Convocadas as licenzas por formación para o curso 2014/2015 destinadas ao funcionariado docente non universitario

Lun, 12/05/2014 - 08:40

Xúntase a Orde do 30 de abril de 2014 pola que se convocan licenzas por formación para o curso 2014/15 destinadas ao funcionariado docente non universitario e se aproban as súas bases de concesión.

  • O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e remata o día 12 de xuño de 2014.

Destinatarios:

O persoal docente de carreira que pertenza aos corpos que imparten ensinanzas das establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, destinado durante o próximo curso 2014-2015 en centros educativos públicos e nos servizos provinciais de Inspección educativa dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Requisitos

Os candidatos deben reunir os seguintes requisitos:

1. Estaren en situación de servizo activo e prestando servizos ininterrompidos durante os cursos: 2012-2013 e 2013-2014, e no 2014-2015 seguiren tendo destino e exercendo docencia directa con alumnado en centros docentes educativos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. Teren, como mínimo, dous anos de antigüidade como persoal docente de carreira nos corpos e nas escalas que se establecen no artigo 1 da orde. Para estes efectos computaranse os servizos ata o 31 de agosto de 2014. Para a modalidade 6, terá preferencia o profesorado con destino definitivo no centro educativo durante o curso 2014-2015.

3. Non teren destino en comisión de servizos durante o curso 2014-2015, agás o profesorado destinado en centros de ensinanzas artísticas superiores e o que estea a gozar dunha comisión de servizos por conciliación da vida familiar a laboral.

4. Obteren como mínimo oito puntos na epígrafe 1 do baremo que figura no anexo III da convocatoria.

5. A obtención da licenza é incompatible coa participación simultánea en programas europeos, estadías formativas en empresas e actividades formativas no estranxeiro ofrecidas á marxe desta convocatoria.

A persoa solicitante que obteña praza en calquera destas convocatorias deberá notificalo urxentemente e por escrito á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Modalidades:

Convócanse licenzas por estudos, retribuídas.

Existen seis modalidades de licenza:

Modalidade 1: proxectos individuais para a creación de materiais curriculares dixitais para primaria e secundaria.

Duración: de un a tres meses, segundo a valoración do proxecto presentado.

Modalidade 2: grupo de traballo de dous ou tres membros para a creación de materiais curriculares dixitais en primaria e secundaria.

Duración: de un a tres meses, segundo a valoración do proxecto presentado.

Modalidade 3: proxecto individual para a creación de materiais curriculares para as ensinanzas de formación profesional.

Duración: tres meses.

Modalidade 4: grupo de traballo de dous ou tres membros para a creación de materiais curriculares para as ensinanzas de formación profesional.

Duración: tres meses.

Modalidade 5: grupo de traballo de dous ou tres membros para a creación de cursos non presenciais para a formación do profesorado.

Os deseños dos cursos propostos nesta modalidade pódense atopar na aula virtual do CAFI: http://www.edu.xunta.gal/centros/cafi/aulavirtual/course/view.php?id=233"

Duración: de un a tres meses.

Modalidade 6: perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior.

Dirixida preferentemente ao profesorado non especialista de ensino primario e secundario para promover dun xeito prioritario a creación ou a continuación do programa de seccións bilingües e/ou de centros plurilingües.

Duración mínima: un mes.

Duración máxima: tres meses.

Documentación necesaria

Solicitude segundo modelo do anexo II da convocatoria.

Proxecto de estudos ou de traballo de investigación que se pretenda realizar durante o período da licenza, segundo o contido do anexo IV.

A outra documentación requirida na convocatoria específica para cada modalidade

Relación numerada e asinada da documentación presentada.

Máis información

Mail: licenzas.fprofe@edu.xunta.es

Tlf.: 881.997635/981.546.514/981.546.513

Servizo de Formación do Profesorado

Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria