Meteoescolas

Metereoloxía no aula de apoio

O alumnado do aula de apoio colabora diariamente no proxecto de Meteoescolas que está a desenvolver o alumnado de 6º curso no noso centro, coa toma de datos metereolóxicos en formato gráfico.

Todos os días, desde que comezou o curso, colorean as imaxes do tempo que fai e colócanas, no seu lugar correspondente, no almanaque que rexistra ditos datos e que está situado nos corredores das aulas para poder ser consultado con facilidade polo resto da comunidade educativa.

Galería de imaxes

O PDI estivo presente no Festival de Nadal

No Festival de Nadal o alumnado de segundo curso e o de 6º curso realizaron actividades relacionadas co PDI que estamos a desenvolver este ano:

Humor matemático representado polo alumnado de 2º curso

Interpretación con coreografía da canción de Gene Kelli "Singing in the rain".

Finalistas no concurso "Ciencia que conta"

A alumna do noso centro, Camino Alonso Fuente, foi finalista no concurso "Ciencia que conta" co seu traballo titulado "Néfele, a raiña das nubes" conto realizado como actividade de investigación creativa e orixinal, no proxecto de Meteoescolas. Se premedes no título podedes ler o conto orixinal, así como os do resto dos compañeiros.

Na sesión de información que realizaron os alumnos de 6º curso, sobre o programa que están a desenvolver en Meteoescolas, a finalista, fíxonos unha lectura da súa obra.

 

Moitos parabéns!!!

Presentación do programa Meteoescolas

O alumnado de 6º curso distribuíuse en dous grupos para realizar unhas sesións informativas, dirixidas a todo o alumnado do centro, e dar a coñecer o traballo que están a desenvolver no proxecto de Meteoescolas en colaboración con outros centros de Galicia. Un grupo traballou co alumnado de Ed. Infantil e Primeiro Ciclo de Ed. Primaria e o outro co resto do alumnado do centro.

A primeira sesión formativa foi dirixida aos máis cativos do centro. Os encargados deste traballo empregaron como medio de exposición a representación dunha obra teatral que tivo como fío condutor o libro de "Bos días árbore! As estacións", publicada por edicións Sálvora. Os espectadores gozaron enormemente coa fabulosa interpretación dos artistas de 6º curso e coas súas recitaxes dos diferentes poemas relacionados coa meteoroloxía.

A segunda sesión informativa tivo un carácter moito máis académico. Informouse ao alumnado do centro do proceso que se está a seguir para a recollida de datos meteorolóxicos e de como interpretar un mapa do tempo dos que aparecen na web de Meteogalicia. A exposición de contidos tamén estivo acompañada coa lectura de varios poemas relacionados con diferentes meteoros.

Como remate destas dúas sesións informouse en que ían consistir as dúas actividades/concurso destinadas a toda a comunidade educativa:

  • Recollida de imaxes de diferentes fenómenos meteorolóxicos: nevadas, xeadas, treboadas...
  • Recollida de imaxes de nubes. Nel exporemos as mellores instantáneas que nos acheguedes das formas das nubes.

 

Vídeo da clase informativa:

Lecturas meteorolóxicas

O alumnado de 6º curso todos os mércores na Hora de ler analiza a información meteorolóxica que aparece nos xornais que temos na biblioteca do centro: "La Voz de Galicia" e "La Región".

Todos os traballos que van realizando nestas sesións quedan reflectidos no taboleiro de novas da clase destinado a Meteoroloxía.

Hora de ler meteorolóxica

Inauguración da estación meteorolóxica

O día 1 de decembro foi a inauguración oficial da nosa estación meteorolóxica. Ese día, todo o alumnado implicado na recollida de datos baixou ata as instalacións da estación para ver en situ o procedemento a seguir para recoller os datos meteorolóxicos nas fichas de rexistro elaboradas para tal actividade.

O alumnado de 6º curso, en grupos de 2 alumnos/as, será o encargado de recoller diariamente os datos, para o cal os mestres responsables do programa estableceron as oportunas quendas.

De momento, a estación conta cun termómetro de máximas e mínimas e un pluviómetro.

Obradoiro de formación no proxecto de Meteoescolas

Na última semana do mes de novembro puxemos en funcionamento a web de meteoroloxía do noso centro para recoller todas aquelas novas relacionadas co proxecto Meteoescolas.

Todo o alumnado e profesorado implicado participou activamente na biblioteca do cole nun obradoiro de formación para ser quen de rexistrar e introducir os datos meteorolóxicos observados na web.

Neste obradoiro traballamos cos datos meteorolóxicos reflectidos en Meteogalicia dos meses de setembro, outubro e novembro de 2014.

Asemade, tamén realizamos prácticas de medida co pluviómetro e o termómetro de máximas e mínimas, que de momentos son os aparellos de que dispomos na nosa estación.


 

Estación meteorolóxica de Leo

A finais de novembro, e grazas a colaboración de varios membros da comunidade educativa do cole, foi instalada a nova estación meteorolóxica do CEIP Manuel Sueiro.

Dita estación está situada na zona norte do colexio nunha parte despexada do recinto para recoller coa mallor precisión posible os datos meteorolóxicos do noso barrio.

Os rexistros que cada día indiquen os aparellos da estación, serán reflectidos na nosa web e na web oficial que Meteogalicia pon a disposición dos centros que participan no programa de Meteoescolas.

De momento, a estación conta cun termómetro de máximas e mínimas e un pluviómetro.

Concurso "Ciencia que conta"

No mes de novembro o alumnado de 6º curso participou no concurso de relatos curtos relacionados coa ciencia "Ciencia Que Conta". En xeral, tratábase de relatar poñendo en valor a importancia da I+D+i no desenvolvemento económico e benestar dunha sociedade –nomeadamente a galega- e un maior recoñecemento social destas actividades, así como un achegamento ao traballo científico e ás profesións de científicos e tecnólogos.

Neste libro recopilamos os traballos presentados polo alumado de sexto curso do noso centro, esperamos que sexan do voso agrado.

Proxecto de Meteoescolas.

O proxecto presentado polo noso centro, foi seleccionado xunto a outros 4 centros da provincia de Ourense, para participar no programa de Meteoescolas que organiza á Consellería de Medio Ambiente en colaboración coa Consellería de Educación, Cultura e O.U.

O profesorado encargado de coordinar este proxecto participou nunha xornada de formación que se desenvolveu nas aulas de Meteo Galicia en Santiago. Alí fíxosenos entrega dos instrumentos necesarios para a recollida de datos meteorolóxicos (un pluviómetro e un termómetro dixital de máimas e mínimas) e que serán instalados no patio do noso cole.

Elaboramos un blog no que iremos reflectindo tanto os datos metereolóxicos rexistrados como as actividades realizadas ao longo do curso en relación ao proxecto Meteoescolas.

Distribuir contido