Blogues

PROBAS DAFIS

Durante dúas semanas o alumnado da ESO estivo a realizar as probas DAFIS (datos de actividade física saudable). O centro leva xa tres anos recopilado datos do alumnado.


As probas valoran a condición física do alumnado relacionada coa saúde. Esta intervención constitúe un análise das necesidades de actividade física para unha posterior intervención.

Entre os obxectivos están loitar contra o sedentarismo, o sobrepeso e a obesidade; mellorar a saúde dos nosos escolares establecendo modelos de intervención para combater a inactividade física.

As probas poden consultarse na web da consellería: https://dafis.xunta.es/index.php/pruebas-test:

O rexistro dos datos están vinculados co SERGAS polo que o centro de saúde poderá consultar esta relevante información para ter unha visión máis ampla dos nosos escolares.

As familias deberán dar o seu consentimento para a subida destes datos. En calquerqa caso dita información será confidencial.

No ano 2018, DAFIS foi seleccionada pola oficina europea da OMS como mellor exemplo de boas prácticas en España para a promoción da actividade física no ámbito escolar.

 

Vitória cóntanos un conto en portugués

A alumna Vitória, de 2º de Primaria e de orixe brasileira, foi convidada pola mestra Marta Cernadas para que lese un conto en portugués ao alumnado que cursa esta materia en 1º de ESO. 

Aproveitando a circunstancia, as compañeiras e compañeiros de Vitória tamén acudiron ao salón de actos do noso centro educativo. Tras a lectura todas e todos observamos a gran semellanza que existe entre ambas as linguas, o galego e o portugués, que na Idade Media conformaron unha auténtica koiné literaria, pois non existían as fronteiras para a creación e a cultura, tal e como nos amosa a espléndida tradición da lírica trobadoresca.

O alumnado de teatro do CPI de Cova Terreña nos actos do 25N

O alumnado de teatro do CPI de Cova Terreña participou nos actos reivindicativos do 25N organizados pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona contra a lacra que supón a violencia machista na nosa sociedade.

Os actos comezaron cunha marcha dende a entrada do Parador de Baiona rumbo á Praza do Concello. A marcha abriuna o alumnado do noso CPI portando unha pancarta que rezaba: "Baiona contra as violencias machistas".

A seguir, o alumnado puxo en escena unha performance baseada na lectura dos nomes dalgunhas das mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas neste 2023, remarcando a vontade de erradicar dunha vez por todas esta situación detestábel. Alba, Kiara, Nathaldo, Elia, Bea, Iris, Mara e Area deron paso á familia dunha das mulleres asasinadas en Baiona neste ano para que dese lectura ao texto oficial do Concello de Baiona.

O acto rematou cun máis que emotivo minuto de silencio en solidariedade coas mulleres asasinadas e as súas familias.

Vidas cortadas que endexamais verán a luz!

Nais, fillas e irmás que xa nunca volverán!

Non cales ante a violencia sexual!

Non cales ante o insulto!

Non cales ante as ameazas!

 

Regueifando pola igualdade no CPI de Cova Terreña

O alumnado de 1º de ESO do CPI de Cova Terreña tivo a oportunidade de participar nuns obradoiros de regueifas organizados pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, dentro do programa "Baiona Lila".

As regueifeiras Sara e Nuria aprenderon o noso alumnado como elaborar as mellores regueifas, axustando o ritmo e a métrica, dun xeito improvisado.

As regueifas, tal e como nos explicaron as mestras, están moi ligadas á lírica medieval galego-portuguesa, máis concretamente ás tençoes que mantiñan os xograres e trobadores entre si; tamén se asocian a cantos de vodas e outros eventos.

Inauguración da campaña "Baiona Lila" do Concello de Baiona

O alumnado de teatro do CPI de Cova Terreña participou na inauguración da campaña "Baiona Lila", que tivo lugar no Centro Multiúsos de Sabarís o pasado 3 de novembro.

O alumnado puxo en marcha unha performance sobre corresponsabilidade en que cada participante liberaba a muller das ataduras e ligazóns que lle impiden levar unha vida plena.

Bea, Carmen, Kiara, Clara, Antía, Elia, Alba, Iris e Nathaldo amosáronnos que hai outro xeito de compartir a vida en parella e na familia, "corresponsabilizándose" e partillando os labores do fogar e do traballo.

 

 

Renovación das Ondas de Infantíl.

