Onte o noso alumnado de 4ºESO de filosofía e Ed Plástica Visual e Audiovisual e o alumnado de Debuxo e Antropoloxía de 1º de bacharelato visitaron a exposición de Meissel organizada pola Fundación Marta Ortega, na nave do peirao de Batería do porto da Coruña.
Esta visita forma parte dun proxecto en colaboración co Grupo de Investigación Arte-Facto da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña que ten por obxectivo que o alumnado se familiarice coa linguaxe cinematográfica e aprenda a ler e interpretar a imaxe visual.
Levouse a cavo coa colaboración do profesorado do centro Lucía Sesto ,Oscar Rodriguez De Dios, Eva Vérez Cotelo e a artista audiovisual, Belén Montero.
Co gallo do Día mundial da poesía e como participación á Celebración Picasso 1973.2023, as alumnas Iria Quilón, Marta Rodríguez González e Irene Pérez Lis, de 1º Bacharelato F, leron na Casa Museo un poema de Paul Eluard, en francés e en galego, adicado a Pablo Picasso, e traducido por François Davo. Santiago Vilas encargouse de presentar e filmar. Publicamos un vídeo, froito da colaboración entre dúas entidades ligadas á historia da presenza do pintor na nosa cidade.
Celebración da Primeira Festa do Libro no paraninfo do Instituto Eusebio da Guarda.
O 6 de febreiro de 1926 Afonso XIII asinaba o Real Decreto do Día do Libro. En 1930 decídese que a celebración sexa cada ano o 23 de abril coincidindo co aniversario da morte de Miguel de Cervantes.
Case cen anos despois celebramos o Día de Libro de 2023 no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda cunha mostra de libros sobre Picasso como homenaxe ao pintor, estudante no noso centro na súa estadía na Coruña, no seu 50 cabodano.
O pasado mércores 12 de abril celebrouse no Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela a cerimonia de entrega dos premios Minerva ao alumnado gañador. Do IES Eusebio da Guarda resultaron premiados co 3º premio de narración “A gran tormenta”, traballo de Marta Rodríguez González de 1º bach F; na mesma modalidade de narración foi galardoado co 1º accésit “Vivir morto”, o traballo de Samuel López García de 1º bach E.
Na compaña de familiares, membros do profesorado e a directora Isabel Ruso de Lago, Marta e Samuel recolleron cadanseu galardón ao remate dun acto onde todos os participantes, especialmente o escritor mentor Antonio García Teijeiro, premio nacional de poesía en 2017 polo seu libro Poemar o mar, animaron aos novos escritores e escritoras a perseverar no camiño da escrita.
Desde a comunidade educativa do IES Eusebio da Guarda dámoslles os parabéns polo seu entusiasmo e implicación no camiño da creación literaria e o seu compromiso coa nosa lingua.
Para acceder a todas as fotos da actividades pinchar no enlace
O día 19 de abril o alumnado de 1º Bacharelato da materia de Latín realizou unha saída didáctica á cidade de Lugo para tratar “in situ” o tema da romanización da Gallaecia acompañados polas profesoras Lisi Prado e Belén González.
A primeira parada foi a visita guiada sobre Romanización no Museo Provincial de Lugo onde puidemos contemplar pezas fundamentais da cultura castrexa e romana como o mosaico de Dédalo e Pasifae, o torques de Burela, a estela de Crecente, o bronce xurídico do Courel e apreciar o Museo en sí mesmo, antigo mosteiro franciscano.
Dirixímonos logo cara a Domus de Mitreo, excavación arqueolóxica dunha domus romana cun templo de Mitreo no seu interior onde tivemos a ocasión de ver os impresionantes cimentos da muralla de Lugo e a explicación por parte do guía do conxunto arqueolóxico.
Finalizamos a visita a Lugo coa volta a pé da Muralla de Lugo (2.200 m) desde onde contemplamos todo o recinto da antiga Lucus Augusti e despeiunos da cidade o magnífico mural de Iulius Caesar do xoven artista Diego As.
A xornada resultou moi interesante e formativa para o alumnado de Humanidades que, ademáis, desfrutou dun fermoso día de convivencia.
Para celebrar o 20 de marzo, Día Mundial da Narración Oral, o club de lectura de 1º da ESO preparou un contacontos para o alumnado do veciño CEIP Eusebio da Guarda. Organizaron seis sesión e convertéronse en contadoras de historias para os tres cursos de Infantil así como para 1º, 2º e 3º de Primaria.
