VISÍTANOS COGAMI
Preme encima para acceder as imaxes da xornada.
Esta semana recibimos unha visita moi especial, 26 persoas usuarias e 10 educadoras e educadores do Centro de Recursos para Persoas con Discapacidade Intelectual de Silleda, pertencente a COGAMI. A intención desta visita foi por un lado, sensibilizar ofrecendo unha perspectiva da discapacidade desde a normalización e a inclusión cara as diferenzas e, por outro, coñecer un novo axente socializador dentro da nosa comunidade creando unha relación con elas e eles.
As actividades desenvoltas foron as seguintes:
- Dende o cole preparamos unha exposición con nove quebracabezas. A reflexión nas aulas foi que todas e todos temos unha CAPACIDADE que aportar ao grupo. Polo que, cada un de nós, tivo que escribir na peza o seu nome e debaixo escribir ou ilustrar a capacidade que o fai diferente, único e única. Cada peza destacaba unha das nosas fortalezas, xa que “o mellor do quebracabezas, son as pezas que o compoñen”.
- Unha xornada de sensibilización o xoves 1 de decembro. Fixemos tres propostas diferenciadas segundo o nivel:
- Contacontos. O alumnado de infantil acudiu á biblioteca para coñecer a Lolo e a súa fermosa historia da man de Emilio, Lidia e María.
- Realizouse unha demostración práctica dos talleres ocupacionais que en COGAMI desenvolven as súas persoas usuarias. O alumnado de 5º e 6º de Primaria puido bordar, traballar co coiro e desfrutar das actividades manuais que dende o centro prepararon.
- E, para o alumnado de 1º a 4º de EP preparáronse unhas xincanas sensoriais. Descubriron o alfabeto dactilodóxico, probaron o que se sente ao estar privados dos sentidos como o da vista e compartiron experiencias co persoal e usuarios/as do centro.