Visita a Padrón e a Santiago de Compostela
O pasado 13 de abril o Departamento de Lingua Galega e Literatura e mais o Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizaron unha viaxe cultural a Padrón e a Santiago de Compostela, dirixida a todos os grupos de 1º de Bacharelato, dentro do apartado de “Visitas e saídas culturais”, correspondente ao Plan anual de actividades para a potenciación do uso da Lingua Galega 2022-2023.
A primeira parada foi en Padrón, concretamente na Casa Museo Rosalía de Castro coñecida como a Casa da Matanza, escenario do pasamento da autora, en 1885. Alí o alumnado puido contemplar a derradeira residencia da poetisa, con fotos dela, recordos e escritos persoais e multitude de obxectos cotiáns da Galicia do século XIX. Asemade, puideron gozar do xardín, onde as camelias ocupan un lugar protagónico. O alumnado asinou no libro de visitas cunha fermosa dedicatoria: “Airiños, airiños, aires,/ sempre contigo, meniña gaiteira. Alumnado do IES P. Eusebio da Guarda. Ano 2023”.
De alí, o seguinte destino foi a Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia (antiga Colexiata), de grande interese histórico, antiga Sé Episcopal, considerada o primeiro templo mariano do mundo, sendo unha das igrexas máis antigas do mundo. No seu camposanto, o de Adina, foi o primeiro lugar onde repousaron os restos de Rosalía de Castro, durante seis anos, antes de seren trasladados definitivamente ao Panteón de Galegos Ilustres. Na mesma campa, o alumnado puido ver a sinxela lousa baixo a cal está soterrado o primeiro escritor galego galardoado co Premio Nobel de Literatura, Camilo José Cela.
A continuación, o seguinte lugar de interese foi a visita á Fundación Pública Galega Camilo José Cela, situada en fronte da colexiata, nunhas casas construídas para a residencia dos coengos no século XVIII. Alí puideron inmiscirse na vida e obra do autor, manuscritos e coleccións privadas. Nunha vista guiada que percorreu toda a biografía do autor, o alumnado tamén escoitou con interese divertidas anécdotas do escritor, así como coñecer o nó de amizade que o vencellou con outro grande xenio, Pablo Picasso.
Unha vez vistos estes puntos de interese en Padrón, a excursión encamiñouse cara a Santiago de Compostela. Así, a primeira parada foi na estatua de Rosalía de Castro, no Paseo da Ferradura do Parque da Alameda. Alí, como representación de todo o alumnado de 1º Bach, cinco estudantes leron catro poemas representativos da poetisa: “Silencio”, “Negra sombra”, “Airiños, airiños, aires” e “A xustiza pola man”.
Despois do tempo de xantar, o derradeiro lugar visitado foi a Igrexa de San Domingos de Bonaval, onde se atopa o Panteón de Galegos Ilustres. Este templo é un lugar asociado á memoria galeguista, pois nel descansan, entre outros, Rosalía de Castro, Castelao, Alfredo Brañas e Ramón Cabanillas.
Cómpre salientar que mobilizar un grupo de 140 estudantes non foi tarefa doada, mais é de xustiza comentar que o comportamento de todo o alumnado foi óptimo.
Para rematar, o cansanzo desta apertada xornada e mais algunha que outra chuvieira non impediron que todos, alumnado e profesorado, gardemos na memoria un fermoso día de abril (“Nasín cando as prantas nasen/ no mes das froles nasín, /nunha alborada mainiña,/ nunha alborada de abril), onde fixemos unha viaxe no tempo da man de figuras esgrevias das nosas letras.
Teresa Pastor Novo (Coordinadora do EDLG)