Skip to Content

Manifesto contra a violencia cara ás mulleres

En novembro de 2015 o alumnado de 4º de ESO da disciplina de Ética do IES Doramas (Moya-Gran Canaria) elaborou este manifesto que hoxe, cinco anos despois, non perdeu actualidade:


MANIFESTO DA COMUNIDADE EDUCATIVA DO IES DORAMAS

CONTRA A VIOLENCIA CARA ÁS MULLERES


    A violencia contra as mulleres é unha das máis degradantes violacións dos Dereitos  Humanos. Non respecta fronteiras, culturas, niveis económicos. Está presente no fogar, no traballo e na rúa. É unha inxustiza manifesta que impide que a sociedade avance no camiño da igualdade e o benestar común.


    A violencia de xénero non pode considerarse un problema exclusivo das mulleres; todas as  comunidades educativas, as institucións e a sociedade en xeral, deben participar na erradicación desta secuela social.  


    Ante esta situación,  cada vez máis homes e mulleres, mozos e mozas, manifestan o seu compromiso e a súa vontade de previr a violencia contra as mulleres en todas as súas manifestacións. É por iso polo que neste día todos os que formamos parte da Comunidade Educativa do IES Doramas COMPROMETÉMONOS a:


1. Establecer relacións de igualdade entre mozos e mozas, promovendo a eliminación dos estereotipos femininos e masculinos.  Non pode darse unha relación baseada no control, no dominio, sen respecto á outra persoa e a súa privacidade.


2. Promover unha educación igualitaria, rexeitando todas as accións, comentarios e chistes que discriminen a imaxe das mulleres.


3. Opoñernos  a  toda clase  de violencia, escoitar aos demais e aprender  a resolver pacificamente os conflitos mediante o diálogo, xa que a violencia nunca pode resolver os problemas que xorden nas relacións.


4. Manifestar sempre o noso rexeitamento a que calquera persoa, sexa do sexo que sexa, reciba un trato que atente contra a súa dignidade, rexeitando tamén calquera situación de discriminación polo mesmo feito.


5. Apoiar ás mulleres na súa loita contra este tipo violencia e solidarizarnos coas mulleres que a padecen.


6. Defender e facer respectar os dereitos das mulleres e os demais dereitos humanos, avisando ou denunciando se vemos algunha agresión.


7. Involucrarnos desde todos os ámbitos da nosa Comunidade Educativa, alumnado, profesorado, persoal de administración e servizos e ANPA, para lograr unha fronte común de “tolerancia cero” contra a violencia de xénero, facendo un labor de concienciación nas aulas e nas familias, eliminando radicalmente a violencia da nosa contorna.


8. Condenar aos que consideran que as persoas son obxectos da súa propiedade; aos que utilizan a forza para someter; aos que xeran medo para calar; aos que fan que a muller crea que non vale nada; e aos que non aceptan un “non” por resposta.


9. Facer ver que os celos e o control non son expresións de amor. Unha relación onde o mozo  asume o control do móbil, da roupa, das saídas ou das relacións da muller non é unha expresión de amor senón o primeiro paso cara a unha futura violencia. SE SOFRES, NON É AMOR.

 



page | by Dr. Radut