Esta mañá o alumnado de Educación Infantil viu como o valado do seu parque infantil quedaba vestido de azul. Isto débese á renovación das ondas do mar que actúan como cortaventos nesa zona. Os máis pequenos xa poderán gozar do seu parque infantil sen as molestias do vento.

Dende a dirección do centro seguimos traballando para que todo o noso alumnado se sinta confortable nas instalacións do centro.

 

Calendario de exames das materias pendentes

 

Cómpre recordar que as materias pendentes que non se superen iranse sumando ás do curso ordinario suspensas a efectos de promoción de curso e de titulación en 4º de ESO.

As titorías entregarán o boletín de pendentes ao alumnado o venres 24 de novembro, ás 11:00h, nas súas aulas de referencia.

 

 

 

Obradoiro "NoEnRedes"

O pasado 19 de outubro, o noso alumnado de 2º de ESO participou no Programa “No enRedes” da Asociación Alborada, adicado á prevención de riscos derivados do uso inadecuado das TRIC (Tecnoloxías da relación, información e comunicación).

O obradoiro impartido no noso centro estivo centrado no bullying, acoso escolar, mensaxes de odio e UNATRIC e tivo como principais obxectivos a identificación dos riscos e vantaxes das TRIC, a adquisición de pautas de conduta para evitar o uso inadecuado das mesmas, e a adquisición e mantemento de comportamentos e hábitos saudables cara ao benestar físico e psicolóxico do noso alumnado.

 

Programa "Que non te líen, ti elixes"

O pasado 25 de outubro, o noso alumnado de 3º e 4º de ESO participou no Programa “Que no te líen, ti elixes” co principal obxectivo de favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos na elección de itinerarios formativos enfocados nos ciclos de formación profesional con menor presenza de mulleres.

O alumnado gozou dun obradoiro moi aplicado, combinando actividades teóricas e prácticas, e onde tiveron a oportunidade de coñecer e charlar un tempo con Lidia González, patroa de altura, piloto da mariña mercante e capitá de pesca, e así coñecer a súa formación e experiencia e consultar todos as súas dúbidas e curiosidades.

O Departamento de Lingua e Literatura Galegas e o EDLG organizan o I Certame de Microrrelatos, Feitizos e Rimas Endemoñadas

O alumnado do noso centro educativo presentou máis dun cento de novas creacións literarias

Aproveitando a antiga festividade celta do Samaín "fin do verán", o Departamento de Lingua Galega e mais o EDLG convocaron un certame en que participaron todos os niveis e ciclos de Educación Infantil, Primaria e Secundaria. 

Os requisitos para estas creacións literarias, na modalidade de microrrelato, eran elaborar textos non superiores ás cen palabras e cun argumento centrado no Samaín e en historias de medo e terror. Por outra banda, no apartado de feitizos e rimas endemoñadas, ademais da creatividade, valorouse a orixinalidade e o bo humor do que fixeron gala moitos e moitas participantes.

Finalmente, o xurado, conformado polos membros do Departamento de Lingua e Literatura Galegas e mais algún dos membros do EDLG tomou a decisión de premiar os seguintes traballos na ESO:

Na modalidade de microrrelato o primeiro premio foi para o texto "A miña avoa", de Trinidad Costas, de 2º ESO B, en que o xurado destaca a súa orixinalidade. O segundo foi poara "O rostro no espello", de Mara Ludeña, de 1º ESO B, do que se salienta a excelente redacción do manuscrito.

Nos feitizos, o primeiro premio recaeu na "Poción para crecer", de Ciara Matilde, Laura González e Daniela Miniño, de 3º ESO B, en que o xurado destaca a relación do feitizo co propio Samaín; o segundo premio foi para o "Feitizo para quitar os partes", de Mario Villamarín, Nano Ruibal, Pablo Fontenla e Brais Misa, do que salienta o carácter divertido e simpático desta poción máxica.

A respecto das rimas endemoñadas, o primeiro premio foi para "Unha noite de Samaín", de Vera Goce, de 1º ESO B, en que se salienta a capacidade creativa da autora, e o segundo para "Lobos salvaxes", de Gerardo Rodríguez, Unai Pombal e Xoel Sanmartín, de 2º ESO B, onde salienta a temática relacionada coa nosa etnografía e a mitoloxía da nosa cultura.

RCP NA AULA

Durante esta semana o alumnado de 2º e 3º da ESO aprendeu as técnicas básicas de reanimación cardiopulmonar. A activividade intégrase dentro dun programa máis amplo que pretende difundir a concienciación e a aprendizaxe dos primeiros auxilios en toda Galicia.

