Entrega dos premios Club de lectura

A sede do Ministerio de Cultura e Deporte en Madrid acolleu o mércores 8 de novembro a gala de entrega dos Premios aos Clubs de Lectura Escolar 2022-2023, un recoñecemento do Ministerio de Educación e Formación Profesional aos centros educativos que, como no caso do noso centro, o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, promoven a lectura a través deste tipo de actividades.

O director, o secretario e a coordinadora dos clubs de lectura do centro, recolleron o galardón que nos acredita como o segundo mellor club de lectura nacional na nosa categoría, en representación de todos/as lectores e lectoras do noso cole, os auténticos protagonistas do noso club de lectura.

A entrega de premios correu a cargo da Directora Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial do Ministerio de Educación e Formación Profesional, dona Mónica Domínguez García. A encargada do discurso inaugural foi a poeta Raquel Lanseros, que afondou na importancia de fomentar a lectura e continuar con esa tarefa fermosa e chea de dificultades.

A poeta Raquel Lanseros honrounos coa sinatura dun dos seus libros, “Dicen que no hablan las plantas”, para a nosa biblioteca escolar. Ademais, fíxonos especial ilusión saber que as súas raíces familiares se atopan en Verín, aínda que ela é nada en Jerez de la Frontera.

Foi unha xornada chea de emocións e inquedanzas compartidas con centros de toda España que entenden, coma nós, que a lectura é berce de cidadáns críticos e entusiastas.

Parabéns a todas e todos os membros do noso club de lectura!

CONTINUADE A VIAXE QUE COMEZA SEMPRE NA PRIMEIRA PÁXINA DUN LIBRO E NON REMATA NUNCA NA ÚLTIMA, ... SEGUE CAMIÑO NA TÚA IMAXINACIÓN!