible nos arredores do horto.
Coa idea de que a natureza seguira o seu curso e nos regalara os tan ansiados pitiños, decidimos aumentar as posibilidades traendo ao cole dúas galiñas máis. Hoxe XOVES, Yolanda (nai de Theo), trouxo dúas pitiñas novas que fomos levar a primeira hora ao galiñeiro.
Foi nese momento cando nos decatamos do sorprendente suceso: O GALO MANUEL NON ESTABA NO GALIÑEIRO! Deixamos ás dúas pitiñas dentro e rapidamente iniciamos unha procura que resultou infructuosa.
Precisabamos axuda de todo o cole así que o alumnado de Infantil percorreu todas as aulas informando da desaparición e emprazando a todos e a todas a unha procura exhaustiva na hora do recreo.
Todo o mundo participou e, grazas ás dotes detectivescas do noso alumnado, puidemos atopar as pistas en forma de plumas negras e varios buratos por onde poida que Manuel se fugase.
Seguiremos investigando e informaremos de calquera avance nas nosas pesquisas.
Esta é unha FOTO DE ARQUIVO do noso galo. Rogamos a quen o vexa que avise axiña ao colexio. Grazas pola vosa colaboración.
COLLEITA DO MILLO (4 - 10 - 2022).
Enviado por Noelia o Xov, 06/10/2022 - 20:12O alumnado de 3º e 4º de Primaria coa axuda do profe Félix realizou a colleita do millo do horto escolar e gardaron todos os tomates para que vaian madurando no interior.
Os habitantes do noso galiñeiro darán boa conta desta nosa produción!
DECORANDO A ASEMBLEA DO HORTO. (Obradoiro cooperativo: Infantil-3º ciclo). (22 - 09 - 2022).
Enviado por Noelia o Dom, 25/09/2022 - 13:43Antes de cada sesión de traballo no horto sentamos nos troncos da nosa asemblea para poder organizar as labores e tamén, ao remate, valorar a xornada.
Para que estes "sentallós" poidan durar moito tempo decidimos protexelos e decoralos con pintura acrílica de cores.
O alumnado de Infantil xunto co alumnado de 5º e 6º de Primaria, levaron a cabo este obradoiro cooperativo de traballo por parellas.
A actividade foi todo un éxito: as nenas e nenos pequenos portáronse de marabilla e as nenas e nenos maiores fixeron un fantástico traballo de titorización, asesoramento e colaboración.
Grazas rapazada! Sodes xeniais!!
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 16
- 17
- 18
- 19
- 20
- 21
- 22
- 23
- 24
- …
- seguinte ›
- última »