Blogues

Visita ó IES de Montecelo

Hai uns días un grupo de alumnos do instituto visitou o IES de Montecelo, co fin de coñecer os títulos de PCPI que alí se ofrecen e as instalacións onde se imparten. Aquí queda unha imaxe desta actividade.

Escolas sen racismo

O luns 29 de abril entre as 10.30 e as 11.15 horas, nunha cerimonia que terá lugar no Salón de Actos do instituto, seralle entregada ó centro unha placa que simboliza a adhesión do noso instituto á rede europea "Escolas sen racismo: Escolas para a Paz e o Desenvolvemento". Este proxecto iniciouse en Bélxica hai xa vinte e cinco anos e hoxe en día están implicados nel centos de centros educativos dese país, de Alemaña, Francia, Holanda, España...
A placa será entregada por representantes da Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e da Asemblea Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO), entidades que desenvolven este proxecto en Galicia. No acto participarán todos os alumnos de 1º e 2º de ESO, que en distintas actividades elaboraron unha serie de materiais relacionados coa educación en valores, feito polo que nos unimos á citada rede. 
Dende o equipo directivo invitamos a participar nesta actividade a todos os membros da nosa comunidade educativa que estean interesados.

Asistencia a un xuízo na Audiencia Provincial

Os alumnos de 4º A e B de ESO tiveron onte a oportunidade de asisitir a un xuízo por tráfico de drogas na Audiencia Provincial. Despois de seguir o desenvolvemento deste e de comprobar in situ todos os pasos que se deben seguir nun proceso xudicial, puideron conversar cos xuíces, co fiscal, coa avogada da defensa e coa secreataria do xulgado. Aquí tedes unha imaxe desta actividade.

Actividades na semana do 22 ó 26 de abril

Durante a semana do 22 ó 26 de abril os alumnos do instituto van participar nas seguintes actividades complementarias:

     .- asistencia a un xuízo na Audiencia Provincial (alumnos de 4º A e 4º B de ESO; martes 23 de abril);

     .- asistencia a dous concertos didácticos no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela (alumnos de Música de

        3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato; mércores 24 e xoves 25 de abril);

     .- visita ás instalacións dos PCPI do IES de Montecelo (alumnos de 1º e 2º de ESO; venres 26 de abril).

 

Actividades da Biblioteca (abril-maio de 2013)

Durante os meses de abril e maio o Equipo de Biblioteca vai organizar unha serie de actividades relacionadas co mundo do libro, da literatura e da música. Inclúense entre elas concursos, exposicións, charlas con autores, actuacións musicais, etc. Na biblioteca poderedes atopar máis información sobre o desenvolvemento e as bases de todas estas actividades. Nós, polo momento, deixámosvos aquí o cartel deste conxunto de eventos que demos en chamar "Entre o libro e as letras": portada e contraportada.

I Certame de deseño de portadas

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o equipo de traballo da biblioteca María Victoria Moreno do noso instituto convocan o "I Certame de deseño de portadas". Aproveitando a exposición montada no centro ó redor da vida e a obra do noso compañeiro Manuel Lourenzo González, profesor e escritor, o obxectivo deste certame é deseñar unha nova portada para un dos libros publicados por Manuel Lourenzo. Facendo clic neste enlace poderedes acceder ás bases deste concurso. Lembrade que o prazo de presentación dos traballos estará aberto entre o 12 de abril e o 6 de maio (ambos os dous días incluídos). Animádevos a participar.


 

Exposición sobre Manuel Lourenzo

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Equipo de Biblioteca do instituto elaboraron e montaron na biblioteca unha exposición sobre a persoa e a obra do noso compañeiro profesor Manuel Lourenzo González. Esta exposición pretende ser un xeito de recoñecer o seu labor como escritor, unha carreira que nos últimos anos foi distinguida con diferentes premios (Xerais 2008, Barco de Vapor 2011 e Blanco Amor 2011). A mostra, que permanecerá montada ata os últimos días do mes de maio, inclúe paneis informativos sobre a súa vida e a súa obra, unha selección dos seus textos publicados e unha pequena colección de "obxectos dunha realidade ficticia". Os organizadores da exposición e o equipo directivo animan a todos os membros da nosa comunidade educativa a visitar a exposición. Aquí quedan algunhas imaxes (1, 2, 3).

Día Internacional do Pobo Xitano

O día 8 de abril está recoñecido como o Día Internacional do Pobo Xitano. Para conmemorar esta data sinalada, montouse no instituto unha exposición sobre a orixe, a historia, a música e outros elementos culturais propios deste pobo. Esta mostra púidose levar a acabo grazas ós paneis cedidos pola Fundación Secretariado Xitano. A exposición estará no centro ata o venres 12 de abril. Aquí vos deixamos algunhas imaxes (1, 2, 3).

Actividades na semana do 8 ó 12 de abril

Durante a semana do 8 ó 12 abril os alumnos do instituto van participar en dúas actividades complementarias, que consistirán en:

      .- visita á factoría de reciclaxe de SOGAMA (alumnos de 4º B, C e D de ESO; xoves 11 de abril);

      .- charla sobre riscos ó navegar por internet impartida por membros da Policía Nacional (alumnos de 1º de ESO; 

         venres 12 de abril).

Visita á Facultade de Bioloxía da UVigo

O pasado venres os alumnos de 1º de Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía visitaron a Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo. Alí tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións e o funcionamento dun centro universitario, así como de tomar contacto co plan de estudos dun grao e de participar nalgunhas clases prácticas nos laboratorios. Aquí vos deixamos algunha imaxe desta visita. 


