Skip to Content

Marzo 2023

As malas mulleres  de  Marilar Aleixandre

     Novela que narra a situación das mulleres presas nos cárceres galegos na segunda metade do s. XIX e tamén o protagonismo de Concepción Arenal ou Juana de Vega a prol da dignificación das reclusas. Na Galera de A Coruña as reclusas viven sometidas á incomprensión, á infamia e ao trato inhumano e mergulladas nuns muros case infranqueables de silencio e esquecemento onde a sororidade, a aprendizaxe dun oficio e a importancia da lectura se converten na forza motriz e na esperanza para moitas delas.

    “(…) Nas salas todo está sucio; é raro ver un xergón que non estea manchado, unha pelica que non alcatree, un chan que non dea noxo. Mesmo a roupa limpa está sucia e iso acontece en todas as salas. Non puiden entrar na cociña, máis é de supoñer como a terán quen sae dela morriñento e cotroso, guinda o pan sobre as camas (moitas sen nada que cubra o xergón), onde ás veces cae sobre esgarros ou sangue; quen leva a galiña na man, mais que man!
    Outra consecuencia do desaseo son os insectos, mal terrible. Chinchas e carrachos que zugan o sangue, piollos causantes de proídos, pulgas que chimpan dunha cama a outra e a sarna, que eu considero a máis temible, escaravellando por baixo da pel. As roupas de vestir das presas, cando van limpas, adoitan contaminarse no roupeiro coas que están infectadas. Así volven unha e outra vez ás internas, sendo unha das causas da propagación deses animais tan repugnantes para as persoas libres, e que tanto mortifican ás míseras condenadas. (pax. 19)
    (...) Á noite, por veces, acorda desterrida oíndo chorar un neno. Abre os ollos, mais non está na casiña senón no xergón. Talvez algunha das mulleres se laiase en soños. Noutro dormitorio hai reclusas que teñen fillos. Nos seus oídos o choro soou á voz dun neno, a do seu irmanciño Xaquín.
    O primeiro fillo que paríu Encarna, de nome Manuel, naceu no medio do mes de xullo de 1846, un ano antes ca ela. El naceu en agosto, fará dezaseis anos nuns meses. Puxéranlle Francisca pola avoa, aínda que nunca lle chamaron outra cousa que Sisca. Até estes días non matinara en que Encarna tiña dezasete anos, pouco máis do que el agora, ao nacer Manuel; contáralle que casaran tres meses antes. Dous anos despóis dela, en xullo,  paríu unha filla, Rosa, que viviu dezasete días. Aínda virían catro meniños máis: Nola, Rafael, que naceu no ano do cólera e morreu ao día seguinte, Xaquín e Marica. Desde os sete anos Sisca tiña conta dos que viviron, sendo a máis vella das rapazas e a nai con pouca saúde e menos solaz. Nola e máis ela ían coa nai ao río lavar a roupa doutra xente e mais a súa. O último meniño nacera morto un ano de fame e a nai perdeu tanto sangue que houbo morrer. Despois, cantas veces diría pobres de nós, viñeron as desgrazas todas. O que non quere lembrar.
    O pai ía cada día ao cuartel da praza das Atochas, onde limpaba; ás veces traía sobras da comida que botaba ás agachadas nos petos do gabán, tiña vergonza de que alguén se decatase. Vergonza de pasar fame, de non ter que darlles aos fillos mesmo non sendo culpa súa; decote sente vergonza o que non ten por que e o que tería por que non a sente; ou así lle parece. Ao chegar á casa baleiraba os petos das mondas de pataca que a nai lavaba, despois de quitarlles os ollos, e cociñábaas con sebo; disque algunha xente facía tortilla con elas, mais na casa nunca houbo ovos, ao non criaren galiñas e custaren moito. Outros días, era a pel do touciño, rara vez anacos de broa porque marchaban con eles se non os comían no rancho; os que chegaban á casa era por colleren balor; a nai limpábaos para aproveitar o que se podía. Algún día de cocido, ósos da cachucha ou da soá medio rillados, que os soldados non aproveitaran ben e eles deixaban limpos. Unha vez trouxera un mandiño de cabezas de xurelo; os militares foráneos non se afacían coas cabezas de peixe; non cre que lles desgustasen, sería por non as saberen comer. Mais tampouco debían servirlles peixe, agás en días especiais. Adoitaban comer verzas fervidas, cando as había e papas de millo en auga. Unha vez a nai conseguira un pouco leite para os pequenos, gardou media cunca, mesturouno con auga e fixo papas de millo, moi ben lles souberan. Cando morreu Rafael, subíralle o leite, doíanlle os peitos, puxo neles a Nola, que tiña tres anos, e mais a ela, tende coidado, non me morder. Retiróuselle logo, pasaba fame de máis. Con todo e ser cativa, a comida do cárcere é máis abundante que a da casa, ás  veces até mellor se non fose que ten un algo de amarguexo, nos pratos ou na súa propia boca, quen sabe.
    Naquel ano en que naceu o último, o que non chegou a ter nome, Xaquín tiña tres. Era bonitiño coma un sanluís, falaba seguido preguntando por todo na súa media lingua. Sisca ía para doce anos, era o seu meniño, levábao con ela a todas partes menos ao río. As lavandeiras contaban dunha que levara a filla e sen ela se decatar caeu á auga e afogou, desde entón a nai colleu medo do río, aínda sendo tranquilo en Monelos, parecía imposible alguén, nin sequera un neno, afogar nel. Unha mañán Xaquín amenceu coas febres. Non sabían de que enfermara, que ían saber. Até un día que, ao facer o meniño de corpo no penico, viu as lombrigas. Brancas, longas como o seu dedo, finiñas, vivas. Todos padeceran das lombrigas cando nenos, mais nunca viran tantas delas. As lombrigas chuchaban o pouco que comía Xaquín, devorábano polos adentros" (pp. 23-25)

Data: 
Mar, 28/02/2023 - 18:11


page | by Dr. Radut