HORA DE LER. 6º EDUCACIÓN PRIMARIA.

Hora_6ep

A  hora de ler realízase todos os días, de 12:00 a 12:20 horas e a súa configuración está deseñada pola titora Eva Vidal Ferro (3 sesións) e por María Concepción López Martínez (2 sesións). Aínda que moitas das sesións deste curso tamén contamos coa inestimable colaboración da responsable de biblioteca.

Nas diferentes actividades que se fixeron procuráronse cubrir os diferentes gustos do noso alumnado, polo que buscamos que as lecturas e as actividades ao longo do curso fosen variadas en contidos, xénero, tipoloxía e complexidade. Para isto utilizamos diferentes soportes: impresos e electrónicos (libros de lectura propiamente ditos, prensa, libros de consulta, cómics, folletos, obras de teatro, Internet… tanto en galego como en castelán. 
No curso escolar 2023/2024  realizamos as seguintes actividades:
1º trimestre: lecturas comúns a todos os nenos e nenas.

la_vuelta

•    Castelán: La vuelta al mundo en 80 días. Ed. Almadraba. O Club de lectura de 6º curso de Educación Primaria traballou o libro durante o mes de setembro e outubro. O libro Trata sobre o cabaleiro inglés Phileas Fogg quere demostrarlle á sociedade do seu tempo (1872) que se pode dar a volta ao mundo en só 80 días. Durante a viaxe, Fogg e o seu servo Passepartout teñen que loitar contra todo tipo de obstáculos e, sobre todo, contra o paso do tempo. Este libro foi a escusa perfecta para que o alumnado de sexto sentise curiosidade pola vida no século XIX, polas diferencias culturais en todo o mundo, polos fusos horarios e o seu funcionamento, polos medios de transporte e a súa evolución ao longo da historia... e mesmo polos debuxos animados que vían os seus pais e a súa titora cando eran coma eles. Os medios tecnolóxicos facilitáronnos descubrir todo isto... a continuación deixámosvos dous enlaces que empregamos ao longo da nosa lectura. As actividades que realizamos foron as seguintes:

  • Debuxos animados: “Willy Fog: la Vuelta al mundo” (canción)
  • Realizamos a viaxe de Phileas Fogg co Google Earth

Biblio

•    Galego: Obra de teatro “SuperLeo e os personaxes máxicos”.(Día das Bibliotecas). Este ano, como os maiores do colexio, tocounos levar o peso da celebración do Día das Bibliotecas Escolares, o 25 de outubro. Pero para que esta festa puidese ser posible os nenos e nenas de 6º dedicáronlle moitas sesións de lectura a memorizar e a ensaiar a obra que escribiu para eles a responsable da nosa biblioteca. Despois chegaría o momento, tan esperado, de vestir os traxes dos seus personaxes literarios favoritos, desde Harry Potter ata os protagonistas dos contos clásicos, dando vida ás historias que lles gustan. O ambiente estaba cheo de maxia e aventura, e a ilusión polos libros estaba no aire. As actividades deste día comezaron a primeira hora da mañá coa representación da obra titulada “Superleo e os personaxes máxicos” na que dunha forma lúdica e divertida ían inculcando nos nenos e nenas a formación de usuarios. A xornada culminou cun concurso no os protagonistas da obra ( os nenos e nenas de 6º EP) ían facendo preguntas ao público infantil sobre diversos aspectos do funcionamento da biblioteca. A celebración do Día da Biblioteca Escolar no CEIP Manuel Sueiro non só promoveu a importancia da lectura, senón que reforzou o vínculo entre a comunidade escolar e a biblioteca.

Tripticos

•    Castelán: Folletos/ trípticos publicitarios elaborados polo propio alumnado. Cando planificamos a organización da hora de ler tiñamos claro que un dos obxectivos ía ser fomentar o gusto pola lectura e, para logralo, iamos ler en diferentes formatos e soportes. O que nunca pensamos é que os nosos alumnos e alumnas de 6º de EP serían capaces de crear eses propios documentos con tanta calidade. A finais do primeiro trimestre cada neno e nena elixiu un tema do que era “experto”, ampliou a información que tiña, organizou o seu tríptico, decidiu como escribilo (se a man ou con ordenador) e creou un folleto que máis tarde lle presentou ao grupo clase. Desde entón todos os trípticos presiden o corredor do colexio baixo o lema (elixido democraticamente) : “¿Qué quieres aprender hoy?”.
    Este foi o modo en que os nosos lectores de sexto se converteron en escritores e publicistas por uns días. Agora toda a comunidade educativa ten a oportunidade de ler o que eles escribiron. Non dubidedes en pasarvos polo noso recuncho!


2º trimestre: lecturas comúns a todos os nenos e nenas:

Segredos•    Galego: Segredos Soterrados. Xabier Domínguez Pérez e Alba de Evan Freijedo. Ed. Xerais. O Club de lectura de 6º curso de Educación Primaria traballou o libro durante o mes de xaneiro e febreiro. O libro relata unha aventura nun campamento de Muiños (Ourense) nos traslade a principios do século XX e remova nas nosas mentes o aprendido no primeiro trimestre sobre a II Guerra Mundial. Pois isto foi o que lograron os seus autores ao escribir a historia de Anxela, Sabela, Jorge e a “especial”gata Morriña.    Os protagonistas deste libro conseguiron que nos mergullásemos nunha trama onde se entrelazaron os intereses económicos e corruptos dunha poderosa multinacional, coa defensa do medio ambiente e coa presenza nazi en Galicia. Unha trama que lle encantou aos nosos lectores de 6º e na que afondamos grazas ao Kahoot que crearon os nosos compañeiros de 5º EP e do encontro que tivemos cunha das súas autoras: Alba De Evan. Este foi un  dos libros que máis nos gustou este ano.

