Skip to Content

Rosalía canta coa ledicia da xuventude

Moitos dos poemas de “Cantares Gallegos” están cheos da frescura, dos costumes e da ledicia de vivir presentes nas letras populares.

 

   San Antonio bendito,
 dádeme un home,
 anque me mate,
 anque me esfole.
 
    Meu santo San Antonio
 daime un homiño,
 anque o tamaño teña
 dun gran de millo.
 
    Daimo, meu santo,
 anque os pés teña coxos,
 mancos os brazos.
 
    Unha muller sin home...
 ¡santo bendito!,
 e corpiño sin alma,
 festa sin trigo,
 
 pau viradoiro,
 que onda queira que vaia
 troncho que troncho.
 
    Mais en tendo un homiño,
 ¡Virxe do Carme!,
 non hai mundo que chegue
 para un folgarse;
 
 que, zambo ou trenco,
 sempre é bo ter un home
 para un remedio.
 
    Eu sei dun que cobiza
 causa miralo,
 lanzaliño de corpo,
 roxo e encarnado;
 
 carniñas de manteiga,
e palabras tan doces
cal mentireiras.

 

 

 

 Por el peno de día,
 de noite peno,
 pensando nos seus ollos
 color de ceo;
 
 mais el, xa doito,
 de amoriños entende,
 de casar pouco.
 
    Facé, meu San Antonio,
 que onda min veña
 para casar conmigo,
 nena solteira;
 
 que levo en dote
 unha culler de ferro,
 catro de boxe,
 
    un hirmanciño novo
 que xa ten dentes,
 unha vaquiña vella
 que non dá leite...
 
 ¡Ai, meu santiño!
 Facé que tal suceda,
 cal volo pido.
 
    San Antonio bendito,
 dádeme un home,
 anque me mate,
 anque me esfole.
 
 Que, zambo ou trenco,
 sempre é bo ter un home
 para un remedio.



book | by Dr. Radut