Os centros educativos galegos caracterízanse polo seu alto grao de inclusión educativa.
O sistema educativo galego valora a diversidade e esfórzase por garantir a igualdade de oportunidades para todo o alumnado.
Os equipos docentes son proactivos e constitúen unha peza importante para promover cambios positivos nas comunidades.
Con este Plan Integral contra o Acoso e o Ciberacoso Escolar, a Xunta de Galicia establece como prioridade impulsar que as contornas escolares sexan seguras, inclusivas e respectuosas e que nos centros educativos o alumnado se sinta valorado e protexido.
Nun contexto de convivencia en termos xerais positivo, os esforzos da Xunta de Galicia van encamiñados a erradicar o acoso escolar en todas a súas formas, promovendo unha cultura de respecto, empatía e tolerancia. Preténdese fomentar o desenvolvemento integral do alumnado, brindándolle as ferramentas necesarias para previr e enfrontar o acoso escolar.
O obxectivo é que cada neno, nena e adolescente se sintan seguron ao expresarse, sen temor a seren vítimas de intimidación nin de calquera outra forma de violencia. Esta concepción implica a colaboración activa de todos os membros da comunidade educativa, incluíndo as familias, os docentes e o resto do persoal presente nos centros educativos, pero tamén a doutros axentes da sociedade que, en maior ou menor medida, teñen un contacto directo con menores, como acontece nos momentos de lecer ou no ámbito deportivo. A pretensión da Xunta de Galicia é crear conciencia sobre o impacto negativo do acoso escolar e promover a importancia da empatía e o respecto mutuo.