As obras elixidaS para Infantil foron Madrechillona, O peizoque Roque e A Cebra Camila. As nosas alumnas acompañaron as narracións con paneis moi vistosos, cancións e bailes. Os pequenos estaban tan entusiasmados que tiveron que improvisar e contarlles moitos contos máis dos que levaban preparados.
Para os primeiros cursos de Primaria, as obras elixidas foron O monstro de cores, conto para o que as narradoras prepararon materiais moi vistosos, unha canción e un baile, e varios relatos da obra Cuentos en verso para niños perversos, para os que as nosas contadoras se caracterizaron e representáronos de modo teatral.
Esta actividade resultou moi bonita e satisfactoria tanto para as narradoras como para os atentos oíntes. Unha experiencia para lembrar!
Para acceder a todas as fotos da actividade pinchar no enlace
Nesta primavera o alumnado de 1º de Bacharelato participa nos roteiros didácticos organizados polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, destinados a coñecer mellor a nosa cidade e a súa importancia na época do Rexurdimento galego. Acompañado polo profesorado que guía a explicación dos diferentes lugares emblemáticos, o alumnado participa co recitado de poemas dos escritores e escritoras conmemorados no percurso do roteiro.
Primeiramente visitamos o edificio onde viviu Eduardo Pondal na rúa Xoana de Vega, a casa da escritora Francisca Herrera Garrido, veciña de Rosalía de Castro, que morou xunto a Manuel Murguía e familia nesa mesma rúa do Príncipe, o teatro que leva o nome da poeta na rúa Rego da Auga, e a Real Academia Galega que presidiu Manuel Murguía, situada no mesmo edificio que a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán.
Tamén recorremos o fermoso Xardín de San Carlos para vermos o sepulcro de Sir John Moore e ler un anaco do poema que Rosalía creou na súa honra, e que tamén se pode ler esculpido no muro da terraza desde a cal podemos contemplar a espectacular vista sobre a dársena coruñesa.
Finalizamos o paseo nos Xardíns de Méndez Núñez, deténdonos primeiro fronte á monumental escultura de Asorey dedicada a Curros Enríquez, explicando o seu simbolismo e a finalidade funeraria coa cal foi construído este monumento.
Por último, despedimos o roteiro diante da estatua de Pondal, o autor da letra do himno galego, coas pernas cansas, a mente chea de novos coñecementos e unha nova perspectiva da nosa cidade.
O pasado 13 de abril o Departamento de Lingua Galega e Literatura e mais o Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizaron unha viaxe cultural a Padrón e a Santiago de Compostela, dirixida a todos os grupos de 1º de Bacharelato, dentro do apartado de “Visitas e saídas culturais”, correspondente ao Plan anual de actividades para a potenciación do uso da Lingua Galega 2022-2023.
A primeira parada foi en Padrón, concretamente na Casa Museo Rosalía de Castro coñecida como a Casa da Matanza, escenario do pasamento da autora, en 1885. Alí o alumnado puido contemplar a derradeira residencia da poetisa, con fotos dela, recordos e escritos persoais e multitude de obxectos cotiáns da Galicia do século XIX. Asemade, puideron gozar do xardín, onde as camelias ocupan un lugar protagónico. O alumnado asinou no libro de visitas cunha fermosa dedicatoria: “Airiños, airiños, aires,/ sempre contigo, meniña gaiteira. Alumnado do IES P. Eusebio da Guarda. Ano 2023”.
De alí, o seguinte destino foi a Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia (antiga Colexiata), de grande interese histórico, antiga Sé Episcopal, considerada o primeiro templo mariano do mundo, sendo unha das igrexas máis antigas do mundo. No seu camposanto, o de Adina, foi o primeiro lugar onde repousaron os restos de Rosalía de Castro, durante seis anos, antes de seren trasladados definitivamente ao Panteón de Galegos Ilustres. Na mesma campa, o alumnado puido ver a sinxela lousa baixo a cal está soterrado o primeiro escritor galego galardoado co Premio Nobel de Literatura, Camilo José Cela.
