Skip to Content

violencia contra a muller

Ler o 25 N

Data: 
Mar, 21/11/2023 - 10:25

Annie Ernaux escribiu a violencia contra a súa nai

De nena a nobel Annie Ernaux foi testemuña da violenta agresión que o seu pai propinou á súa nai na adega da casa de Yvetot. Este suceso aviva na escritora un sentimento de humillación, tema moi presente en varias das súas obras. Do comezo dunha delas (La honte, A vergoña) é o texto que traducimos:

O meu pai tentou matar á  miña nai un domingo de xuño. Foi á primeira hora da tarde. Eu fora como de costume a misa de doce menos cuarto e despois a comprar uns doces á confeitaría do centro comercial da cidade, un conxunto de edificios provisionais construídos despois da guerra. Cando volvín, quitei a roupa de domingo e puxen un vestido de andar pola casa. Despois de que os clientes marchasen e botásemos o peche da tenda, empezamos a xantar. Seguramente tiñamos a radio acesa, pois a esa hora emitían Le tribunal, un programa de humor no que Ives Deniaud interpretaba o papel dun pequeno delincuente ao que un xuíz de voz temblorosa acusaba unha e outra vez de cometer unhas falcatrúas absurdas e condenábao a penas ridículas. A miña nai, que estaba de moi mal humor, non deixou de discutir co meu pai durante toda a comida. Unha vez que tivo recollido a vaixela e pasado a baeta polo mantel de hule, continuou dirixindo reproches ao meu pai, sen deixar, como sempre que estaba contrariada, de dar voltas pola  minúscula cociña, encaixada entre o café, a tenda e a escaleira que conducía ao piso superior. O meu pai permanecía sentado, sen responder, coa cabeza volta cara á xanela. De súpeto empezou a tremer de forma convulsiva e a bufar. Levantouse e vinlle agarrar á miña nai e arrastrala ata o café gritando cunha voz rouca, descoñecida. Corrín ao piso de arriba, tireime enriba da miña cama e metín a cabeza debaixo da almofada. Despois oín á miña nai dar alaridos: “Filla!”. A súa voz proviña da adega, situada xunto ao café. Corrín escaleiras abaixo gritando “Socorro!” con todas as miñas forzas. Na mal iluminada adega puiden ver como o meu pai agarraba cunha man á miña nai, non sei se polos ombreiros ou polo pescozo, e como na outra tiña a machada para cortar leña que arrincara do tallo onde se atopaba normalmente... O único que lembro daquela escena son os saloucos e os berros. Na seguinte escena atopámonos outra vez os tres na cociña: o meu pai está sentado á beira da xanela; a miña nai, de pé xunto ao fogón, e eu, sentada ao pé da escaleira. Choro sen poder conterme. O meu pai aínda non volveu á normalidade, tremía e seguía tendo aquela voz descoñecida. Repetía: “E ti, por que choras? A ti non che fixen nada”. Recordo que dixen: “Ides volverme tola”. A miña nai dicía: “Veña, xa pasou todo”. Despois fómonos os tres a pasear en bicicleta polos campos próximos. Ao volver a casa, os meus pais abriron o café como todos os domingos pola tarde. Nunca máis se volveu falar do asunto.
Aquilo ocorreu o 15 de xuño de 1952, a primeira data concreta da miña infancia. Ata entón, o tempo só fora un trasncorrer de días e de datas escritas no encerado e nos cadernos.

A partir de entón, díxenlles a varios homes: “Cando eu estaba a piques de cumprir doce anos, o meu pai tentou matar á miña nai”. O feito de necesitar dicirllo demostra o unida que me sentía a eles. Con todo, todos quedaron en silencio despois de oílo. E eu dábame conta de que cometera un erro, de que non estaban preparados para escoitalo.

É a primeira vez que describo esta escena. Ata hoxe sempre me pareceu imposible, nin sequera nun diario íntimo. Coma se o feito de contalo fose algo prohibido que iría acompañado inevitablemente dun castigo. Quizá non poder escribir nada despois. (Fai un momento sentín unha especie de alivio ao comprobar que, con todo, seguía escribindo como antes, que non ocorrera nada terrible.) Agora, despois de conseguir describir esta escena, teño a impresión de que se trata dun suceso banal, moito máis frecuente nas familias do que entón me puiden imaxinar. Quizáis a escritura converta en normal calquera suceso, incluso o máis dramático. Pero como para min esta escena sempre foi unha imaxe sen palabras nin frases, á parte das que lles dixen aos meus amantes sobre ela, as palabras que empreguei para describila parécenme estrañas, case incongruentes. Converteuse nunha escena para os demais.

