Skip to Content

Festexa a túa libraría!

O venres 13 de novembro celebramos unha nova edición do Día das Librarías.

Libraría comeza có L de Liberdade porque como di  o poeta Joan Margarit: A liberdade é unha libraría.

As librarías son un espazo de liberdade, unha xanela de acceso ao coñecemento.

As librarías son lugares onde a literatura faise material e visible, son espazos dedicados á beleza.

As librarías seducen, mostran e achegan o libro a todos.

As librarías son espazos cada vez máis polivalentes, en constante evolución: tenda, cafetería, centro cultural…

As librarías son sitios propicios para a pluralidade, onde teñen cabida todas as ideoloxías e sensibilidades, son unha escola de valores. 

Poderiamos medir a saúde das nosas cidades vendo como coidamos as súas librarías.

E para que teñamos librarías, non pode faltar a figura do libreiro: eles son os insubstituíbles embaixadores dos libros. Deles dixo María Victoria Moreno:

...Vós non vendedes becerros,
mel, nin queixos, nin ovellas
porque sodes traficantes
dunha droga que sustenta
os espíritos inquietos
e que ennobrece as ideas.
Vós non roubades ás vacas
os becerriños de teta,
vós non cheirades a bosta
nin depredades colmeas...
Vós sodes intermediarios
de mercancías sen fronteiras
que achegan o Norte ó Sur,
eruditos a poetas,
místicos a aventureiros,
xente nova a xente vella...
Á fin sodes un anel
desa incesante cadea
que desde que o mundo é mundo
mantén unha luz acesa
para que o libro da vida
sexa alfaia en letra impresa.
Alfaia de poucos euros
mais dunha valía inmensa
porque é guía nos vieiros
interiores das conciencias.
 
María Victoria Moreno, do "Pregón lido na Feira do Libro de Pontevedra de 2003" in Elexías de luz, Xerais, Vigo, 2017 (2ª edic.), pp. 87-88
 
Feliz día das Librarías!

 



page | by Dr. Radut