Saltar navegación

Creación dun Taller

O proceso de creación dun taller é similar ao de calquera outra actividade. Activamos o modo de edición e imos á lista despregable "Engadir unha actividade...", para engadir o taller na sección que nos interese.

Isto lévanos a un formulario, onde configuraremos os diferentes parámetros que controlan o funcionamento do taller.

  • Título: é o nome identificativo co que quedará enlazada a actividade taller na páxina principal do curso, dentro da sección elixida. Pódense incluír marcas ou etiquetas HTML para resaltar parte ou a totalidade do nome.
  • Descrición: é o texto que será presentado aos estudantes cando entren na actividade. Debe aproveitarse para describir o traballo que teñen que realizar os alumnos e alumnas (obxectivos do traballo, apartados a desenvolver, tamaño e formato dos arquivos a enviar, etc.). O sistema engade automaticamente a estas instrucións a cualificación máxima asignada á actividade e as datas importantes para o desenvolvemento da actividade.
  • Cualificación por valoracións: especifica o valor máximo da cualificación da avaliación realizada polos estudantes do seu propio traballo e do dos seus compañeiros e compañeiras.

1

A cualificación real dunha avaliación é calculada polo módulo Taller comparando esa avaliación coa "mellor" avaliación do mesmo envío. A "mellor" avaliación é aquela que está máis preto da media de todas as avaliacións.

  • Cualificación do envío: os traballos enviados polos estudantes tamén son avaliados polo profesorado. Este parámetro establece a máxima cualificación que pode outorgarse a un envío.

A cualificación dun estudante no taller é a suma da cualificación por valoracións e a cualificación por envíos. Así pois, a máxima cualificación posible nun taller sería a suma dos valores axustados neste parámetro e no anterior. Pódense asignar pesos distintos a ambas as dúas cualificacións actuando sobre estes valores. Por exemplo, se a cualificación máxima para as avaliacións do estudante se axusta a 20 e a cualificación máxima para os envíos se axusta a 80, entón a cualificación máxima do taller é de 100. Este valor pode modificarse en calquera momento e tanto os estudantes coma o profesorado poden ver de inmediato o efecto do cambio nas cualificacións.

  • Estratexia de cualificación: establece o método de cualificación que se utilizará para os diferentes aspectos da actividade. Temos as seguintes posibilidades:

    • Non se cualificou: neste tipo de taller o profesorado non está interesado na avaliación cuantitativa do traballo encargado aos estudantes. Os estudantes poden facer comentarios sobre as partes dos traballos, pero non os cualifican. O profesorado, non obstante, se así o desexa, pode cualificar os comentarios dos estudantes. Estas cualificacións forman a base das notas finais dos estudantes. Se o profesor ou profesora non cualifica as avaliacións dos estudantes, a actividade terá ningunha cualificación final.
    • Acumulativa: é o tipo de cualificación predeterminada. Neste tipo de tarefa a cualificación de cada avaliación componse dun número de criterios ou elementos de avaliación independentes (o seu número depende do tamaño e complexidade do traballo). Cada elemento debería cubrir un aspecto particular do traballo. A cualificación final será a suma das puntuacións obtidas en cada un dos elementos (ponderada para que se corresponda cos parámetros anteriores).
    • Con barras de erro: neste caso, tipo de tarefa os envíos son cualificados utilizando moitos criterios independentes de tipo binario (Si/No, Bien/Mal...). A cualificación determínase en función do número de erros.

O profesorado define unha táboa de cualificacións (que pode non ser lineal) que se utiliza para determinar a cualificación en función da relación n.º de erros/cualificación máxima. Como os distintos elementos de avaliación poden ter distinta importancia, o docente poderá controlar o peso relativo duns erros fronte a outros. Tamén pode variar a cualificación total así calculada nun ±20% (esta marxe é axustable).

3

    • Criterio: a cualificación referida a criterio é a máis simple. Realmente é unha variante da avaliación acumulativa e consiste en cualificar os traballos en función dun conxunto de criterios independentes que se suman para obter a cualificación final. Pero, para esta avaliación prevese que cada elemento sexa avaliado por máis dun docente.
    • Procedementos: este tipo de cualificación baséase en buscar, dentro da clasificación predefinida, que procedemento, apartado, frase ou descriptor é o máis axeitado para cada traballo particular. A cada caso asociaselle unha cualificación, que é a que se outorga ao traballo.
  • Número de comentarios, elementos da tarefa, franxas de cualificación ou declaracións de criterio: dependendo do tipo de estratexia de cualificación, este número indica a cantidade de comentarios, elementos de avaliación, franxas de erro ou criterios que serán usados nas avaliacións.

