Skip to Content

A loita agrarista contra os foros

Con esta iniciamos unha serie de entradas sobre movementos que contribuiron ao avance e mellora da humanidade, movementos non violentos que, ás veces, foron represaliados con violencia e morte.

Mártires de Sobredo (artigo de Manuel Bragado)

Cumpríronse noventa anos dos acontecementos de Sobredo, na parroquia de Guillarei, cando tres persoas foron asasinadas o 28 de novembro de 1922 pola Garda Civil cando defendían a dignidade dos labradores aos que se lles esixía un lucro da terra que eles traballaban. Cándida Rodríguez, veciña da parroquia de Pazos de Reis, Joaquín Estévez Besada, veciño de Soutelo do concello de Salceda de Caselas e Venancio González Romero, dirixente agrario de San Esteban de Budiño foron as tres persoas falecidas, xunto a outras sete que resultaron feridas de bala, cando a Garda Civil disolveu a balazos unha concentración de máis de dúas mil persoas que acudiran, convocadas a golpe de badaladas e de foguetes, dende diversas parroquias de toda a bisbarra, dende o Baixo Miño, a Louriña até o Paradanta en solidariedade cun veciño de Sobredo, a quen coa presenza do xuíz e a Garda Civil lle pretendían embargar os bens por negarse a pagar o foro ao rendista tudense José Sarmiento.

Unha negativa a pagar acordada no Congreso Rexional Agrario de Tui, celebrado do 28 ao 30 de xuño do mesmo ano, no que se acordou tamén fundar a Confederación Rexional de Agricultores Galegos baixo a presidencia de Basilio Álvarez. Un boicot, asumido por 133 sociedades agrarias parroquiais, co que se pretendía rematar cuns contratos forais, propios dun réxime escravista medieval, que obrigaban aos labregos a pagar unha renda anual, case sempre á altura do san Martiño, ben en especie (millo, viño ou animais) ou en cartos, aos donos da terra que traballaban. Unha reivindicación que provocaría o 6 de novembro a detención dos membros da directiva da Sociedade Agraria de Ribadelouro, o comezo dunha posterior folga na bisbarra e a clausura de locais das sociedades.

monumentoDende entón, os acontecementos de Sobredo de 1922 quedaron fixados como símbolo da sociedade labrega martirizada, uníndose a xeira oprobiosa doutros semellantes que se produciron nesta loita agrarista noutras localidades do país, como Oseira (1909), Nebra (1916) e Sofán (1919).

A actitude rebelde, a solidariedade, a fraternidade, o esforzo colectivo amosado na longa loita antiforal ao longo de máis de dúas décadas conseguiron abrir unha saída política para o conflito que chegaría no mes de xuño de 1926 co decreto de redención foral do goberno de Primo de Rivera, que permitía cos labregos fosen donos das súas terras, mediante o pagamento dunha indemnización. Un sistema que custou ferro e fariña pagar a tantos dos nosos campesiños, que procuraron nos vieiros da emigración americana os cartiños para redimir os foros das terras de seu.

bretemas@gmail.com

 

 

 



page | by Dr. Radut