A continuación, o seguinte lugar de interese foi a visita á Fundación Pública Galega Camilo José Cela, situada en fronte da colexiata, nunhas casas construídas para a residencia dos coengos no século XVIII. Alí puideron inmiscirse na vida e obra do autor, manuscritos e coleccións privadas. Nunha vista guiada que percorreu toda a biografía do autor, o alumnado tamén escoitou con interese divertidas anécdotas do escritor, así como coñecer o nó de amizade que o vencellou con outro grande xenio, Pablo Picasso.
Unha vez vistos estes puntos de interese en Padrón, a excursión encamiñouse cara a Santiago de Compostela. Así, a primeira parada foi na estatua de Rosalía de Castro, no Paseo da Ferradura do Parque da Alameda. Alí, como representación de todo o alumnado de 1º Bach, cinco estudantes leron catro poemas representativos da poetisa: “Silencio”, “Negra sombra”, “Airiños, airiños, aires” e “A xustiza pola man”.
Despois do tempo de xantar, o derradeiro lugar visitado foi a Igrexa de San Domingos de Bonaval, onde se atopa o Panteón de Galegos Ilustres. Este templo é un lugar asociado á memoria galeguista, pois nel descansan, entre outros, Rosalía de Castro, Castelao, Alfredo Brañas e Ramón Cabanillas.
Cómpre salientar que mobilizar un grupo de 140 estudantes non foi tarefa doada, mais é de xustiza comentar que o comportamento de todo o alumnado foi óptimo.
Para rematar, o cansanzo desta apertada xornada e mais algunha que outra chuvieira non impediron que todos, alumnado e profesorado, gardemos na memoria un fermoso día de abril (“Nasín cando as prantas nasen/ no mes das froles nasín, /nunha alborada mainiña,/ nunha alborada de abril), onde fixemos unha viaxe no tempo da man de figuras esgrevias das nosas letras.
Para acceder a todas as fotos da actividade pinchar no enlace
O Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Equipo de Dinamización Lingüística organizaron o xoves 14 de abril o ROTEIRO DE ROSALÍA DE CASTRO para o alumnado de 1º de Bacharelato como unha actividade didáctica contemplada na Programación para o curso 2022-23.
Uns 140 alumnos e 8 profesores partimos cara Padrón para visitar na Matanza a Casa-Museo de Rosalía onde as guías deron boa conta da vida de Rosalía e a súa familia desde 1883 ata 1885, data do seu pasamento, nesa vivenda.
A continuación fomos andando ata Colexiata de Iria Flavia onde puidemos escoitar da profesora Beni Vidal a historia de Santa María . Alí na Adina estaban enterrados os avós e pai de Rosalía, e alí tamén o foi ela o 15 de xullo de 1885, e case seis anos despois trasladáronse os seus restos a Santiago, ao Panteón de Galegos Ilustres.
Reserváramos tamén unha visita na Fundación Camilo José Cela, situada enfronte de Iria, e alí os guías fixéronnos un percorrido pola vida e obra do Nobel de Literatura, para rematar coa Exposición adicada a Cela e a Picasso no 50 Cabodano do pintor.
A continuación visitamos a Exposición adicada á chegada do ferrocarril a Galicia.
E chegado o mediodía puxemos rumbo a Compostela cara a Alameda a facer a nosa homenaxe a grande Rosalía. Alí o alumnado leu algúns dos poemas máis fermosos de Cantares Gallegos e Follas Novas.
Pola tarde reunímonos na praza do Obradoiro para contemplar a fermosura da catedral, o pazo dos RRCC, o pazo de Raxoi e o de San Clemente. Seguimos andando por San Martín Pinario ata chegar a San Domingos de Bonaval, a nosa última visita, esta vez para visitar o Panteón de Galegos Ilustres e renderlles homenaxe a Castelao, Brañas, Cabanillas, Fontán, Asorey e a Rosalía, obxectivo principal do noso camiño polas pegadas de Rosalía.
Esta saída co alumnado de 1º de Bacharelato esperamos que fose un complemento á formación de Lingua e Literatura á vez que unha xornada de convivencia entre profesorado e alumnado.
Damos as grazas aos profesores Mª Teresa Pastor, Dulce Fernández, Beatriz Gonzalez-Moro, Elena Miranda, Lisi Prado, Daniel Varela e Antonio Fondo que tan ben nos acompañaron e tanto nos axudaron.
Beni Vidal, xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura.