Destino_kameko

•    Galego: O destino de Kameko de Abel Alves Ed. Aira. O Club de lectura de 6º curso de Educación Primaria traballou o libro durante o mes de marzo. A iniciación no universo da banda deseñada en galego  chegou a sexto a través do libro “O destino de Kameko” do escritor Abel Alves e con Jorge Campos como ilustrador. Este libro naceu nunha “fabrica de soños nada en Allariz”: Aira editorial, unha desas xoias coas que contamos en Ourense e que as veces non valoramos o suficiente. A historia de Chiharu, unha moza orfa, salvada da morte por unha misteriosa guerreira, cativou aos nenos e nenas de sexto. Eles tan acostumados ao mundo do “manga”, á cultura do Xapón e ó mundo oriental, explicáronlle a esta titora as reviravoltas desta obra... Quen era a nena que levaba sempre unha tartaruga no alto do cocorote? Por que quere apreixala o máis despiadado asasino do imperio? Eles axudáronme a entender esta banda deseñada e eu, como agradecemento, ensineilles os debuxos animados máis orientais e orixinais da miña época e recomendeilles os “mangas” baseados neles: “O doutor  Slump e Arale”. Este libro foi outro acerto na nosa selección, non só porque gozaron moito léndoo senón porque lles deu ás para realizar os seus propios cómics.

rosalía•    Galego: “Miña casiña, meu lar” de Rosalia de Castro (poema) convertido en banda deseñada. Continuamos coa lectura en todos os xéneros e formatos. Agora, aproveitando a iniciativa da Fundación Rosalía de Castro conmemoramos o día da escritora, o 23 de febreiro, para lermos o poema “Miña casiña, meu lar” de Follas Novas, no que unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir. Esta muller que vén de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo e de que os seus avaros veciños lle negan o que lles sobra, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote.
    A comprensión do poema, o análise do léxico e a morfoloxía do mesmo fixeron que fósemos capaces de facer o noso primeiro comentario de texto. Despois virían a memorización e o recitado posterior a carón do resto dos compañeiros do centro. E non podemos esquecer, a parte máis divertida, transformalo nunha banda deseñada como a que acababamos de ler na historia de “Destino de Kameko”.
    Ademais descubrimos que Rosalía, a do XIX, non deixa de sorprendernos e este ano lemos unha adaptación (da man da coordinadora de Normalización Lingüística), na clase  e para o resto do colexio, do que se considera o primeiro manifesto feminista da historia: Lieders.
    Rosalía sempre universal, como ponte de unión entre o feminismo, a banda deseñada e a solidariedade das persoas e dos pobos... outro gran descubrimento para os nosos lectores.
 
•    Castelán/ galego: novas sobre “pioneiras galegas”.

3º trimestre: lecturas comúns a todos os nenos e nenas:

Dia_libro

•    Galego: obra de teatro: “Leo chega do espazo”. Os alumnos de sexto volvéronse a converter en actores e actrices neste terceiro trimestre. Tiveron que dedicar moito tempo e esforzo para memorizar e ensaiar a obra escollida para conmemorar o Día do Libro. Esta vez para representaron: ” Leo chega do espazo”, unha obra adaptada e dirixida polo equipo de biblioteca, que narra a historia dun libro espacial que, perdido e triste, chega ao noso planeta. Ao chegar, atópase co Libro de Rexistro da biblioteca do CEIP Manuel Sueiro, que se converte na súa guía neste novo mundo. A través dunha viaxe máxica polas instalacións da biblioteca, Leo descobre a organización do espazo, a clasificación dos fondos documentais e a gran variedade de libros que ten á súa disposición. A obra, chea de humor e valores como a amizade, a curiosidade e o amor pola lectura, foi un completo éxito. Representouse en varias funcións ao longo do Día do Libro para que todo o alumnado puidese gozar con ela.

Conto

•    Castelán e galego: contos do apadriñamento lector para o día do libro.

Balda

•    Galego:  “A Balada dos Unicornios” de Ledicia Costas. Ed. Xerais. O Club de lectura de 6º curso de Educación Primaria traballou o libro durante o mes de maio. Non podía rematar o curso sen lermos algo da escritora por excelencia na actualidade da narrativa infanta-xuvenil en Galicia. Sí, a mesma, Ledicia Costas. Esta vez escollemos o libro a “Balada dos Unicornios” da ed. Xerais.    A obra transcorre na Escola de Artefactos e Oficios, onde os mozos e mozas máis brillantes son capaces de crear casas motorizadas, sombreiros voadores e outras proezas abraiantes. Ágata McLeod é unha das mellores alumnas, pero hai moitas cousas que descoñece da institución... e do seu pasado. A inventora terá que viaxar á orixe do mundo nunha travesía ateigada de aventuras e perigos. Fantasía e ciencia mestúranse nunha loita sen cuartel que enfronta corvos e unicornios. A verdade é que dende o inicio a historia esta tan chea de intrigas que os nosos nenos e nenas de sexto estiveron a piques de perderse. Pero unha lectura ao aire libre e  en contacto coa herba fresca foi suficiente para reconectalos co que Ledicia lles quería contar. A ver se deixa de chover e podemos repetir a experiencia!

Galeria