Skip to Content

VISITA DE XOSÉ NEIRA VILAS A SAN SADURNIÑO

85 anos recén feitos. Andar paseniño apoiado nun bastón. Algo de carraspeira. Unha imaxe de fraxilidade en definitiva que se difumina tan pronto como empeza a falar. "Eu querería estar aí sentado con vós nunha butaca. Pero, claro, non hai megafonía. E, ademais, agora que pasei o traballo de subir ao escenario...", dixo con voz firme e, ao tempo, cercana. Foi a presentación de Xosé Neira Vilas perante un auditorio de mozos e mozas que estudan a ESO en San Sadurniño. Rapazada con auriculares, móbiles e o proído propio da idade que, malia todo, quedou cautivada ao momento polo pensamento de quen viviu medio mundo "sempre en galego". Faloulles de todo un pouco: da súa obra, do labor da escrita, do valor da lingua... pero, sobre todo, deulles consellos sobre como converterse en persoas de proveito.

Fuxir da aula despois de xantar debe ser unha opción apetecible para calquera rapaz de hoxe nestes días previos ás vacacións. E máis aínda se a alternativa ás clases é encontrarse cunha lenda viva da nosa cultura, avalada pola súa traxectoria literaria e reivindicativa dunha lingua con entidade de seu.

Xosé Neira Vilas chegou a San Sadurniño pouco antes das catro da tarde acompañado do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, e de representantes da editorial Embora, responsable da publicación de "Aquel neno", o seu último libro polo de agora. Na casa da Cultura agardábano impacientes medio cento de mozos e mozas que leron recentemente "Memorias dun neno labrego", a obra máis coñecida do escritor de Vila de Cruces e tamén a máis traducida e reeditada da nosa literatura.

"Memorias..." é, sen dúbida, a novela que mellor retrata o mundo creativo de Neira. Escribiuna na Arxentina, a onde emigrou con 19 anos empuxado por un afán de superación persoal e de "aprender o mundo". Alí formouse como contable, aínda que despois seguiu preparándose para encher a ansia de escribir, primeiro como xornalista e logo como poeta, ensaísta e novelista. "Na Arxentina foi onde descubrín Galicia", asegura Neira, para quen foi vital entrar en contacto coa intelectualidade galega no exilio. "Memorias dun neno labrego" é, segundo o autor, a resposta a unha visión estereotipada sobre o mundo rural galego "que sempre escribían os da cidade como se a aldea fose un mundo idílico e os campesiños fosen xente sempre feliz". "A aldea non era un paraíso", engadiu, en referenza a un tempo de penurias en que a xente tiña pouco máis que para subsistir e pagar rendas. "Quixen dicir a verdade xa que eu son un escritor aldeano que mamou eses problemas e por iso puiden escribir sobre eles."

O repaso da súa obra e dos máis de 40 anos pasados na América Latina servíronlle a Neira Vilas para traer ao caso o seu activismo "defendendo a cultura, incluso moitas veces diante dos propios galegos". No encontro cos rapaces quedou claro que para el a lingua e a cultura son dogma de fe e que o idioma pode abrir moitas portas. "Falando e escribindo en galego chégase a moitos millóns de persoas en todos os continentes", asegura Neira. Para el o galego "ten boa saúde, aínda que sempre se pode mellorar" e a súa pervivencia, cualificada polo escritor como "a creación máis importante de Galicia en 800 anos", depende en grande medida das xeracións máis novas. "O futuro do galego sodes vós", díxolles aos mozos e mozas, a quen lles lembrou que os únicos prexuízos que existen contra o idioma "téñenos os de aquí".

A charla de Xosé Neira Vilas viuse truncada polos bocinazos do autobús que agardaba no colexio polos rapaces. Despedírono con aplausos e pedíndolle que asinase libros, incluso rubricou autógrafos en blocs de notas ou follas soltas. O tempo esfúmase máis rápido do que parece entre lembranzas, preguntas e consellos, moitos consellos, e non só literarios. "Tedes que ler moito e traballar moito. Pero traballar coas mans: plantar unha semente, ver como medra...". "Axudade na casa, non hai traballos "de homes e de mulleres". E axudádevos uns aos outros". Consellos sobre crecemento persoal, igualdade e solidariedade provenientes dun home envestido de autoridade suficiente para aconsellar. A autoridade que non dan nin os títulos nin a escola, senón os anos e ter andado moito mundo.

VISITA DE XOSÉ NEIRA VILAS A SAN SADURNIÑO


image | by Dr. Radut