Antes de empezar a escribir pensaba que ía ser capaz de lembrar todos os detalles. Pero, de feito, só lembro a atmosfera, a postura de cada un de nós na cociña e algunhas palabras. Non recordo por que comezou a pelexa, nin tampouco se a miña nai levaba aínda o blusón branco que poñía para estar na tenda ou xa o quitara pensando no paseo que iamos dar. Tampouco lembro o que xantaramos. Non teño ningún recordo concreto daquela mañá de domingo que non estea inscrito dentro do marco dos nosos costumes: a misa, a confeitaría. Pero do que si estou segura é de que eu levaba un vestido azul de lunares brancos, pois, durante os dous veráns seguintes, cada vez que mo poñía pensaba: “É o vestido daquel día”. Tamén estou segura do tempo que facía: unha mestura de sol, nubes e vento.

A partir de entón, aquel domingo interpúxose como un filtro entre a vida e eu. Xogaba, lía, actuaba como de costume, pero non estaba completamente presente. Todo se volveu artificial. Memorizaba mal as leccións que antes aprendía con só lelas unha vez. Unha excesiva conciencia de min mesma, que non me deixaba concentrarme en nada, substituíu á miña indolencia de alumna segura da súa facilidade para o estudo.

Non podía xulgar aquela escena. O meu pai, que me adoraba, quixera suprimir á miña nai, que tamén me adoraba. Como a miña nai era máis cristiá que o meu pai, ela ocupábase dos cartos e falaba coas profesoras, a min debía parecerme do máis natural que lle rifase ao meu pai da mesma maneira que me rifaba a min. Non existía culpa nin culpable, pero debía impedir que o meu pai matase á miña nai e fóra por iso ao cárcere.

Creo que durante meses, talvez anos, esperei a que a escena se repetise, segura de que antes ou despois se reproduciría. A presenza dos clientes tranquilizábame. Temía os momentos nos que quedabamos sós, é dicir, as noites e os domingos pola tarde. Estaba alerta á menor discusión entre eles, vixiaba ao meu pai, o seu rostro, as súas mans. Sempre que se producía un silencio repentino, presentía a chegada da desgraza. Cando estaba no colexio, preguntábame se, ao chegar a casa, non me atoparía co drama xa consumado.

[...]

Nunca se repetiu. O meu pai morreu quince anos despois, tamén un domingo de xuño.

Só agora doume conta do seguinte: quizáis os meus pais falasen entre si da escena daquel domingo, do comportamento do meu pai, e atopasen unha explicación ou unha escusa e decidisen esquecelo todo, por exemplo, unha noite despois de facer o amor. Pero este pensamento, como todos os que non se nos ocorren no momento axeitado, chega demasiado tarde. Xa non pode servirme de nada, agás para expresar coa súa ausencia o indescritible terror que sentín aquel domingo.

ERNAUX, Annie, La honte, Gallimard-Folio, 1999, 144 pp.

Escribir o maltrato ás mulleres

Un resumo do noso 25 N

As nosas cidades-violeta

Xa están chegando os primeiros murais coas cidades-violeta elaborados polas titorías.

Despois de traballar e falarmos de distintos micromachismos e actitudes machistas e violentas contra as mulleres (a partir de fontes bibliográficas: zona 396 da biblioteca e recursos virtuais) comezamos a construír os murais de lugares que, sendo na aparencia feministas e igualitarios, agochan micro e macromachismos, violencias e maltrato.

Con tinta invisíbel fomos escribindo moitos deses comportamentos e actitudes -de palabra, obra e omisión- que podemos ler con luz ultravioleta. Tamén pegamos códigos QR que nos levan a enlaces e materiais diversos sobre o tema.

Grazas a todos os membros da comunidade educativa implicados nesta actividade!

Ogallá que, con este traballo e reflexión, todos tomemos maior conciencia deste grave problema da nosa sociedade e actuemos en consecuencia!

