Curso 2012-2013

Parabéns a Luis Segura

O noso alumno Luis Segura Santos, de 1º de Bacharelato, proclamuouse subcampión de España de xadrez sub-16, xunto co seu equipo CX.F. Viajes Interrías de Sanxenxo, no transcurso do torneo que se celebrou en Benidorm a principios de decembro. No seu palmarés figuran tres campionatos galegos e infinidade de trofeos gañados en España e Portugal e está integrado no equipo que o Club de Xadrez Fontecaroa de Vilagarcía mantén na División de Honor da liga galega. Nesta ligazón podedes atopar información máis detallada. Máis fotos.

Profesoras do centro en Francia

No pasado mes de novembro as profesoras do centro Macamen Alonso e Ana Santos participaron, ao igual que outros profesores galegos, nunha estancia en centros escolares franceses para perfeccionar o seu coñecemento da lingua francesa -sobre todo no referente ao vocabulario relativo á educación física, á saúde e á nutrición- para aplicar logo na sección bilingüe existente no noso centro. A iniciativa é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e l'académie de Amiens. A experiencia foi salientada tanto pola prensa de aquí como pola de alá. Fotos.

Galicia Polis

Os alumnos Ana Uhía Pérez e Santiago Martínez García, de 1º de Bacharelato estiveron en Braga (Portugal) entre os días 15 e 18 de novembro, participando no proxecto Galicia Polis, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado xunto coa Fundação Bracara Augusta, a Federação Nacional de Associações Juveniles (Portugal) e a Federación de Asociacións Xuvenís de Galicia.

Nunha primeira fase organizouse unha charla ao redor da creación de empresas, "Iniciativa e emprendemento", no noso centro o día 5 de novembro, e nos mesmos días tiveron lugar outras noutros centros galegos. Celebrouse logo un sorteo en Santiago entre todos os participantes no que resultaron elixidos Ana e Santiago, así como alumnos e alumnas dos outros centros para celebraren un seminario final en Braga, no que puxeron en común as conclusións da mocidade lusa e galega, que serviron para a elaboración dun documento final. Esperamos que gozasen desta experiencia. (Máis fotos)

Climántica colabora coa EducaBarrié

Con motivo da reunión do Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático (IPCC) en Vigo, EducaBarrié convidou a Climántica para que os seus alumnos desenvolvesen unha actividade, proxecto no cal resultou seleccionada a nosa alumna Úrsula Martínez Álvarez. Parabéns para ela pola experiencia vivida. Nesta ligazón podedes ver as fotos e máis información sobre outras actividades de Úrsula.

Xa temos o vídeo da entrevista que realizaron Úrsula e mais Álvaro Castro, do IES de Arzúa, ao copresidente do grupo III sobre Mitigación do IPCC, Ramón Pichs Madruga. Pincha aquí.

Xubilación de Francisco Otero Gigirey

 O tempo pasa inexorabelmente e un tras outro vanse xubilando profesores que levaban moitos anos no centro. Na semana pasada tocoulle o turno a Francisco Otero Gigirey, o profesor de Lingua e literatura castelá, que despois dunha dilatada vida docente se despediu de todos nós. Celebrámolo cun xantar e desexámoslle que a nova etapa da súa vida sexa aínda máis longa e feliz. Máis fotos

Viaxe de 2º de Bacharelato

Entre os días 30 de outubro e 3 de novembro, parte do alumnado de 2º Bacharelato realizou unha viaxe a Madrid, Toledo e Salamanca. En Madrid visitaron o Museo do Prado, o Reina Sofía e o Palacio Real; en Toledo o Museo sefardí e o do Greco e en Salamanca os edificios máis representativos: Casa das Conchas, Universidade, Praza Maior... Pero seguro que tamén tiveron tempo para pasearen por cada unha das cidades. (Máis fotos)

Proxecto Abalar

O noso centro foi un dos seleccionados para incorporarse á rede Abalar o curso 2012-13, polo que todo o alumnado de 1º ESO contará cun ordenador miniportátil para traballar na aula e irse introducindo aos poucos nas novas tecnoloxías.

Iniciado xa o curso, estamos á espera de que a Consellería de Educación envíe os miniportátiles e complete a instalación precisa para a súa utilización.

Selectividade

(Kiko da Silva, La Voz de Galicia 05/07/2012)

La Voz de Galicia do pasado día 5 de xullo facíase eco do éxito acadado nas probas de acceso á Universidade polo alumnado do noso centro cunha nova encabezada por este simpático debuxo de Kiko da Silva. Lembremos que os 88 alumnos de estudos diúrnos presentados superaron estas probas, así como 6 dos 7 pertencentes á ensinanza para adultos.
Distribuir contido