Os/as nenos/as de 4º E.P. non atopaban resposta a por que ás veces miramos e non vemos e oímos sen escoitar. E nesas andabamos cando, como nos últimos tres cursos, unha das Bases do Ejército de Tierra, a Base Oroel San Bernardo, deunos a resposta.
Saímos do cole rumbo a Antártida, compartindo espazo e tempo coas mulleres e homes da Base Gabriel de Castilla, nun chimpo chegamos a Castrillo del Val en Burgos para saudar ao persoal da Base Cid Campeador e como non estabamos lonxe, achegámonos a Jaca en Huesca, para coñecer ao GMAM e o seu traballo a prol das persoas con discapacidade visual.
O ano 2022 estaba no seu trimestre final e soubemos que a ONU proclamou o ano 2022 como Ano Internacional do Desenvolvemento Sostible das Montañas. Cos recursos facilitados pola FAO deu comezo este proxecto.
A Biblioteca Escolar do centro facilitounos títulos para facer das montañas o eixe das nosas lecturas. Estes foron algúns:
Destacamos o libro remitido desde a EMMOE do GMAM, con información valiosa e
fascinantes fotografías que captaron a atención dos nosos/as alumnos/as.
Aprendemos xentilicios, JAQUÉS, JACETANO, OSCENSE, ..., ; situamos países, cordilleras, continentes, coñecemos nomes de picos montañosos, volcáns, desertos, ...
Para achegarnos á discapacidade visual traballamos co organismo internacional IAPB que nos facilitou recursos para o proxecto; coñecemos o sistema Braille e escribimos o título do noso proxecto nese sistema de escritura.
E como o noso proxecto vai de escalada e ollos, eliximos unha das cumes nas que o GMAM fixo cima xunto a discapacitados visuais chamado "OJOS DEL SALADO".
Elaboramos un xogo de preguntas e respostas para a “montaña” que creamos con material de refugallo e que leva por nome “De la Base a la cima”.
No día da poesía, e xa que falamos de ollos, recitamos un poema visual, un caligrama, co propósito de formar unha unidade coa montaña, a capacidade visual e o traballo de mulleres e homes do Ejército de Tierra na Base Oroel San Bernardo, facendo unha chiscadela ao nome do noso cole.