Skip to main content

EU BEN VIN ESTAR O MOUCHO...

Posted in

O 23 de febreiro celebramos o día de Rosalía de Castro na escola. Para achegarnos a este contido decidimos facer unha actividade de motivación na que empregamos a robótica. Este día foi a primeira vez que o ESCORNABOT entrou na nosa aula, e a verdade non deixou a ninguén indiferente!

O reto era o seguinte: unha imaxe de Rosalía estaba oculta no tapiz sobre o que se desprazaba o escornabot. Desenvolvendo as habilidades espacias, de orientación, traballando o conteo, e sobre todo grazas aos ánimos e axuda do traballo en equipo conseguimos mover o escornabot e rescatar cada unha das pezas que formaban o quebracabezas... Unha vez resolto, a imaxe quedou ao descuberto. Pero... quen era esa muller?, xa a viramos algunha vez?, se nos facía coñecida?

Comezaron as conversas, falamos, falamos e falamos... Contrastamos hipóteses, reflexionamos... algúns dicían que podía ser a súa avoa, outros a súa nai... Decatámonos que a imaxe tiña un nome, ROSALÍA DE CASTRO. Así que comezamos a investigar... Ollamos libros, vimos fotografías, limos versos... e coñecimos á grande poetisa galega!

 

Mergullímonos nun dos seus poemas, o poema 16 dos Cantares Galegos, " Eu ben vin estar o moucho" e achegámonos a el a través da canción do grupo Migallas.

Tanto nos gustou que de cando en vez aínda podemos escoitar como algún ou algunha canta dun xeito espontáneo os versos do poema:

"Eu ben vin estar o moucho,

enriba daquel penedo,

non che teño medo moucho,

moucho non che teño medo!"

Como non, tamén fixemos os nosos mouchos que hoxe en día aínda colgan da xanela da aula.

Pero isto non é todo, todos os compas do cole xuntámonos nunha actividade común que consistía en encher a entrada da escola de pensamentos, a flor favorita de Rosalía. Nós decidimos pintalos con acuarelas e o resultado foi...

ESPECTACULAR!!!!