Todas as avaliacións teñen un campo de comentarios xerais. Se eliximos como estratexia de avaliación Non se cualificou, a asignación do valor dado aquí determinará o número de áreas para comentarios adicionais. No caso de axustarse a cero, a avaliación terá unha soa área de comentarios xerais.

  • Número de anexos que se espera nos envíos: o número introducido aquí determina cantas "casas de suba" se mostrarán cando o estudante envíe un traballo. O número pode ser cero, o que indica que non se permiten anexos.
  • Permitir reenvíos: determina se os estudantes poden reenviar as súas tarefas unha vez cualificadas (para subir nota, por exemplo) ou se só se lles permite un envío. Isto pode ser útil se o profesor quere alentar os estudantes a facer un traballo mellor nun proceso iterativo.

Se permitimos o reenvío, cada versión do traballo do estudante poderá ser avaliada de forma independente, é dicir, unha versión recente non substitúe á anterior, senón que ambas as dúas poderán ser avaliadas polos seus compañeiros e compañeiras e o profesor ou profesora. Para calcular a cualificación final utilízase o envío que alcanzase a puntuación máis alta, que non ten por que ser a da última versión.

  • Número de valoracións de exemplo dadas polo profesor: este parámetro determina cantos "traballos de exemplo" poñerá o profesorado a disposición dos estudantes para que estes os avalíen antes enviar os seus propios traballos. A continuación, o profesor ou profesora revisará, avaliará, cualificará e comentará estas avaliacións de proba.

O obxectivo desta estratexia é asegurarse de que os estudantes practicasen a avaliación destes traballos de exemplo antes de iniciar o proceso de avaliación do seu propio traballo e do dos seus compañeiros e compañeiras.

Se se establece a 0, non se achegarán traballos, non haberá ensaio de avaliación e os estudantes poderán enviar os seus traballos en calquera momento.

  • Comparación de avaliacións: xa se comentou que o traballo dos estudantes pode ser avaliado polo profesor ou profesora e, moi posiblemente, por un número determinado de alumnos e alumnas. A cualificación do traballo depende da avaliación do traballo realizada polo profesorado e da valoración que este faga das avaliacións do estudante aos envíos dos seus compañeiros e compañeiras.

Se só existe unha avaliación dun envío, esa avaliación simple tómase como a mellor. Se hai dúas avaliacións dun envío, ambas as dúas son consideradas as "mellores". Só cando haxa tres ou máis avaliacións comeza o módulo a efectuar distincións entre as avaliacións.

Pero, pode acontecer que algún estudante realice estas avaliacións dun xeito un pouco descoidado ou "sospeitoso". Pois ben, este parámetro pretende detectar e penalizar en maior ou menor medida as diferenzas ou discrepancias entre a avaliación feita polos estudantes e a do docente, no caso de que a haxa.

Das cinco opcións posibles, a denominada Muy laxo penaliza moi pouco estas diferenzas, mentres que a Muy estrito as penaliza en maior medida. Como opcións intermedias temos Laxo, Normal e Estrito.

Durante o curso do taller o profesorado pode considerar que as cualificacións dadas ás avaliacións dos estudantes son ou ben demasiado altas ou demasiado baixas. Neste caso, pode cambiar esta opción e recalcular a cualificación da avaliación do estudante.

  • Número de valoracións enviadas polos estudantes: este número determina cantos traballos doutros colegas deberá avaliar e cualificar cada estudante. Despois da avaliación, o autor ou autora do traballo poderá ver os comentarios e posiblemente a cualificación dada polo seu compañeiro/a.

Se se deixa en cero, non se realizará a rolda de avaliacións e a actividade parecerase moito a unha tarefa simple, coa única diferenza de que hai unha cualificación por criterios independentes.

  • Ponderación da avaliación do docente: este parámetro úsase para axustar o peso asignado ás avaliacións dos estudantes respecto ao peso das avaliacións do profesorado. De xeito predeterminado establécese en 1, o que significa que as avaliacións do profesorado teñen o mesmo peso que as dos estudantes.

Non obstante, poden darse situacións nas que se sospeita que os estudantes están "a inflar" as súas cualificacións (tamén pode acontecer o contrario, aínda que é menos frecuente). Nestes casos, o profesorado pode incrementar o valor desta opción. Por exemplo, se o fixa en 5, significa que a súa cualificación vale cinco veces máis que a dos estudantes. No outro extremo, se o fixa en 0, a cualificación do estudante quedará determinada exclusivamente polas avaliacións realizadas polos seus compañeiros e compañeiras. Esta opción pode modificarse en calquera momento.

