Skip to Content

Titoras/es

Información a nais/pais separados xudicialmente

Deber dos docentes titores/as

Os docentes titores deberán consultar ao inicio de cada curso o expediente do seu alumnado para coñecer en detalle cada caso concreto e obrar en función da normativa exposta, así como de informar ao profesorado do grupo dos casos relevantes e de como debe procederse neles.

A información ás familias sobre os resultados da avaliación do rendemento dos seus fillos é unha obriga dos centros educativos, que dirixirán a información ao pai e á nai como unidade familiar, sen facer referencia a outro tipo de situacións.

Non obstante, a diversidade de posibles situacións en caso de separación xudicial ou divorcio, fan necesario coñecer a normativa dictada pola Consellería de Educación para os centros de ensino.

Deber das familias de informar

As familias están obrigadas a actualizar e manter a calidade dos datos achegados polo que, cando haxa unha modificación, por exemplo, un cambio de domicilio, unha nova sentenza que afecta a patria potestade ou custodia etc., deberán trasladar esta información á máxima brevidade aos centros educativos.

Posible situacións tras separación xudicial

No ámbito civil distínguense dúas situacións e facultades distintas nas relacións paternofiliais que poden resultar relevantes en relación coa xestión dos datos persoais e da atención a nais/pais do alumnado, e que o persoal do centro, en especial os titores/as, deben coñecer:

  • A patria potestade debe entenderse como o conxunto de facultades e deberes que corresponden aos pais para o cumprimento da súa función de asistencia, educación e coidado dos seus fillos menores non emancipados. Exércese conxuntamente por ambos proxenitores ou por un só co consentimento expreso ou tácito do outro.
  • A garda e custodia configúrase como unha das prerrogativas e deberes da patria potestade, e abarca todas as cuestións e aspectos derivados do quefacer diario.

Para resolver as diferentes situacións que poden presentarse debemos partir das seguintes premisas:

  • Patria potestade exclusiva para un dos proxenitores. Se un dos proxenitores fose privado ou excluído da patria potestade por resolución ou sentenza xudicial, o centro NON proporcionará ningún tipo de información relativa ao alumno/a ao cónxuxe privado da patria potestade, agás que por orde xudicial se indique o contrario. 
  • Patria potestade compartida. Se a patria potestade é compartida, que é o máis habitual, con independencia de que haxa ou non vínculo matrimonial, ou de quen teña a garda e custodia, e salvo que haxa unha resolución ou sentenza xudicial que diga o contrario:
    • ambos os dous proxenitores teñen dereito a recibir a mesma información sobre as circunstancias que concorran no proceso educativo do/a menor, dado que dentro dos deberes inherentes da patria potestade se atopa o da educación dos fillos e fillas menores;
    • isto obriga aos centros, se así o require o proxenitor que non ostenta a garda e custodia, a garantir a duplicidade da información relativa ao proceso educativo salvo que se achegue unha resolución xudicial que estableza a privación da patria potestade a algún dos proxenitores ou algún tipo de medida penal de prohibición de comunicación co/a menor ou coa súa familia.

Proxenitor/a con patria potestade pero sen garda e custodia interesado/a en recibir información duplicada

Se o proxenitor/a que non ostenta a garda e custodia desexa recibir información do centro relativa ao alumno/a, pode solicitalo á dirección por escrito na Secretaría:

  • Se no expediente do alumno/a xa hai copia da resolución xudicial, o interesado/a debe citar na súa solicitude correctamente a resolución con número e data da mesma.
  • Se non figurase copia algunha da resolución no expediente do alumno/a:
    • debe achegar copia fidedigna da resolución xudicial na que se recolla que ostenta a patria potestade e unha declaración responsable de que non se teñen producido variacións respecto a dita resolución.
    • O centro comunicará ao proxenitor/a que ten a garda e custodia a pretensión do solicitante e concederalle un prazo máximo de dez días para que poida formular as alegacións que estime oportunas, indicándoselle que pode ter coñecemento da copia da sentenza aportada polo outro proxenitor/a para contrastar se é a última dictada.
    • Rematado o prazo sen formulalas ou se estas non aconsellan variar o procedemento, o centro deberá facer chegar simultaneamente ao solicitante cantas informacións verbais/documentais se entreguen á persoa que ten a custodia do alumno.
  • Se o dictame da sentenza tivese unha declaración expresa sobre o particular, os centros ateranse ao disposto nela.
  • En caso de conflito entre os proxenitores sobre o acceso á información académica dos seus fillos e fillas, deberá exporse ante o xulgado competente en materia de familia.
  • Este dereito de información respecto aos fillos dos que se ostenta a patria potestade, refírese unicamente aos datos relativos aos menores, pero non a calquera dato do outro proxenitor que figure na documentación do centro, polo que, nos supostos nos que un proxenitor solicita copias dalgún documento que figura no centro no que consten datos persoais do outro proxenitor, deberán eliminarse os datos datos na copia que se entregue, para garantir o pleno respecto á protección de datos de carácter persoal do outro proxenitor. A tal fin:
    • Farase unha fotocopia na que se eliminarán os datos que se refiran ao outro proxenitor, como teléfono, enderezo, lugar de traballo etc. cun corrector que non permita a súa lectura.
    • Reproducirase de novo ese documento e entregarase a copia, co fin de que non se poida eliminar o corrector e ter acceso aos datos do outro proxenitor.

Ante calquera dúbida, deberá consultarse coa dirección.

Normativa:

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut