Capítulo VII. Unha balea de especie descoñecida
Aínda que fiquei abraiado por esta inesperada caída, conservei unha impresión moi clara das miñas sensacións.
Fun arrastrado a unha profundidade duns vinte pés. Entrevín unha masa negra que desaparecía cara ao leste, cunhas luces de posición que desapareceron ao lonxe. Era a fragata. Sentinme perdido.
- Socorro! Socorro! –berrei nadando desesperadamente cara á Abraham Lincoln.
Foi o último berro que lancei. A miña boca encheuse de auga. Loitaba, arrastrado cara ao abismo.
De socato, unha man vigorosa agarrou as miñas roupas, sentinme violentamente levado cara á superficie e escoitei, si, estas palabras pronunciadas ao meu oído:
- Se o señor quixese apoiarse no meu ombro, nadaría con máis facilidade.
- Ti! –dixen-. Ti!
- Eu mesmo – respondeu Conseil-, e ás ordes do señor.
- O choque lanzoute ao mar ao mesmo tempo ca a min?
- Non. Pero como estou ao servizo do señor, seguín o señor.
O bo do rapaz encontraba isto do máis natural!
- A fragata! –respondeu Conseil virándose de costas-. Coido que o señor fará ben en non contar moito con ela!
Polo tanto, decidimos que a nosa única posibilidade de salvación era a de ser recollidos polos botes da Abraham Lincoln e que debiamos organizarnos de xeito que puidesemos agardalos o maior tempo posible. Mentres un de nós se mantería inmóbil, tendido de costas, cos brazos cruzados e as pernas estendidas, o outro nadaría e arrastraríao. Ese labor de remolcador non debía prolongarse máis de dez minutos, e relevándonos dese xeito poderiamos nadar durante varias horas e manternos mesmo ata o amencer.
Cara a unha da mañá, sentinme totalmente extenuado. Conseil tivo que sosterme, e a responsabilidade da nosa salvación pesou exclusivamente sobre el.
- Déixame! Déixame! –díxenlle.
- Abandonar o señor! Nunca! –respondeu-. Antes afogarei eu.
A lúa apareceu nese momento. Vin a fragata. Estaba a cinco millas de nós e só era unha masa escura, apenas inapreciable. Pero non había ningunha embarcación! Quixen berrar. Para que a esa distancia? Os meus beizos inchados non deixaron emitir ningún son. Conseil puido articular algunhas palabras e escoitei como repetía varias veces:
- Socorro! Socorro!
Cos nosos movementos detidos por un instante, escoitamos. Quizais fose un deses ruídos que produce o sangue nos oídos, pero pareceume que un berro respondía ao de Conseil.
- Escoitaches? –murmurei.
- Si, si!
E Conseil lanzou outra chamada desesperada.
Esta vez non había ningún erro posible! Unha voz humana respondía á nosa!
Conseil continuaba a arrastrarme. De cando en vez, levantaba a cabeza, miraba á fronte e lanzaba un berro de recoñecemento ao que respondía unha voz cada vez máis próxima. Eu case non a escoitaba. As miñas forzas chegaran ao seu límite.
Nese instante, choquei contra un corpo duro. Agarreime a el. Logo, sentín que me sacaban, que me levaban á superficie, que o meu peito se baleiraba e desvanecinme… Axiña recupereime grazas a unhas vigorosas friccións que percorreron o meu corpo. Entreabrín os ollos…
- Conseil! –murmurei.
- Chamaba o señor? –respondeu Conseil.
Naquel momento, co último resplandor da lúa que descendía polo horizonte, vinunha figura que non era a de Conseil e que recoñecín de seguido.
- Ned! -berrei.
- En persoa, señor, e que corre tralo seu premio –respondeu o canadense.
- Tamén foi lanzado ao mar co choque da fragata?
-Si, señor profesor, pero fun máis afortunado ca vostede, puiden facer pé case inmediatamente sobre un illote flotante.
- Un illote?
- Mellor dito, sobre o noso narval xigantesco.
- Explíquese, Ned.
- Simplemente acontece que axiña comprendín por que o meu arpón non conseguiu cravarse e escorregou sobre a súa pel.
- Por que, Ned, por que?
- Porque esta besta está feita de aceiro!
O lombo anegrazado que me soportaba era liso, puído, non imbricado. Respondía ao golpe cunha sonoridade metálica e, por incrible que pareza, semellaba estar feito con pranchas aparafusadas.
Non había dúbida! O animal, o monstro, o fenómeno natural que intrigara o mundo científico por completo, que inquietara e fixera voar a imaxinación dos mariñeiros de ambos os dous hemisferios era, había que recoñecelo, un fenómeno creado pola man do home.
Estabamos estendidos sobre a superficie dunha especie de barco submarino que tiña a forma, ata onde eu podía xulgar, dun enorme peixe de aceiro. Ned Land xa tiña formada a súa opinión ao respecto. Conseil e mais eu só puidemos compartila.
- Mais entón –dixen-, este aparello ten un mecanismo de locomoción e unha tripulación para gobernalo.
- Evidentemente –respondeu o arpoador-, e porén hai xa tres horas que habito esta illa flotante e aínda non deu sinais de vida.
Naquel momento, e como para dar a razón ao meu argumento, escoitouse un ruído na parte posterior do estraño aparello, que evidentemente tiña como propulsor unha hélice, e púxose en marcha. Só tivemos tempo para agarrarnos á súa parte superior que emerxía das augas uns oitenta centímetros. Afortunadamente, a súa velocidade non era excesiva.
- Mentres navegue horizontalmente –murmurou Ned Land- non teño nada que dicir. Mais como se lle ocorra somerxerse, non dou dous dólares polo meu pelexo!
Finalmente, pasou esta longa noite. A miña memoria, incompleta, non me permite conservar todas as impresións. Tan só lembro un detalle. Durante algúns momentos en que o mar e o vento estaban calmos, crin escoitar varias veces uns febles sons, unha especie de harmonía fuxidía producida por acordes afastados. Cal era entón o misterio desta navegación submarina da que todo o mundo buscaba inutilmente unha explicación? Que seres vivían neste estraño barco? Que axente mecánico permitía que se desprazase cunha velocidade tan prodixiosa?
- Eh! Léveme o demo!- berrou Ned Land golpeando co pé no aceiro-. Abran, navegantes pouco hospitalarios!
Mais era difícil facerse oír no medio do abouxador ruído da hélice. Afortunadamente, cesou o movemento de inmersión.
De súpeto, no interior do barco produciuse un ruído de ferraxes violentamente corridas. Abriuse unha prancha e apareceu un home, lanzou un estraño berro e desapareceu deseguida.
Algúns instantes despois, apareceron silandeiramente oito homes fortes, co rostro tapado, e leváronnos ao interior da súa formidable máquina.
Capítulo VIII