A peste Antonina
A PANDEMIA EN TEMPO DOS ANTONINOS
A gran epidemia dos Antoninos (en referencia á dinastía homónima da que formaba parte o emperador Marco Aurelio, unha das vítimas mortais da peste) tamén chamada de Galeno (médico cuxa intervención foi solicitada polo propio emperador) veu desde Oriente a Occidente e pode ser considerada una pandemia por ter afectado a moitas zonas do imperio romano.
Comprobemos o que din as fontes antigas sobre as orixes, extensión, sintomatoloxía e consecuencias desta praga.
Amiano Marcelino (s. IV p. C.) escribe que a peste enche de enfermidade e morte a todo o territorio situado entre a terra dos persas, o Rhin e as Galias. (Hist., XXXI. 6, 24)
Para a Historia Augusta o retorno de Vero e o exército oriental tivo a fatalidade, segundo parece, de levar consigo a peste a todas as provincias por onde pasou ata que chegou a Roma (...) E din que a epidemia xurdiu en Babilonia cando se escapou un bafo pestilente dunha arqueta de ouro do templo de Apolo, na que un soldado abrira por casualidade unha físgoa, e que desde alí enche de enfermidade e morte o reino dos partos e o orbe”(SHA., Vita Verus, VIII.1)
Un fragmento do historiador Crepereius Calpurnianus, sinala a orixe da peste en Exipto.
Para Luciano de Samosata (Quomodo Hist. conscr. 15) en realidade a peste nace en Etiopía e, a través de Exipto, chega a Asia e Seleucia, e logo o exército romano expandiríaa por todo o imperio.
Galeno como testemuña directa describiu os síntomas presentados polos enfermos desta maneira: ardor inflamatorio nos ollos; arroibamento sui generis da cavidade bucal e da lingua; aversión aos alimentos; sede inextinguible; temperatura exterior normal, contrastando coa sensación de febre interior; pel arroibada e húmida; tose violenta e rouca; signos de flegmasia laringobronquica; fetidez do alento; erupcións e fístulas, diarrea, esgotamento físico; gangrenas parciais e separación espontánea de órganos; perturbacións das facultades intelectuais; delirio tranquilo ou furioso e morte entre o sétimo e noveno día. (Methodus Medendi, XII)
Eugène Delacroix, Últimas palabras do emperador Marco Aurelio, óleo (1844, Museo de Belas Artes de Lyon
A imaxe máis terrible da peste ofrécea a vida de Marco Aurelio dentro da Historia Augusta, onde se di que presentouse unha peste tan atroz que se tiñan que sacar os cadáveres da cidade en vehículos e carretas. Foi entón cando os Antoninos sancionaron unhas leis moi rigorosas sobre enterramentos e sepulcros, prohibindo mesmo que os particulares construísen tumbas nas súas vilas, disposición que aínda hoxe se cumpre. A peste consumiu a moitos milleiros e a moitos próceres, aos máis ilustres dos cales Antonio fixo erixir estatuas. E tan grande foi a súa bondade que celebrou funerais para as clases baixas correndo os gastos a cargo do Tesouro. (SHA, Vita Marcus Aurelius, XIII, 3-6).
As últimas palabras do emperador antes de morrer resumen a virulencia da praga:
Por que me chorades e non pensades máis na peste e na morte ante a que todos caeremos? (SHA, Vita Marcus Aurelius, XXVIII, 4)
Estímase que esta pandemia (que rebrotou durante dúas décadas, 165-180 p. C) causou a morte de entre tres e medio e cinco millóns de persoas en todo o imperio Romano sen facer distinción de clases sociais. Afectou tamén á economía (paralizada total ou parcialmente, incremento do prezo dos escravos) e ao exército provocando o recrutamento de escravos, gladiadores, mercenarios e incluso delincuentes:
... instruíu para a milicia aos escravos, como se fixo en tempo da guerra púnica, aos que se chamou voluntarios como aos volóns [escravos rescatados a cargo do erario público e alistados no exército]. Tamén armou aos gladiadores a quen chamou os compracentes, e fixo soldados dos bandoleiros de Dalmacia e os Dardanelos. (SHA,Vita Marcus Aurelius, XXI, 8)
FONTES
https://www.hs-augsburg.de/~harsch/Chronologia/Lspost04/Ammianus/amm_re31.html
https://www.hs-augsburg.de/~harsch/Chronologia/Lspost05/HistoriaAugusta/hia_vi05.html
http://www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Perseus%3Atext%3A2008.01.0511%3Achapter%3D15%3Asection%3D22
http://cmg.bbaw.de/epubl/online/cmg_05_04_02.php?p=67
http://www.hs-augsburg.de/~harsch/Chronologia/Lspost05/HistoriaAugusta/hia_vi04.html
http://asclepio.revistas.csic.es/index.php/asclepio/article/viewFile/215/211&a=bi&pagenumber=1&w=100
http://revistas.uned.es/index.php/ETFII/article/viewFile/13738/12424
https://scielo.conicyt.cl/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S0716-10182016000200011
https://www.despertaferro-ediciones.com/2017/brote-zombi-imperio-romano/