Skip to Content

O pasado por vir

Algo máis de douscentos alumnos pertencentes aos niveis de 4º ESO e 1º BAC  do noso IES  asistiron este mediodía á representación teatral A señora de Forcadela, dramatización da biografía  e peripecias da tudense Josefa García Segret, casada con Hipólito Gallego, mestre de Forcadela (Tomiño), e de moitas outras mulleres represaliadas a partir do fatídico 18 de xullo de 1936.
Josefa foi condenada á pena capital, pena da que se librou grazas ao médico forense don José Abraldes e ao doutor  Dario Álvarez Bláquez (tamén de familia de represaliados) que certificaron o seu presunto embarazo; despois de percorrer distintos establecementos penitenciarios (entre eles a célebre prisión de mulleres de Saturrarán) consegue a liberdade recollendo no seu libro Abajo las dictaduras as vivencias da súa vida como reclusa, un libro que rematado en 1976 non saíu do prelo ata 1982.
Esta actividade é a primeira das que, promovidas e financiadas pola Deputación de Pontevedra dentro do seu proxecto “O pasado por vir”, forma parte de “co M de Muller e Memoria” que terá continuidade este xoves, 10 de marzo, co relatorio de Montse Fajardo “A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión”; tamén en datas posteriores contaremos coa presenza de Ricardo Gurriarán e María Victoria Martíns, rematando este ciclo de actividades xa nos primeiros días de abril coa exposición “Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”

Agradecemos a Deputación de Pontevedra por ternos ofertado todas estas actividades que permiten que coñezamos mellor o noso pasado sen odio, sen rencor pero co recordo vivo.
E agradecemos tamén ao Concello de Tui por permitirnos dispor das instalacións e persoal do teatro municipal para a montaxe teatral de hoxe.

 



page | by Dr. Radut