Skip to Content

A peste Antonina

A PANDEMIA EN TEMPO DOS ANTONINOS

A gran epidemia dos Antoninos (en referencia á dinastía homónima da que formaba parte o emperador Marco Aurelio,  unha das vítimas mortais da peste) tamén chamada de Galeno (médico cuxa intervención foi solicitada polo propio emperador) veu  desde Oriente a Occidente e  pode ser considerada una pandemia por ter afectado a moitas zonas do imperio romano.

Comprobemos o que din as fontes antigas sobre as orixes, extensión, sintomatoloxía e consecuencias desta praga.

Amiano Marcelino (s. IV p. C.) escribe que a peste enche de enfermidade e morte a todo o territorio situado entre a terra dos persas, o  Rhin e as  Galias. (Hist., XXXI. 6, 24)

Para a  Historia Augusta  o retorno de  Vero e o exército oriental tivo a fatalidade, segundo parece, de levar consigo a peste a todas as provincias por onde pasou ata que chegou a Roma (...) E din que a epidemia xurdiu en  Babilonia cando se escapou un bafo pestilente dunha arqueta de ouro do templo de Apolo, na que un soldado abrira por casualidade unha físgoa, e que desde alí enche de enfermidade e morte o reino dos partos e o orbe”(SHA., Vita Verus, VIII.1)

Un fragmento do historiador Crepereius Calpurnianus, sinala a orixe da peste en Exipto.

Para Luciano de  Samosata (Quomodo Hist. conscr. 15) en realidade a peste nace en Etiopía e, a través de Exipto, chega a Asia e  Seleucia, e logo o exército romano expandiríaa por todo o imperio.

Galeno como testemuña directa describiu os síntomas presentados polos enfermos desta maneira: ardor  inflamatorio nos ollos;  arroibamento sui generis da cavidade bucal e da lingua; aversión aos alimentos; sede  inextinguible; temperatura exterior normal, contrastando coa sensación de  febre interior; pel arroibada e húmida; tose violenta e rouca; signos de  flegmasia  laringobronquica;  fetidez  do alento;  erupcións e  fístulas, diarrea, esgotamento físico;  gangrenas parciais e separación espontánea de órganos;  perturbacións das  facultades intelectuais; delirio tranquilo ou furioso e morte  entre o sétimo e noveno día. (Methodus Medendi, XII)

 

Eugène Delacroix, Últimas palabras do emperador Marco Aurelio, óleo (1844, Museo de Belas Artes de Lyon

A imaxe máis terrible da peste ofrécea a vida de Marco Aurelio dentro da Historia  Augusta, onde se di que presentouse unha peste tan atroz que se tiñan que sacar os cadáveres da cidade en vehículos e carretas. Foi entón cando os  Antoninos sancionaron unhas leis  moi rigorosas sobre enterramentos e sepulcros, prohibindo mesmo que os particulares construísen tumbas nas súas vilas, disposición que aínda hoxe se cumpre. A peste consumiu a moitos milleiros e a moitos próceres, aos máis ilustres dos cales Antonio fixo erixir estatuas. E tan grande foi a súa bondade que celebrou funerais para as clases baixas correndo os gastos a cargo do Tesouro. (SHA, Vita  Marcus  Aurelius,  XIII, 3-6).

As últimas palabras do emperador antes de morrer resumen a virulencia da praga:

Por que me chorades e non pensades máis na peste e na morte ante a que todos caeremos? (SHA, Vita  Marcus  Aurelius,  XXVIII, 4)

Estímase que esta pandemia (que rebrotou durante dúas décadas, 165-180 p. C) causou a morte de entre tres e medio e cinco millóns de persoas en todo o imperio Romano sen facer distinción de clases sociais. Afectou tamén á economía (paralizada total ou parcialmente, incremento do prezo dos escravos) e ao exército provocando o recrutamento de escravos, gladiadores, mercenarios e incluso delincuentes:
 
... instruíu para a milicia aos escravos, como se fixo en tempo da guerra  púnica, aos que se chamou voluntarios como aos  volóns [escravos rescatados a cargo do erario público e alistados no exército]. Tamén armou aos gladiadores a quen chamou os compracentes, e fixo soldados dos bandoleiros de  Dalmacia e os  Dardanelos. (SHA,Vita Marcus Aurelius, XXI, 8)

FONTES
https://www.hs-augsburg.de/~harsch/Chronologia/Lspost04/Ammianus/amm_re31.html

https://www.hs-augsburg.de/~harsch/Chronologia/Lspost05/HistoriaAugusta/hia_vi05.html

http://www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Perseus%3Atext%3A2008.01.0511%3Achapter%3D15%3Asection%3D22

http://cmg.bbaw.de/epubl/online/cmg_05_04_02.php?p=67

http://www.hs-augsburg.de/~harsch/Chronologia/Lspost05/HistoriaAugusta/hia_vi04.html

http://asclepio.revistas.csic.es/index.php/asclepio/article/viewFile/215/211&a=bi&pagenumber=1&w=100

http://revistas.uned.es/index.php/ETFII/article/viewFile/13738/12424

https://scielo.conicyt.cl/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S0716-10182016000200011

https://www.despertaferro-ediciones.com/2017/brote-zombi-imperio-romano/



page | by Dr. Radut