Skip to main content

Blog de infantil

Semana das letras galegas e día nacional da linguaxe de signos.

Posted in
A LINGUA
Chegou unha nena labrega
coa boca cargada de mel
á porta pechada da escola
e non llo quixeron coller.
Dicía:
laranxa,
paxel,
pelouro,
árbore,
tixola,
trepia,
perixel.
Volveu a meniña prá casa
coa boca amarguexa de fel.
¡Coitado o meniño galego,
Se o mestre non fala como el! 
                         
 
Así, con este poema de Helena Villar e Xesús Rábade, comezaba o noso traballo vinculado á semana das letras galegas.
Nesta liña, parecíanos imprescindible mostrarlles o outro lado da nosa lingua, a  súa parte máis triste e, o momento no que, non sempre foi admitida na escola, así como noutros moitos lugares. Afortunadamente, mostráronse un pouco incrédulos e pareceulles incrible que non deixasen entrar a alguén no cole polas súas "palabras de mel".
 
Por todo isto, decidimos representar simbólicamente este poema, escribindo todas as nosas palabras favoritas en galego na nosa porta de entrada ó cole, como un acto que reivíndicase que o galego SI pode traspasar as portas do ámbito educativo.
 
Máis tarde, démoslle unha volta máis, e intentamos chegar a todo o mundo a través da interpretación das nosas verbas en  linguaxe de signos.
 
Un traballo de varios días que deu resultados tan bonitos como este.
 
SODES UNS CRACKS, PEQUENOS XIGANTES!!!!
 

 

 

Clícade na imaxe para poder ver todo o noso traballo.

Agardamos que vos guste!!!

Novamente grazas pola vosa colaboración e paciencia todo este curso!!!

AS ÚLTIMAS PEGADAS DO CAMIÑO...

Posted in

E de súpeto chegou o momento de rematar o proxecto "Neda no Camiño". Despois de percorrer parte da etapa que pasa por Neda, chegamos ao cole e deixamos gravadas os últimos pasos desta andaina.

Quitamos zapatos, calcetíns, e traballando en equipo pintamos os pés de moitas cores.

Pintamos e rimos moitísimo, non imaxinades a cantidade de cóxegas que fan os pinceis nos pés!

 

Camiñamos con moito coidado sobre o papel. E por último... a remollar!

 

Pechamos esta andaina...

pero deixamos gravadas "AS ÚLTIMAS PEGADAS DO CAMIÑO".

 

MERGÚLLETE NO CAMIÑO...

Posted in

Despois de estar todo o curso mergullidos no proxecto de centro "Neda no camiño", decidimos recopilar todas as aprendizaxes, momentos e materiais elaborados, para crear unha pequena exposición na escola.

Os nenos e nenas de infantil quixemos crear un pequeno recuncho máxico, onde as vieiras, un símbolo clave do camiño gañara un especial protagonismo.

Todo comezó coa axuda de Julia, a nosa profe de música, que un día apereceu nas aulas cun bo montón de cunchas de vieiras. Tocámolas, vímolas... e como non tiñan moita cor... collimos pinceis e pintura e solucionamos o problema!!

 

Despois empregamos uns rotus algo "máxicos", a simple vista non se veían moito pero se os achegabamos á luz negra, brillaban como as estrelas!

Pintamos, pintamos, pintamos... e desfrutamos moitísimo desta luz tan máxica!

Unha vez feitas, quedabanos ensiñarllas aos amigos e amigas dos demais cursos, ás familias, ao resto de profes... polo que creamos nun recunchiño da exposición unha instalación artística baixo o nome "O camiño das estrelas", un camiño que se atopa nunha cova no fondo do mar, entre corales e multitude de algas, e onde as nosas vieiras brillan como se foran estrelas nunha noite despexada.

As instrucións para conseguir ver "O camiño das estrelas" son moi sinxelas:

1. Agachade a cabeza.

2. Abride a xanela pola vieira dorada.

3. Ollade e desfrutade!

Agora entendemos o que din a canción que nos acompañou durante este proxecto e que din...

"Imos seguir as frechas que nos levan ata Compostela, 

imos sentir as forzas que nos da o camiño das estrelas"...

 

 

EXPERIMENTAMOS...

Posted in

A semana pasada comezamos a experimentar con cousas relacionadas coa primavera. Como a celebración dos  "Maios" estaba á vista e a clase a tiñamos chea de flores, decimos experimentar con elas!

O experimento consistía en xogar coas cores. Seriamos quen de transformar esos caraveis brancos en caraveis de cores?

Na asemblea comezamos a formular hipóteses... "Os podemos pintar", dicían algúns compas... "podemos botarlles auga con pintura", dicían outras compas...

Presentamos o colorante alimentario, que xa o coñeciamos de facer algunha que outra actividade durante o Samaín.

Preparamos os materiais:

-Auga

-Caraveis

-Colorante alimentario

Cortamos os talos, engadimos auga, botamoslle o colorante... e os fomos colocando nos distintos recipientes.

