Máis poemas inspirados en coplas populares II
5 | |
Miña Santiña, miña Santasa, miña cariña de calabasa. Hei de emprestarvos os meus pendentes, hei de emprestarvos o meu collar; hei de emprestarcho, cara bonita, si me deprendes a puntear. -Costureiriña comprimenteira, sacha no campo, malla na eira, lava no río, vai apañar toxinos secos antre o pinar. Así a meniña traballadora os punteados deprende ora. -Miña Santiña, mal me quixere quen me aconsella que tal fixere. Mans de señora, mans fidalgueiras teñen todiñas as costureiras; boca de reina, corpo de dama, cómprelle a seda, foxen da lama. -¡Ai, rapaciña! Ti te-lo teo: ¡Seda as que dormen antre o centeo! ¡Fuxir da lama quen naceu nela! Dios cho perdone, probre Manuela. Lama con honra non mancha nada, nin seda limpa honra emporcada. -Santa, Santasa, non sos comprida, decindo cousas que fan ferida. Falaime solo das muiñeiras, daquelas voltas revirandeiras, daqueles puntos que fan agora, de afora adentro, de adentro afora. -Costureiriña do carballal, colle unha agulla, colle un dedal; cose os buratos dese ten cós, que andar rachada non manda Dios. Cose, meniña, tantos furados i ora non penses nos punteados. -Miña Santasa, miña Santiña, nin teño agulla, nin teño liña, nin dedal teño, que aló na feira rouboumo un majo da faltriqueira, decindo: «As perdas dos descoidados fan o lotiño dos apañados.» |
-¡Costureiriña que a majos trata! Alma de cobre, collar de prata, mocidá rindo, vellez chorando... Anda, meniña, coida do gando. Coida das herbas de teu herbal: terás agulla, terás dedal. -Deixade as herbas, que o que eu quería era ir cal todas á romería. ¡I alí con aire dar cada volta! Os ollos baixos, a perna solta. Pés lixeiriños, corpo direito; ¡pero, Santiña..., non lle dou xeito! Non vos metades pedricadora; bailadoriña facéme agora. Vós dende arriba andá correndo; facede os puntos, i eu adeprendo. Andá que peno polos penares... Mirá que o pido chorando a mares. -¡Ai da meniña! ¡Ai da que chora! ¡Ai, porque quere ser bailadora! Que cando durma no camposanto, os enemigos faránlle espanto, bailando enriba das herbas mudas, ó son da negra gaita de Xudas. I aquel corpiño que noutros días tanto truara nas romerías, ó son dos ventos máis desatados rolará logo cos condenados. Costureiriña, n'hei de ser, n'hei, quen che deprenda tan mala lei. -¡Ai, que Santasa! ¡Ai, que Santona! Ollos de meiga, cara de mona, pór n'hei de pórche os meus pendentes, pór n'hei de pórche o meu collar, xa que non queres, xa que non sabes adeprenderme a puntear. |