O pasado venres 31 de marzo levouse a cabo unha actividade integrada no contrato-programa Inclúe, liña Iguála-T, organizado pola profesora coordinadora do grupo Iguais na Diversidade, Noemí Díaz, dentro do apartado “Obradoiros”, en en colaboración co Equipo de Dinamización de Lingua Galega. Tratouse dunha charla/obradoiro que tivo lugar no Salón de actos, dirixida ao alumnado de 3o ESO, do músico e youtuber Éric Dopazo, que escribe música e fai videos en lingua galega en Youtube, ademais de ser premiado como mellor youtubeiro en 2022 (no concurso Youtubeir@s). Rapaz trans (aínda que este non foi o tema principal do obradoiro, pero é importante para naturalizar e poñer en valor a diversidade das persoas) ofreceu un relatorio lúdico e distendido sobre aspectos autobiográficos e tamén sobre diferentes personaxes históricos, dende unha perspectiva provocadora, acaída para a idade do auditorio. Dende o EDLG, a coordinadora do mesmo, Teresa Pastor Novo, quixo agradecer de igual xeito o seu compromiso co uso da lingua galega, achegándoa aos tempos modernos e apta para ser empregada en todos os foros. Por tal motivo, recibiu un agasallo deste equipo, de mans da profesora e membro do EDLG, Noemí Díaz.
Un ano máis un grupo de 33 alumnos e alumnas de 3º de ESO pasou a súa semana de intercambio organizada polo departamento de francés co colexio Irène Joliot-Curie, en Fontenilles, unha localidade próxima a Toulouse. Ao longo da semana viviron unha intensa inmersión lingüística nas súas familias de acollida, pero tamén visitaron as cidades de Toulouse, Auch e Carcassonne, foron recibidos polo alcalde de Fontenilles, que lles explicou os símbolos da República , acudiron a unha antiga fragua para descubrir un oficio tradicional, observaron os distintos postos do mercado “Victor Hugo” de Toulouse, mercaron produtos típicos, recibiron un curso de cociña dun chef francés e realizaron moitas outras actividades, deportivas e culturais, organizadas polo centro. O programa culminou coa festa de despedida que nos ofreceron as familias, na que tivemos a ocasión de agradecer todas as mostras de hospitalidade. Os dous grupos interpretaron as cancións que tiñan preparadas en francés e español. Todos os asistentes coincidimos en valorar moi positivamente este encontro que cada ano intensifica os vínculos entre ambos os centros, pensando xa na continuidade desta enriquecedora experiencia.
Os alumnos de 1º de ESO de francés celebran esta simpática tradición cunha exposición chea de colorido.
En Francia, o primeiro de abril, os rapaces poñen peixes de papel nas costas da xente dicindo "Poisson d´avril". Ademáis hai bromas nos xornais, na televisión... e mesmo nos colexios. Coidado coas inocentadas!
Estes días está no noso instituto o alumnado da Escola Torunska de Varsovia, Polonia, cos seus profesores. Pasarán unha semana de intercambio cultural co programa Erasmus +
Este curso desde o EDLG do IES Eusebio da Guarda, integrámonos no Proxecto Neo, unha iniciativa que naceu hai xa moitos anos en Burela da man do profesor Bernardo Penabade, e que busca potenciar e visibilizar os e as neofalantes de toda Galiza a través da radio escolar.
Así, pescudando na nosa comunidade educativa demos con varios/as neofalantes de diversos tipos; profesores/as ou estudantes, todos/as teñen en común un uso consciente da lingua, a constancia no emprego do idioma, e mais un proceso de fonda reflexión sociocultural e histórica que impulsa ao compromiso lingüístico. Hai quen descubriu o galego coas escolas infantís da Galiña Azul, ou quen se namorou das variedades dialectais dos seus avós e avoas, quen abrazou o galego por amor e quen o fala por pura lóxica.
Hai neofalantes para todos os gustos. Convidámosvos a coñecelos/as e, por que non? A deixarvos enfeitizar.
Para acceder a toda a información do proxecto Neo pinchar no enlace
Para acceder a máis imaxes pinchar no enlace. Todas as fotos do evento no seguinte enlace
O día 24 de Marzo deste ano 2023 todos os estudantes de STEMbach do bienio 2021-2023 do instituto presentaron os seus traballos en Santiago de Compostela na xornada de exposicións dos Premios Stephen Hawking, convocados polo IES P Rosalía de Castro. Nesta convocatoria todos os traballos do noso centro foron seleccionados, máis o de outra compañeira que realizou o seu proxecto na materia Cultura Científica o curso 2021-2022.
