O TEMPO MADE IN BUEU

AS PAISAXES DO MUNDO

O alumnado de 3º de primaria acudiu á estación meteorolóxica en quendas durante un mes para anotar os rexistros de cada día. 
Por outra banda, dentro do proxecto sobre As paisaxes do mundo manexaron diferentes mapas, o que deu a oportunidade de falar sobre diferentes climas. Tamén investigaron sobre os climas de Galicia, do Gran Canón do Colorado, da selva amazónica, de Australia, do sur de Arxentina...

UNHA TROMBA DE AUGA DESBORDA O RÍO BISPO E ASOLAGA O CENTRO DE BUEU

A tromba de choiva que se rexistrou na comarca do Morrazo entre as 22.30 e as 23.00 horas de onte desbordou o río Bispo ao seu paso polo centro de Bueu.

A subida do nivel da auga asolagou a rúa  Pazos Fontenla, entre o lavadoiro situado á beira do colexio Virxe Milagrosa e a intersección coa rúa Alexandre Bóveda, así como Rosalía de Castro.

Servizos de emerxencia en plena actuación.

Esta zona quedou completamente asolagada, coa auga por riba da beirarrúa e ameazando con entrar en vivendas e baixos.

A situación puido ser controlada pouco despois coa intervención dos propios veciños, Bombeiros do Morrazo e persoal municipal, que empezaron a abrir os sumidoiros para axudar a evacuar a gran cantidade de auga que baixaba pola canle do río e que tamén inundaba o aparcadoiro dun supermercado situado na mesma rúa.

A Terra e o universo. Glosario ilustrado

Aproveitando que no mes de outubro recollíamos os datos da nosa meteoescola e que en Ciencias Sociais estabamos traballando o universo e a Terra, realizamos un proxecto interdisciplinar de lingua galega, ciencias sociais e matemáticas. Consistiu na realización dun glosario de palabras relacionado co tema e que quedou exposto no taboleiro de cada clase de 5º. Os nenos e nenas explicaron aos seus compañeiros as palabras que lles tocaron. Algúns acompañaron as súas explicacións con debuxos ou fotografías alusivas.

 

RECOLLIDA DE DATOS 4º PRIMARIA

O alumnado de cuarto tivo a sorte de rexistrar o tempo no pasado mes de novembro.
Cada día, antes de entar ás aulas, acudian á caseta meteorolóxica e apuntaban os datos da temperatura do termómetro de máximas e mínimas e os datos da presión atmosférica do barómetro. Anotaron, tamén, a porcentaxe de humidade e a cantidade de precipitacións. Preme na imaxe para saber máis:

 

VISITA Á ETAP DE PONTEVEDRA E AO ENCORO DO PONTILLÓN DE CASTRO

O alumnado de cuarto visitou, o pasado 23 de outubro, a estación de tratamento de auga potabilizada de Pontevedra. Preme nas imaxes para coñecer todos os detalles da visita:

ALERTA POLA CHEGADA DUNHA BORRASCA DE GROENLANDIA, CON NEVE E ONDAS DE 9 METROS

 

O alumnado de 4º de primaria observou e traballou sobre esta borrasca que nos chegou dende Groenlandia.

A borrasca provoca o primeiro aviso de nivel vermello do outono, debido a ondas de máis de oito metros na costa entre Corrubedo e Ribadeo.

Mapa de avisos previsto para o xoves, coa chegada de Cecilia.

 Galicia vivirá no que queda de semana unha situación de pleno inverno, con fortes ventos, chuvia, neve e grandes ondas no mar. A  responsable desta situación haina que buscar en Groenlandia, de onde procede a borrasca Cecilia, o nome que lle corresponde ao temporal que se deixará notar nas vindeiras horas. A principal novidade é a do primeiro aviso de nivel vermello do outono, que estará activado o xoves desde as 12 do mediodía e ata a medianoite na costa de Muros a Ribadeo, debido a mar combinada con ondas de máis de oito metros.

Tal e como explica desde MeteoGalicia Juan Taboada, “é unha borrasca que vén polo Atlántico desde Groenlandia e desprázase rapidamente ata o norte da Península, porque nas Azores hai un anticiclón que xera un corredor e trae este temporal directamente cara a Galicia”. A situación máis perigosa, con todo, estará no mar, xa que se combina a forza das ondas que viaxan polo atlántico co impulso do vento na mesma dirección, o que as fará medrar por riba dos citados oito metros.

