50º ANIVERSARIO
Este ano é especial para todos nós. O noso centro está a celebrar o seu 50 aniversario, medio século cheo de historias, aprendizaxes, sorrisos e, sobre todo, dunha comunidade que segue a medrar con cada xeración que pasa por estas aulas.
Cincuenta anos de ensinanza é o tempo que nos vén á mente para expresar este camiño compartido. Non só durante a etapa escolar, senón tamén despois, pois o colexio segue presente na vida de cada un de vós, nas lembranzas, nas amizades que perduran e no vínculo que, no fondo, nunca se rompe. Moitos de vós sodes pais ou nais que tamén estudastes aquí, e pronto teremos avós e avoas que un día foron alumnos/as e que agora ven aos seus netos e netas gozar da mesma experiencia. Este é o verdadeiro tesouro dun centro rural coma o noso: a conexión persoal e permanente que se crea entre familias, alumnado e profesorado.
Durante este curso escolar desenvolveremos un programa de actividades para festexar o aniversario, pensado rememorar a nosa historia e fortalecer os lazos coa comunidade: Son D`aquí (coloquios e faladoiros de antig@s mestr@s, alumn@s ou persoal que estivo no centro), concurso de lemas, recollida e publicación de fotos antigas, calendario de nadal con historia, as Panxoliñas do Recordo, Carreira Solidaria 50 aniversario, desfile de traxes tradicionais do CEIP Nosa Señora das Dores, libro conmemorativo, reencontro cincuenta anos despois, ...... son exemplos do que se realizará durante estes nove meses.
Esperamos con ilusión que participedes destas propostas e que todos poidamos dicir con orgullo: seguimos camiñando xuntos, e o mellor aínda está por vir.
Un afectuoso saúdo,
O claustro do CEIP Nosa Señora das Dores