  • Sobre atribución: este nivel determina se a asignación das avaliacións dos colegas á clase é ou non equilibrada, é dicir, se todos os traballos "sufrirán" o mesmo número de avaliacións ou se uns poden avaliarse máis veces que outros. O ideal é que todos os traballos fosen avaliados o mesmo número de veces, o cal equivale a fixar este nivel a 0. Esta situación non sempre é posible, especialmente se se producen atrasos nos envíos dos traballos.

Cando axustamos este valor a 1, entón estaremos a permitir que algúns traballos poidan asignarse unha vez máis que outros, é dicir, a asignación non é equilibrada. Do mesmo modo, se o nivel se axusta a 2, entón se permitirá un maior desequilibrio.

  • Autoavaliación: se activamos esta opción, cada estudante deberá avaliar e cualificar o seu propio traballo. Se esta opción está activada e o parámetro Número de valoracións enviadas polos estudantes se encontra 0, o taller convértese nunha tarefa autoavaliada (sempre coa posibilidade de que o docente poida realizar unha avaliación independente).
  • As avaliacións deben ser consensuadas: xa sabemos que a cualificación do traballo dun estudante toma en conta, tanto as avaliacións realizadas polos os seus colegas como a realizada polo profesor ou profesora (e, opcionalmente a súa propia) coa ponderación fixada no parámetro Peso das avaliacións do profesor/a. Pero, pode acontecer que un alumno ou alumna non estea de acordo coa avaliación que outro estudante fixo do seu traballo. Se esta opción está activada, cada alumno ou alumna poderá manifestar o seu acordo ou desacordo coas avaliacións que se están a facer do seu traballo, é dicir, poderanse revisar para poñerse de acordo cos interesados. Ao rematar o prazo da actividade, o sistema recalculará a cualificación excluíndo as avaliacións etiquetadas como "en desacordo".

A activación desta opción pode ser moi interesante naqueles casos onde a práctica de habilidades de discusión e negociación sexa un obxectivo prioritario.

  • Ocultar cualificacións antes de ser aceptadas: por defecto, cando un estudante revisa as avaliacións realizadas ao seu traballo, ve tanto os comentarios realizados polos seus avaliadores coma as cualificacións asignadas. En determinados contextos (por exemplo, cando haxa que chegar a un acordo entre avaliador/a e autor/a do traballo, despois de habilitar a opción Las valoracións deben ser aceptadas) pode ser interesante que o estudante só vexa os comentarios sobre o seu traballo para facilitar a discusión e as negociacións en caso de discrepancia entre ambos os dous. As cualificacións só serán visibles unha vez alcanzado o acordo. Evidentemente este acordo terase construído sobre os comentarios. Se as cualificacións non reflicten axeitadamente estes comentarios o estudante cuxo traballo está a ser avaliado pode apelar ao profesor ou profesora.
  • Táboa de traballos entregados: cando eliximos un valor diferente a 0, Moodle xerará unha "Táboa de cualificacións" na que mostrarán ese número de traballos coas cualificacións máis altas. Por exemplo, se fixamos este parámetro a 8, mostraranse os 8 mellores envíos.
  • Ocultar nomes de estudantes: se activamos esta opción, os estudantes avaliarán anonimamente un traballo (non se mostran nomes nin fotos dos estudantes que efectúan a avaliación), é dicir, o autor ou autora dun traballo non sabe quen o avaliou. O profesorado nunca cualifica anonimamente.
  • Usar contrasinal: con este campo pódese esixir que os estudantes deban escribir un contrasinal para acceder ao taller. O contrasinal pode ter unha lonxitude máxima de 10 carácteres, e pode readaptarse en calquera momento ao longo do taller.
  • Tamaño máximo: tamaño máximo para os arquivos enviados.
  • Datas: os seguintes axustes serven para fixar as datas de comezo e finalización, tanto para os envíos coma para as avaliacións. Tamén se poden manter ocultas as cualificacións do profesorado ata unha determinada data na que se publicarán.
  • Modo de grupo: establece a forma de interacción entre os membros dos grupos de traballo.
  • Visible: permite mostrar ou ocultar a actividade aos estudantes.

Unha vez axustada a configuración, pulsaremos no botón correspondente para gardar os cambios e abrirase unha páxina na que se deberán establecer os elementos que se han de ter en conta para a avaliación dos traballos dos estudantes.