Colocamos os caraveis na xanela, e tocaba facer a parte máis complicada... AGARDAR O RESULTADO!

Cada pouco mirabamos a ver se xa mudaran a cor! Pero seguían brancos...

Ao día seguinte quedamos coa boca aberta cando descobrimos que os caraveis do frasco azul xa se tiñeran!

Por agora conseguimos caraveis azuis e vermellos! Cruzamos dedos para conseguir tamén os verdes e amarelos!

Xa vos contaremos...

APROVEITAMOS OS RAIOS DO SOL!

Posted in

A chegada da primavera está traendo días espectaculares, no noso calendario non paramos de debuxar e rexistrar días de sol, e polo tanto vémonos obligados a trasladar algunhas actividades ao exterior!

Neste caso saímos a pintar con xiz ao patio dos amigos e amigas de primaria! Dun xeito libre comezaron a pintar todo o que se lles ocorría: casas, círculos, cans, elefantes, caras, ollos, sorrisos...

De súpeto decatámonos que se nos deitabamos no chan como se estivésemos na praia e un compa seguía co xiz a noso corpo ao levantarmos quedaba debuxada a silueta do noso corpo!

A través desta actividade traballamos o esquema corporal, os trazos, os tempos de espera, (non nos podíamos mover que senón a silueta non saía), o traballo en parellas e en pequenos grupos...

Os días de sol encántannos e xogar xuntos aínda máis!

 

 

 

XOGAMOS COAS MATES

Posted in

Que sopresa levamos cando hai un par de semanas decatámonos que no cole había unha máquina que facía un pouco de "maxia". E como a nós todo o que sexa a maxia nos encanta, non nos quedou doutra que experimentar! 

Nesta ocasión decidimos traballar cos números, e fixemos un pequeno obradoiro de "lóxico-matemática" que parece axiña teremos que repetir! Comezamos a experimentar coa fotocopiadora, vimos que duplicaba imaxes, documentos, fotos... pero que pasaría se metésemos as nosas mans? Probamos... e o resultado encantounos!

Puxemos 1 dedo, 2, 3... e 4? sairían?. Probamos con 5,e 6?... contamos, recontamos, probamos, volvimos a probar... ata que a mesa quedou chea de pequenas mans en branco e negro que experimentaban sen cesar! Axudámonos moito para que sairan as cantidades que buscabamos, pero coma sempre, co traballo en equipo todo se consigue moi fácil!

 

Unha vez feitas, xogamos a asociar as cantidades coa grafía correspondente.

Despois decidimos rematar este pequeno obradoiro facendo un rexisto en papel. Buscamos o número, asociamos, contamos e pegamos no lugar correpondente!

Coas nosas mans podemos facer de todo! Ata matemáticas!

 

 

 

 

 

 

 

EU BEN VIN ESTAR O MOUCHO...

Posted in

O 23 de febreiro celebramos o día de Rosalía de Castro na escola. Para achegarnos a este contido decidimos facer unha actividade de motivación na que empregamos a robótica. Este día foi a primeira vez que o ESCORNABOT entrou na nosa aula, e a verdade non deixou a ninguén indiferente!

O reto era o seguinte: unha imaxe de Rosalía estaba oculta no tapiz sobre o que se desprazaba o escornabot. Desenvolvendo as habilidades espacias, de orientación, traballando o conteo, e sobre todo grazas aos ánimos e axuda do traballo en equipo conseguimos mover o escornabot e rescatar cada unha das pezas que formaban o quebracabezas... Unha vez resolto, a imaxe quedou ao descuberto. Pero... quen era esa muller?, xa a viramos algunha vez?, se nos facía coñecida?

Comezaron as conversas, falamos, falamos e falamos... Contrastamos hipóteses, reflexionamos... algúns dicían que podía ser a súa avoa, outros a súa nai... Decatámonos que a imaxe tiña un nome, ROSALÍA DE CASTRO. Así que comezamos a investigar... Ollamos libros, vimos fotografías, limos versos... e coñecimos á grande poetisa galega!

 

Mergullímonos nun dos seus poemas, o poema 16 dos Cantares Galegos, " Eu ben vin estar o moucho" e achegámonos a el a través da canción do grupo Migallas.

Tanto nos gustou que de cando en vez aínda podemos escoitar como algún ou algunha canta dun xeito espontáneo os versos do poema:

"Eu ben vin estar o moucho,

enriba daquel penedo,

non che teño medo moucho,

moucho non che teño medo!"

Como non, tamén fixemos os nosos mouchos que hoxe en día aínda colgan da xanela da aula.

Pero isto non é todo, todos os compas do cole xuntámonos nunha actividade común que consistía en encher a entrada da escola de pensamentos, a flor favorita de Rosalía. Nós decidimos pintalos con acuarelas e o resultado foi...

ESPECTACULAR!!!!

