Skip to Content

Premios "mobilízate pola lingua"

Dous alumnos do centro IES Xoán Montes, Iago Meilán Sánchez e Manuel María Veiga Lombardía, de 2º BACH, participaron no II concurso de vídeos “Mobilízate pola lingua. Polo dereito a vivirmos en galego”, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística da zona Lugo centro, acadando o 2º e o 3º premio, polos vídeos “División” e “Zara, home, Zara” respectivamente.

O obxectivo deste concurso era fomentar entre a mocidade actividades que chamasen a reflexión sobre a dificultade de vivir plenamente exercendo os dereitos lingüísticos como galegos. Pretendíase que os rapaces de toda Galiza gravasen cos seus teléfonos móbiles situacións da súa vida cotiá nas que teñen problemas ou dificultades para poderen expresarse en galego. O certame deste ano celebrouse o 14 de maio na sala de actos da Deputación Provincial, sendo o prazo máximo para presentar os vídeos o 13 de maio. Con esta convocatoria buscábase afondar na relación entre a mocidade e o galego a través das novas tecnoloxías. O xurado estivo formado polo director de cine Jorge Coira, a directora teatral Tareixa Campo e o presidente da Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística, Nel Vidal.

Á sombra da muralla contactou con Iago e Manuel para saber como foi esa experiencia:

ASM: Bo día, rapaces. Por que decidistes participar neste concurso?

I&M: Porque vimos nesta actividade unha oportunidade única para reflectirmos a precaria situación que vive o galego na sociedade, especialmente entre a mocidade. Ademais, os premios eran bastante atractivos (risas).

ASM: Que ideas utilizastes nos vídeos?

I&M: No de vídeo de“Zara, home, Zara” expuxemos en ton humorístico a situación do galego no ámbito laboral privado. E atopamos o máis claro exemplo disto, por estraño que pareza, nunha multinacional galega: Zara. Todos nós nos confundimos cando se instalou en Lugo “Zara Home”, que non facía referencia á nosa palabra “home”, senón á inglesa “home”, fogar. Así, obtivemos unha idea brillante que, a parte de reflectir a pouca presenza do lingua neste sector, narraba unha anécdota que lle aconteceu á meirande parte dos lugueses.

No de “División”, faise unha análise máis seria e profunda da situación política e social do galego nos últimos anos, situación que é empeorada por políticas lingüísticas como as prometidas polo novo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Aínda quedan moitos prexuízos que se derivan de épocas anteriores e que a sociedade non deu eliminado. Ao vermos o escudo franquista do masculino, ocorréusenos facer unha metáfora con este símbolo e a face do presidente que aparecía no xornal.

ASM: Tivestes algún presentimento de poder gañar, xa non dous, senón algún premio?

I&M: Realmente non. Pensabamos que algún podería caer, mais non era un presentimento, era unha posibilidade. Non sabiamos o nivel dos competidores pois non vimos os seus vídeos ata o día no que se celebrou a entrega de premios. Evidentemente, xamais pensamos que poderiamos facernos con 2 premios, foi unha sorpresa moi agradable.

ASM: E cales foron os premios?

I&M: O primeiro premio era unha cámara dixital, o segundo un teléfono móbil e o terceiro un mp4. Nós recibimos estes dous últimos e, como eramos dous, decidimos sortealos. A Manuel tocoulle o móbil e a Iago o mp4.

ASM: Como foi a cerimonia? Respirábase bo ambiente?

I&M: A cerimonia foi gratificante. Vimos os vídeos dos participantes e, ademais, un documental sobre o chamado “modelo Burela” de normalización lingüística. Esta localidade, a pesar de ser un dos puntos do país con máis inmigración, ten unha das maiores porcentaxes de galegofalantes (86% da mocidade). Entre a proxección dos distintos vídeos, intercaláronse as intervencións dos membros do xurado, que tocaron o tema do galego no seus ámbitos artísticos e laborais. Máis tarde desfrutamos dun concerto do Luís “o Caruncho” coa zanfona. Ao remate do acto, realizouse unha cea na Taberna do Forno cos organizadores, xurado e participantes, na que había un excelente ambiente e unha comida exquisita (risas).

ASM: Que vos pareceu a experiencia?

I&M: A verdade é que foi moi enriquecedora. Participar nun concurso deste tipo, e sobre unha cousa tan importante como a lingua, é algo no que se aprende moito. Observando os distintos vídeos e escoitando aos membros do xurado, concienciámonos un pouco máis da grave situación do noso idioma. Ademais, gañando dous premios, a experiencia non pode ser mala (risa).

ASM: Como valorades este tipo de concursos e o seu obxectivo?

I&M: É algo que se debe facer máis, que se debe impulsar, e non só por organizacións como A Mesa, senón tamén as institucións públicas, pois é mester protexermos algo tan importante e identificativo do noso país como é a lingua. Xa que logo, calquera actividade co fin de promocionala e potenciala, sobre todo nos sectores máis novos da sociedade, é algo que non pode ser visto senón con bos ollos. A sociedade non só debe colaborar, ten que implicarse... Vén á nosa mente o que dixo Nel Vidal na entrega de premios: “Nun prato de ovos con touciño, a galiña colabora, pero o porco implícase” (risa)...

ASM: Entón, vós aconselládeslles aos nosos lectores que participen neste tipo de actividades e que pidan unha maior potenciación das mesmas?

I&M: Evidentemente, é o que cómpre.

ASM: Moitas grazas por todo, rapaces. Un pracer e sorte coa avaliación!!

Podedes saber máis sobre o concurso e ver o resto dos vídeos no blog da Mesa da zona de Lugo.



story | by Dr. Radut