Nesta ocasión, fomos o segundo centro máis galardoado, por detrás do Rosalía de Castro. Dous dos seis terceiros premios e un dos catro segundos foron para o noso instituto. O primeiro premio foi para unha estudante do IES P Rosalía de Castro, polo seu traballo Acelerador Magnético. Cítanse a continuación todos os nosos traballos pola orde de exposición, e se mencionan aos premiados. Para nós todos eles son gañadores, como demostran as notas de sobresaínte que acadaron nas súas defensas o 1 de Febreiro. Noraboa a tod@s!!!. Excelentes traballos!!!.
Programación de un robobo para a conducción autónoma, de Hugo Herrador e titorizado por Beatriz Sixto e Minia Prego
Creando vida en el laboratorio: construyendo células artificiales funcionales, de Paula Alcalde e Sol Davó, titorizadas por Daniel Varela.
3º premio. Estudio in vitro de la citotoxicidad y de la genotoxicidad de las nanosferas de oro sobre las células gliales, de Elisa M. Rodríguez, Antón Jopia e Iago Cabana, titorizados por Mª Jesús Mourazos.
3º premio. Competente, atractiva y mujer, la combinación imposible (de momento), de Inés Vazquez Rey, titorizada por Mª Jesús Mourazos.
2º premio. Efecto de la ansiedad sobre las vías moduladoras del dolor, de Bruno Bolaño, titorizado por Mª Jesús Mourazos.
Teoría de grafos aplicada á ensamblaxe do xenoma, de Carla Dopazo, titorizada por Beatriz Sixto e Minia Prego.
A xornada completouse cunha actividade grupal, na que o grupo no que participaba o estudante Antón Jopia tamén recibiu o premio do xurado.
O pasado 21 de marzo conmemorouse o Día Mundial da Poesía. Cómpre destacar que a UNESCO adoptou por vez primeira esta data durante a súa 30ª Conferencia Xeral en París en 1999, co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e fomentar a visibilización daquelas linguas que se encontran en perigo.
Esta efeméride é unha óptima ocasión para honrar os poetas e poetisas, facer recitados, estimular a lectura, a escritura e o ensino da poesía, ao tempo que se promova a converxencia desta con outras artes como o teatro, a danza, a música e a pintura.
Así, este ano a Real Academia Galega decidiu adicarlle este día ao polifacético escritor lugués Darío Xohán Cabana (Roás, 1952 – Romeán, 2021), persoeiro moi comprometido coa súa terra e a súa lingua. Por este motivo, o Departamento de Lingua Galega e Literatura, xunto co EDLG, decidiron levar ao pé da letra estas consignas e celebraron esta data cunha exposición sobre o dito autor, onde se poden ver os traballos realizados polo alumnado para honrar a súa memoria. Foi un poeta canónico que se inspirou noutro grande, Manuel María, co que contactou e trabou amizade sendo case un poeta adolescente. Conxugando a mestría de ambos autores, o alumnado de 1º ESO A e D, coordinados pola súa profesora Teresa Pastor Novo, aproveitando os inicios da aprendizaxe sobre versificación, elaboraron coplas a Galicia, seguindo o poema homónimo de Manuel María.
Ademais, as profesoras do Departamento de Lingua Galega e Literatura Beni Vidal Tomé (xefa do Departamento), Dulce Fernández Graña e Teresa Pastor Novo gravaron un audio co recitado dun poema da súa escolla, como complemento a esta actividade. Oxalá a mocidade se exprese cada vez máis en termos poéticos, porque como ben dixo outro senlleiro poeta lugués, Luís Pimentel, “a Poesía é o milagre meirande do mundo”. Moitos parabéns, poesía!
O pasado martes 21 de marzo visitounos o Decano da Facultade de Humanidades da USC, Gonzalo Fernández Suárez, para falarnos do novo Grao en Xestión Cultural (Campus de Lugo, USC) e das súas saídas profesionais. Unha opción especialmente interesante para os nosos titulados de Ciclos Superiores de Axencias e Guías xa que se desexan realizar estes estudos universitarios convalidan 30 créditos. Agradecemos a Gonzalo a súa amabilidade e disposición para resolver as dúbidas do noso alumnado.