COUSIÑAS DO INVERNO II

Posted in

O inverno non só nos deixou eses momentos de investigación e experimentos... Durante algunhas semanas estivemos traballando dun xeito lúdico coas propostas dos recantos.

No recanto de lectoescritura, transformamos as bandexas de area en "pistas de patinaxe sobre xeo". Co patinador e a patinadora fixemos trazos, grafías, debuxos...

Outra das propostas, neste caso no recanto de lóxica, foi o xogo dos calcetíns co que tiñamos que observar, concentrarnos, buscar a parella do calcetín e tendelos xuntiños na corda a secar. A través deste xogo traballamos habilidades de clasificación, coordinación, motricidade fina e vida práctica.

No recanto sensorial, dimos renda solta á imaxinación e a creatividade, así como o traballo da coordinación óculo manual e a motricidade fina.  A través da caixa do inverno. Fixemos trasvases, traballamos a presión da pinza, imaxinamos un mundo invernal cos "bonequiños de madeira"...

Agora si, decimoslle adeus ao noso primeiro inverno na escola!

COUSIÑAS DO INVERNO...

Posted in

Hai xa uns días que lle dimos a benvida á primavera, e con ela empezamos a ver os cambios da nosa contorna... Observamos que aquelas árbores que perderan as follas no outono e no inverno están comezando a ter algunhas follas e nalgúns casos tamén flores, o campiño da nosa escola empeza a encherse de margaritas, e as mañás de sol permitennos de cando en vez sair a xogar fora, pintar co xiz ou gozar do noso parque!

Pero antes de pechar a tempada de frío, deixamos por aquí algunha lembranza dalgúns intres que nos deixou o inverno. Todo comezou á volta do Nadal cando atopamos que o tobogán do noso parque tiña XEO! Falamos sobre o que acontecera, tocamos o xeo, rascamos cos dedos, o collimos nas mans e vimos como se convertía en auga!  

O inverno chegaba e o frío parecía que tamén... Pero, que pasaba? Todos/as coincidíamos no mesmo, era inverno, no inverno fai frío, hai que poñer a chaqueta e...NEVA!

Agardamos uns días a ver se nevaba na escola pero por moito que o desexamos o máximo que conseguimos foi o xeo das mañás no tobogán... Non podiamos esperar máis así que decidimos facer algún que outro experimento para conseguir a ansiada neve...

O primeiro experimento foi con escuma de afeitar, remangamos os mandilóns e tocamos, manipulamos, xogamos, e engadimoslle cores, AZUL... e misturamos... e se agora lle engadimos verde?... e misturamos, e que pasaría se lle poñemos vermello?... deste xeito vimos como partindo duns cores formabamos outros e outros...

Amasamos, fixemos grafías, debuxos, escribimos letras, nomes...

 

Como é lóxico despois do experimento, chegaba a avaliación e con ela as primeiras críticas: "coa neve de verdade podemos facer bolas, pero con esta non..." Non nos quedaba doutra que seguir experimentando!!!

Nesta ocasión probamos co bicarbonato e auga, seriamos capaces nesta ocasión de facer neve?

Conseguido! Este experimento si que funcionou!!!!

Nos dous experimentos rematamos como se pasásemos toda a mañá na neve, e como non, acabamos cos mandilóns enchoupados!

 

Tamén traballamos a ARTE partindo das cores frías, e nesta ocasión fixemos pinceis con materiais de reciclaxe: rolos de papel hixiénico, unha bola de periódico na punta e... A ESTAMPARRRRR!!!

 

Tanto misturamos e estampamos que nalgún caso o papel quedounos moi pequeno...

 

Pero nada que non solucione... "Un pouco de auga, un pouco de xabón, e frota, frota, di a canción"!!!!!

 

De todo un pouco... II

Posted in

Proposta 7...Máis dados e moito máis ABN.

Unha actividade en equipo, onde o azar debe xogar no bando de todos/as, xa que se un gaña os outros tamén e viceversa. Así, lanzamos os dados, contamos puntos, sumamos e identificamos a grafía correspondente. Cando o 7, 8 e 9 estén baixados, podemos continuar cun só dado.

Proposta 8. Mosaicos xeométricos.

Co modelo na man, identificamos as figuras xeométricas, contamos as que precisamos, identificamos as cores necesarias e intentamos reproducir os modelos. Finalmente, podemos crear as nosas propias artistadas.

Proposta 9. Construimos letras.

Empregando o modelo, ou sen el, contruímos letras coas pezas que temos.

Proposta 10. Pop it e lectoescritura.

Quen dixo que iniciarnos nas habilidades de lectoescritura era aburrido? Achegámonos os materiais da vida máis actual dos nosos pequenos/as e "escribimos" co pop it. Comezamos con cousas sinxelas como os nomes dos nosos compis. Posteriormente, xa empregamos letras de todo tipo.

 

CONTINUARÁ...

Distribuir contido