 

Para falarmos e traballar sobre a violencia cara ás mulleres

    •  Programa “Comando Actualidad”: Rompiendo el silencio
https://www.rtve.es/play/videos/comando-actualidad/romper-silencio/6217318/


    • Informe sobre víctimas de violencia de xénero menores de 21 anos:

C:\Users\jgallefe\AppData\Local\Temp\mso1EAB.tmp (xunta.gal)


    • Galicia pasa a recoñecer como violencia machista o  ciberbullying,  sextorsión, grooming', usurpación de identidade, chaves ou contrasinais;  sexting, ou  pornovinganza, actividades que están a aumentar entre a mocidade
https://www.nosdiario.gal/articulo/social/unanimidade-parlamento-galego-gravacions-como-da-maruxaina-pasan-ser-onsideradas-violencia-machista/20211123140734132893.html


    • Novas sobre violencia contra as mulleres en Galicia

https://www.elespanol.com/quincemil/temas/violencia-de-genero

https://www.epdata.es/datos/datos-graficos-violencia-genero/49/galicia/301


    • Estatísticas España
https://violenciagenero.igualdad.gob.es/violenciaEnCifras/victimasMortales/fichaMujeres/pdf/VMortales_2021_11_08_1.pdf

Manifesto contra a violencia cara ás mulleres

En novembro de 2015 o alumnado de 4º de ESO da disciplina de Ética do IES Doramas (Moya-Gran Canaria) elaborou este manifesto que hoxe, cinco anos despois, non perdeu actualidade:


MANIFESTO DA COMUNIDADE EDUCATIVA DO IES DORAMAS

CONTRA A VIOLENCIA CARA ÁS MULLERES


    A violencia contra as mulleres é unha das máis degradantes violacións dos Dereitos  Humanos. Non respecta fronteiras, culturas, niveis económicos. Está presente no fogar, no traballo e na rúa. É unha inxustiza manifesta que impide que a sociedade avance no camiño da igualdade e o benestar común.


    A violencia de xénero non pode considerarse un problema exclusivo das mulleres; todas as  comunidades educativas, as institucións e a sociedade en xeral, deben participar na erradicación desta secuela social.  


    Ante esta situación,  cada vez máis homes e mulleres, mozos e mozas, manifestan o seu compromiso e a súa vontade de previr a violencia contra as mulleres en todas as súas manifestacións. É por iso polo que neste día todos os que formamos parte da Comunidade Educativa do IES Doramas COMPROMETÉMONOS a:


1. Establecer relacións de igualdade entre mozos e mozas, promovendo a eliminación dos estereotipos femininos e masculinos.  Non pode darse unha relación baseada no control, no dominio, sen respecto á outra persoa e a súa privacidade.


2. Promover unha educación igualitaria, rexeitando todas as accións, comentarios e chistes que discriminen a imaxe das mulleres.


3. Opoñernos  a  toda clase  de violencia, escoitar aos demais e aprender  a resolver pacificamente os conflitos mediante o diálogo, xa que a violencia nunca pode resolver os problemas que xorden nas relacións.


4. Manifestar sempre o noso rexeitamento a que calquera persoa, sexa do sexo que sexa, reciba un trato que atente contra a súa dignidade, rexeitando tamén calquera situación de discriminación polo mesmo feito.


5. Apoiar ás mulleres na súa loita contra este tipo violencia e solidarizarnos coas mulleres que a padecen.


6. Defender e facer respectar os dereitos das mulleres e os demais dereitos humanos, avisando ou denunciando se vemos algunha agresión.


7. Involucrarnos desde todos os ámbitos da nosa Comunidade Educativa, alumnado, profesorado, persoal de administración e servizos e ANPA, para lograr unha fronte común de “tolerancia cero” contra a violencia de xénero, facendo un labor de concienciación nas aulas e nas familias, eliminando radicalmente a violencia da nosa contorna.


8. Condenar aos que consideran que as persoas son obxectos da súa propiedade; aos que utilizan a forza para someter; aos que xeran medo para calar; aos que fan que a muller crea que non vale nada; e aos que non aceptan un “non” por resposta.


9. Facer ver que os celos e o control non son expresións de amor. Unha relación onde o mozo  asume o control do móbil, da roupa, das saídas ou das relacións da muller non é unha expresión de amor senón o primeiro paso cara a unha futura violencia. SE SOFRES, NON É AMOR.

 

Lemos o 25 N!

Distribuir contido


by Dr. Radut