 

SOLICITUDE DE ADMISIÓN DE ALUMNADO (Curso 2013-2014)

Hoxe, venres 5 de abril, comezou o prazo de solicitude de praza para o curso 2013-2014. Este proceso estará regulado pola Orde do 12 de marzo de 2013 (DOG do 15 de marzo de 2013). Facendo clic neste enlace atoparase un resumo dos aspectos máis salientables do proceso de admisión. En todo caso, lémbrase a todos os interesados que o PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES ESTARÁ ABERTO DO 5 Ó 17 DE ABRIL, ambos os dous días incluídos.

Actividades de formación en linguas estranxeiras (2013)

No DOG do 22 de marzo publicouse a Orde do 18 de marzo de 2013 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2013. Facendo clic neste enlace poderedes consultar os aspectos máis salientables desta convocatoria. De todos os xeitos pódese acceder ó texto íntegro da convocatoria dende esta ligazón: http://www.edu.xunta.es/web/node/8911

O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES REMATA O 22 DE ABRIL.

 

1ª Festa do ensino público

Co fin de reclamar e defender un ensino público de calidade, a FANPA e as asociacións de nais e pais de alumnos de Pontevedra organizaron unha xornada lúdica reivindicativa, á que se lle deu o nome de I FESTA DO ENSINO PÚBLICO. Este encontro terá lugar o vindeiro sábado 23 de febreiro a partir das 16:00 horas no mirador de Monte Porreiro. Os organizadores convidan a todos os sectores da comunidade educativa do ensino público: familias, profesores, alumnos e demais persoas interesadas. Facendo clic neste enlace poderase acceder á convocatoria feita dende a FANPA e ó programa de actividades do evento. Dende o equipo directivo do IES Gonzalo Torrente Ballester aproveitamos a ocasión para animar a todos os membros do noso centro a participar nesta xornada festiva.

Club de debate

O pasado sábado 2 de febreiro un grupo de dez alumnos de 4º B, dirixidos polo profesor Xosé Álvarez, participaron na fase provincial do IV Club de Debate do Concello de Pontevedra. A actividade tivo lugar no Pazo de Cultura. Os nosos alumnos acadaron un meritorio terceiro posto neste evento, no cal debateron en quendas con estudantes doutros institutos e colexios da capital e a comarca, como o IES Ponte Caldelas, o IES Sánchez Cantón, o IES Luís Seoane, o IES A Xunqueira I, o IES de Poio e o colexio Salvador Moreno. Facendo clic no seguinte enlace poderedes acceder a unha reportaxe sobre o debate publicada por Ponte.TV: http://www.ponte.tv/2013/02/a-favor-ou-en-contra.

Aquí vos deixamos unha foto do equipo que nos representou. PARABÉNS A TODOS POLO VOSO ESFORZO.


Función teatral

O pasado 1 de febreiro os alumnos de 3º de ESO asistiron á representación teatral da obra "Azos de esguello" de Euloxio R. Ruibal no Teatro Principal. Aquí queda unha foto do grupo que participou nesta actividade.
 

CONFIRMADA - Charla sobre acoso escolar

Despois de que se conseguise reunir un grupo o suficientemente numeroso, podemos confirmar que o vindeiro mércores 6 de febreiro terá lugar a charla sobre acoso escolar para familias. Será impartida por persoal de Cruz Vermella e desenvolverase entre as 20:30 a as 21:30 horas. Terá lugar na aula 27, sempre e cando non se reciban máis confirmacións de asistencia e sexa preciso cambiala para o Salón de Actos. Dende o equipo directivo queremos animar a todas as familias de alumnos a participar neste interesante actividade.

Xornada de orientación universitaria e laboral

O Departamento de Orientación organizou unha serie de charlas de orientación universitaria e laboral dirixidas ós alumnos de primeiro e segundo curso de Bacharelato e Ciclos Formativos. Estas actividades desenvolveranse entre o venres 9 e o venres 16 de xaneiro. Nas charlas participarán representantes das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, que ofrecerán información sobre aspectos como: a capacidade emprendedora, a aplicación NERTA, as bolsas de estudo, as titulacións coas que contan, as notas de corte, a estruturación dos estudos universitarios, os servizos que ofrecen os distintos campus, etc. Facendo clic neste enlace poderase acceder ó programa completo das charlas.

O equipo directivo quere aproveitar esta ocasión para convidar a todas as familias que teñan interese a asistir e participar nestas xornadas informativas, que se desenvolverán no Salón de Actos do noso centro.

 

Saída ó teatro

Os alumnos de 3º de ESO farán unha saída didáctica o venres 1 de febreiro para asistir á representación teatral da obra "Azos de esguello" de Euloxio R. Ruibal. A función terá lugar no Teatro Principal. A saída desenvolverase entre as 10:30 e as 13:30 horas.

Actividades no mes de xaneiro

Durante os vindeiros días os alumnos de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO van participar nunha serie de actividades complementarias e extraescolares, que se desenvolverán nas instalacións do centro. Estes son os eventos ós que asistirán:


      .- 1º de ESO: curso de iniciación ó triatlón, impartido pola Federación Galega de Triatlón.


      .- 2º de ESO: obradoiro "Sen violencia - Convivencia", impartido por Cruz Vermella.


      .- 3º de ESO: obradoiro sobre sexualidade, impartido por Cruz Vermella.


      .- 4º de ESO: obradoiro sobre infeccións e enfermidades de transmisión sexual, impartido por Cruz Vermella.


      .- 1º a 4º de ESO: obradoiro de radio e televisión, impartido pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios.


Distribuir contido