Ademais tamén aprenderon outras técnicas, como a actuación ante unha OVACE (obstrución de vía aérea por corpo estraño).

 

Visita dun campión de bolos

Estes días estivo de visita no centro un campeón de España. Jairo obtivo este título na categoría individual de  bolos celtas.

Explicoulles ao alumnado de 1º e 4º da ESO a técnica deste deporte e as regras básicas.

Con motivo da visita dedicarémoslle unha das lonas que colgan no noso pavillón.

Obradoiro de bolos celtas

O xogo dos bolos é unha actividade de grande arraigo na comarca do Val Miñor. Son moitos os clubs que proliferaron na zona e que se esmeran por conservar este tradicional xogo.

A federación galega territorial de bolos visitou o noso centro para impartir unha sesión de iniciación aos bolos celtas. Explicaron ao alumnado a orixe do xogo, as súas regras e a técnica de lanzamento.

Primeiros Auxilios

Hoxe tivemos de invitados ao noso centro a un equipo da UCI do Complexo Hospitalario Álvaro Cunqueiro. O alumnado de 1º e 4º da ESO participou nun obradoiro de primeiros auxilios.

Primeiro impartíronse unhas nocións teóricas e despois fixeron unhas prácticas entre eles e cuns bonecos interactivos.

Aprenderon: a facer unha reanimación cardiopulmonar (RCP) de calidade; a colocar ao accidentado na posición lateral de seguridade (PLS); a usar o desfibrilador semiautomático (DESA); e tamén as pautas ante unha obstrución da vía aérea por corpo estraño (OVACE).

 

SERES VIVOS

Estimadas familias.Estamos a estudar os seres vivos, e o ciclo da vida. Os nenos e nenas da aula reproduciron en plastilina os que eles escolleron, aquí tedes as as fotos.

 

LIGA DE FÚTBOL MIXTA

Xa deu comezo a liga de fútbol mixta nos recreos de secundaria. Os equipos serán mixtos e formados por 4 persoas con representación de ámbolos dous sexos. A arbitraxe correrá a cargo dos propios equipos

 

Esta actividade forma parte dos seguintes programas: PVAD (proxecto de vida activa e deportiva), EduSaúde, Inclúe-T,  Iguála-T, Convive-T, Emocióna-T

 

 

DINAMIZACIÓN DOS RECREOS DE SECUNDARIA

Estas son algunhas das actividades físicas que o alumnado de secundaria está a practicar nos recreos: voleibol, badminton, tenis de mesa, fútbol, palas, baloncesto... O propio alumnado poderá facer propostas, as súas inquedanzas serán escoitadas e tidas en conta por este departamento.

Esta actividade forma parte dos seguintes programas: PVAD (proxecto de vida activa e deportiva), EduSaúde, Inclúe-T,  Iguála-T, Convive-T, Emocióna-T

 

CHARLA AESLEME

Ola:

O alumado de 2º da ESO tivo a ocasión de charlar con Felix, pertencente á asociación AESLEME. O ponente faloulles de educación viaria, prevención de accidentes, pautas de seguridade...

Felix explicou as características das lesións medulares, as súas consecuencias, e de como poden afectar á vida das persoas. Tamén contou a historia do seu accidente e como se recuperou e adaptouse á nova vida.

XORNADA DE CONVIVENCIA NA PRAIA

Ola a todos e todas:

Como  inicio de curso, todo o alumnado da ESO e Primaria acudiu á praia da Barbeira a pasar a mañá. Todo o grupo desprazóuse a pé desde o centro escolar ata a praia.

Na procura da inclusión de todos os participantes ofreceuse un amplo abano de xogos.

Montouse unha carpa para reparto de froita entre todos os escolares.

Estas foron as actividades propostas:

Actividades tranquilas: cartas e petanca.

Actividades dinámicas na area: rugby tag, kinball, voleibol, brilé, ultimate, fútbol, béisbol, palas...

Actividades na auga: iniciaciación á vela e nado libre baixo vixiancia

O propio alumnado, baixo a supervisión do profesorado, encargouse da organización e xestión dos xogos. Eles mesmos decidían o grao de participación, o tipo de actividade e o tempo de xogo.

A participación foi masiva. O alumnado estivo realizando actividade física durante toda a mañá. O número de conflitos durante os xogos foi practicamente nulo.

Esta actividade forma parte do PVAD (Proxecto de vida activa e deportiva), EduSaúde, Inclúe-T, Iguála-T, Convíve-T, Emocióna-T

 

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Xullo 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031