O TEMPO MADE IN BUEU

EXPERIMENTANDO COS ESTADOS DA AUGA

Nesta entrada de Blog quedan recollidos todos os vídeos que o alumnado de segundo  realizou coa axuda da familia e onde demostrou todo o que apredeu sobre os estados da auga. FIXÉRONO XENIAL! Se premedes na imaxe podedes ver o vídeo dos nenos e nenas de 2º A.

ESTADOS DA AUGA 

Se premes nestoutra imaxe verás o traballo dos nenos e nenas de 2º B.

ESTADOS DA AUGA

DÍA METEOROLÓXICO MUNDIAL

Coincidindo co DÍA METEOROLÓXICO MUNDIAL, o alumnado de 2º investigou dúas lendas sobre a formación do ARCO DA VELLA, ese fenómeno tan misterioso pero que tanto ilusiona a pequenos e grandes!

Despois de investigar a orixe divina e a orixe popular, aprenderon as cores que o compoñen e crearon así a súa portada das fichas do 2º trimestre.

Ademais, representamos un teatro sobre as cores do ARCO DA VELLA, descubrindo que non hai unha mellor que outra, senon que todas unidas e grazas á chuvia fan un equipo único. Para representalo, o alumnado veu vestido para á ocasión cunha camiseta da súa cor, de tal xeito que entre todos formaban un alegre arco da vella!

PROXECTO OS RÍOS

Este trimestre o alumnado de 4º estivo traballando no PROXECTO OS RÍOS.

 

Como produto final, realizaron unha presentación que recollía a información indagada ao longo destes meses. Unha vez exposta aos seus compañeiros e compañeiras, foron á radio a gravala e así compartila con todo o mundo.

 

 

Agardamos que vos guste!!

 

 

O tempo en febreiro

Durante este mes de febreiro, o alumnado de 2º foi o encargado de observar o tempo.

As nosas tarefas foron:

- Revisar a primeira hora da mañá a caseta meteorolóxica para ver as temperaturas máximas e mínimas, o pluviómetro para ver as precipitacións, o barómetro para ver a presión do aire, o higrómetro para ver a humidade ambiental.

- Observar a herba por se hai orballo e comprobar a dirección do vento.

- Ter en conta calquera outro meteoro: néboa, calixe, sarabia, treboada...

A continuación rexistramos todos eses datos no corredor do Bibliocastelo, na sección de Meteoescolas.

Ademais, na aula, realizamos un rexistro das luadas do mes de febreiro, observando a lúa diariamente.

Gustounos moito ser os encargados do tempo e estamos desexando que chegue maio para volver a ser Meteorólogos e Meteorólogas!

Ciclo da auga e depuración!

O alumnado de sexto participou no obradoiro "Ciclo da auga e depuración" do programa Ponteazero.

Un pequeno paso de compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) número 13 "Acción polo clima" e o número 15 "Vida de ecosistemas terrestres".

 

 

Presentación de traballos!

Despois da procura, análise e organización da información, chegamos á fase de exposición. Temos uns magníficos presentadores e presentadoras.

METEOESCOLAS QUENDA DE 4º DE PRIMARIA

A última semana de novembro tocounos ao alumnado de 4ºA rexistrar o tempo.

Como ben sabedes o que máis nos gusta é o pluviómetro pero xusto esa semana deixou de chover. Xa foi mala sorte! Pola contra o que si puidemos observar foi unha gran baixada de temperaturas de noite e polo mañá cedo, que se tornaban altas polo medio grazas ao Sol.

Todos os días tocábamos a herba e comprobábamos que estaba mollada pola condensación do vapor de auga. Veunos moi ben para repasar o ciclo da auga.

O alumnado de 4ºB si que tivemos mías sorte porque o pluviómetro si que volveu a conter auga grazas ás borrascas que entraron na nosa semana.

Como en anos anteriores rexistramos todos os datos recollidos na caseta meteorolóxica.

Volveremos en abril e será moi intereresante comparar a diferenza de tempo atmosférico do outono á primavera.

 

MES DA CIENCIA

Novembro foi un mes moi, moi especial! Conmemoramos  a ciencia en galego, polo que fixemos moitos experimentos.

  • A candea apagada
  • Líquido non newtoniano
  • Neve
  • Papel que non se molla
  • Chuvia 
  • Erupción do volcán
  • Peixes flotantes
  • Debuxos vivos
  • Ovo saltarín
  • Arco da vella no leite

APRENDEMOS E DIVERTÍMONOS

Clicade nas seguintes imaxes para ver algún dos momentos vividos na aula de ciencias.

Conseguirá decembro ser tan especial?

Manterémosvos informados!

OBSERVANDO O TEMPO

Durante esta semana, o alumnado de 5º observamos o tempo na caseta meteorolóxica e realizamos medicións de temperatura e precipitacións. Encántanos atopar auga no pluviómetro!

MES DA CIENCIA: OBRADOIRO SOBRE A AUGA

O pasado venres, 10 de novembro, o alumnado de segundo e cuarto de primaria tivemos a sorte de asistir a un obradoiro sobre a auga.

Este obradoiro está enmarcado dentro da celebración do mes da ciencia en galego.

O alumnado de cuarto ademais estamos a piques de empezar un proxecto sobre a auga.

Loreto, científica de AUGAS DE GALICIA, explicounos cousas moi interesantes, pero o que máis nos chamou a atención foi que as inundacións son fenómenos naturais e que ademais son beneficiosas para o propio río e para os terreos que están na súa beira.

O problema é que se construíu onde debería haber vexetación e que ademais se desviou o leito de moitos ríos.

Con Loreto fixemos ademais algún experimento e xogos.

Clicade na imaxe para ver imaxes dese día.

Distribuir contido