O  xoves chegará o máis intenso con Cecilia: ademais da auga, o vento superará os 80 km/h nas provincias atlánticas, e a neve deixarase ver en gran parte do país. O aviso amarelo activouse por agora só no leste de Lugo e Ourense, pero algúns modelos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) apuntan a que se poderán ver folerpas en gran parte das dúas provincias, mesmo nas zonas máis altas de Pontevedra e A Coruña. Juan Taboada anticipa que as nevaradas por riba dos 800 metros van ser “bastante considerables” en Galicia.

A propia Aemet emitiu no mediodía do martes un aviso especial  que fala de espesores de ata 30-50 centímetros nas zonas máis altas, e de 5-10 cm entre 800 e 900 metros. A precipitación en forma de choiva podería sumar en poucas horas máis de 100 litros por metro cadrado.

Agárdase que a partir do venres a situación sexa máis estable, pero é posible que para a fin de semana regresen as chuvias e o vento con intensidade.

A partires deste texto traballaron a comprensión lectora.

 

Recollida de datos da nosa meteoescola

Iniciamos un novo curso e o alumnado de 5º A e B de primaria é o encargado de recoller os datos da nosa meteoescola no mes de outrubro. Segundo temos organizados os equipos nas aulas, cada semana alternan o reconto dos datos, quedando reflectidos na folla de rexistro do mes de outrubro do 2019 que está exposta no taboleiro do corredor da bibioteca para manter informada a toda a comunidade educativa.

LORENZO, UN FURACÁN ATÍPICO QUE SE DIRIXE CARA A EUROPA

Os modelos apuntan a que pasará preto dos Azores, pero aínda é cedo para saber se os seus efectos se notarán en Galicia.


Por agora é moi difícil saber se Lorenzo acabará deixando pegada en Galicia, pero moitos ollos xa están mirando cara ao Atlántico central para ver como se vai desenvolver este fenómeno, convertido en furacán. O que parece máis claro é que se trata dun furacán atípico, que ao contrario da gran maioría destes casos, vai moverse cara ao leste e, en vez de impactar coa costa americana, chegará ás proximidades do litoral europeo. Onde si teñen razóns para estar preocupados é no arquipélago das  Azores, xa que a traxectoria de Lorenzo na próxima semana apunta cara a estas illas.
Agora mesmo, tal e como expón o Centro Nacional de Furacáns (NHC) dos Estados Unidos, Lorenzo é xa un “major“, é dicir, acadou a categoría 3 na escala Saffir-Simpson de velocidade de vento, que vai do 1 ao 5. Isto tradúcese en refachos que poden chegar aos 208 quilómetros por hora. Afortunadamente, atópase no medio do Atlántico, sen afectar a terra firme.
Pero as predicións son perigosas, canto menos nos Azores. o NHC expón que, a partir do domingo, Lorenzo comezará a moverse cara ao noreste, nunha liña coincidente co arquipélago portugués, e posteriormente achegarase ao oeste de Irlanda. Con todo, a maioría dos modelos expoñen que, ademais de ir perdendo forza e converterse posiblemente nunha borrasca extratropical, a parte máis potente de Lorenzo non tocará terra. E por agora, con todo, haberá que agardar para saber en que medida afectará a Galicia.
O ciclón Lorenzo atópase arestora no Atlántico tropical. Os prognósticos indican que na vindeira semana, entre o mércores e o xoves, se moverá entre Azores e Irlanda pero aínda é cedo para saber se notaremos os seus efectos sobre Galicia.
Deste xeito, e polas mesmas datas, repítese de novo un panorama xa vivido en 2017 e 2018. Hai dous anos foi Ofelia, tristemente recordado pola súa coincidencia coa gran vaga de incendios do 15 de outubro de 2017, xusto o momento no que os refachos de máis de 100 km/h, unidos ás altas temperaturas e á seca, ademais da actividade incendiaria, calcinaron centos de miles de hectáreas en Galicia e Portugal. O ano pasado foi a quenda de Leslie, que afectou en maior medida a Portugal, pero tamén deixou pegada, convertido en tormenta extratropical, ao longo de España.

Distribuir contido