Saltar navegación.
Inicio

Historia

Xubílome!!

Pura

10/09/2013

E non me xubilo cansada. Despois de corenta anos, podo dicir que a miña vida profesional foi moi gratificante, nela atopei alumnos e alumnas excelentes, entrañables compañeiros e compañeiras e ata os meus mellores amigos e amigas.

O Feal foi o meu primeiro destino definitivo no ano 1980 e trinta e tres anos despois xubílome no mesmo centro. Estase ben aquí! A todos os que quedades anímovos a seguir adiante con ilusión, traballando tan ben como vós sabedes facelo.

Non me gustan as despedidas (son tristes) pero quero darvos as grazas a todos: compañeiros/as, alumnos/as, pais e nais por facer que o meu traballo fose tan doado. Polo voso agarimo, pola vosa amizade por tantos bos momentos compartidos...

GRAZAS!!! 

Pura Martínez

Claustro 2013

Claustro 2013

08/07/2013

Aquí aparece todo o profesorado e persoal non docente que conseguimos reunir o pasado 28 de xuño. Moita sorte a tod@s @s que se van!!

Viva O Feal

21/06/2013

Nunca fixeramos unha despedida así dunha promoción do Feal. Tivemos moitísima sorte co espléndido día elixido para a rodaxe, e ademais, non faltou ningún alumno de 4º de ESO na excursión á Coruña do 24 de abril. Non estaba moi planificado e tiñamos moi pouco tempo libre, pero funcionou moi ben a improvisación e a colaboración. Semanas despois, Gelu fixo unha toma adicional (houbo moito que esperar para ter outro día despexado na Coruña!).

Isto é o noso pequeno agasallo para unha promoción do Feal inesquecible. Se tivésemos que puntuar a súa calidade humana, a media sería de sobresaínte. Grazas rapaces. Con xente así é un pracer dedicarse ao ensino.

A promoción 2013 do Feal

 

Promoción 2013 do Feal

30/05/2013

A web do Feal (que cumpriu onte seis anos!) ten moitísimo que agradecerlle á xeración de estudantes que está a piques de deixar o noso centro. Durante a última etapa da web, o seu apoio foi incondicional, e así foron posibles un bo número de tolerías que animaron este espazo: desde O misto ao vídeo das Letras galegas, pasando polas Badaladas de fin de ano ou Chegou a hora (sen esquecer o seu papel no lipdub).

Aínda quedan historias por publicar, e estamos seguros de que a súa despedida no festival de fin de curso será emocionante. Grazas, rapaces, deixaredes unha duradeira pegada no Feal!!

Grazas, Alicia!

Despedida de AliciaFai clic para ver máis fotos

10/05/2013

Aínda que a moitos pode parecer incrible, a pasada semana a nosa compañeira Alicia Trobajo cumpriu os anos necesarios para poder retirarse a unha vida algo máis descansada. A partir de agora, se madruga será porque lle apetece aproveitar a mañá para dar boas camiñadas, por poñer un exemplo. Deixamos aquí algunha imaxe do seu último día de traballo no Feal e, ademais, unha presentación elaborada por José Manuel Timiraos coa que se despide dela o seu grupo de 6º B e os compañeiros do 3º Ciclo de Primaria.

Como tamén lle dixemos recentemente a Manolo Corredoira neste mesmo espazo... unha forte aperta, Alicia! E moitas grazas pola túa longa dedicación ao Feal (dende 1980!). Queda pendente unha xuntanza cos dous a finais de xuño para transmitirvos o noso cariño.

Despedida de Alicia

Grazas, Manolo!

12/01/2013

O pasado día 11 de xaneiro, o noso compañeiro Manolo Corredoira cumpriu 60 anos e decidiu acollerse á xubilación anticipada. Temos pendente xuntarnos con el para celebralo, pero de momento, deixamos aquí un recordo do seu último día de traballo no Feal, a través dun pequeno vídeo e algunhas fotos.

Unha forte aperta Manolo, e moitas grazas pola túa longa dedicación ao Feal (dende 1980!).

Feliz Nadal 2012!!

 20/12/2012

Para pechar as celebracións do noso 40 Aniversario, presentamos este pequeno vídeo (mellor en HD) con dúas partes:

Moitas grazas a toda a xente que colaborou nesta postal audiovisual, e esperamos polo menos provocar algún sorriso. Felices festas!

 

Curiosidades numéricas:

  • O vídeo foi subido a YouTube o 20/12/2012.
  • A canción que serve de fondo ao resumo audiovisual do ano ("At last") foi composta nos anos 40, e esta versión (de Jeff Lynne) foi publicada en 2012.

Así somos no Feal

01/07/2012

Por fin!! Misión cumprida. Trataremos de aproveitar este impulso colectivo para espertar un pouco a web do Feal. Contamos coa colaboración de todo o centro a partir de setembro.

Para a xente que visite esta páxina sen coñecer a historia, aclaramos que este vídeo musical fíxose para celebrar o 40 Aniversario do CPI do Feal (inaugurado o 6/3/1972), e que participou a inmensa maioría do noso alumnado, profesorado e persoal non docente (coa especial intervención dalgúns ex-alumn@s e ex-profesores/as), despois de catro meses de preparativos e ensaios.

Claustro 2012

Claustro 2012

Aquí aparece todo o profesorado e persoal non docente que conseguimos reunir o 29 de xuño de 2012. Tratábase de facer unha foto no mesmo lugar da que leva Catuxa no comezo do lipdub, pero aproximadamente 40 anos despois (aínda que calquera ano é bo para facer este tipo de fotos!).

Aproveitamos para informar dos cambios no equipo directivo: o 30 de xuño cesaron Pedro Abeal, Alfonso Dopico e Alba Alonso, quedando agora con esta nova composición:

  • Director: Víctor Novo Carballeira
  • Xefe de estudos de Primaria: Juan Carlos Bedia Vidal
  • Xefa de estudos de Secundaria: Mar González Veiga
  • Secretaria: Montse Fernández Carballeira

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido