Tres alumnas do IES Río Cabe brillan na Olimpíada de Economía

Tres alumnas do IES Río Cabe asistiron o pasado venres a Olimpíada Galega de Economía, que na súa VIII edición tivo lugar na Facultade de Economía e Empresa da Universidade de A Coruña.
 
O vencedor da Olimpíada foi Álvaro del Torre Carreira, alumno do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, quedando en segunda e terceira posición dúas alumnas do IES Rosalía de Castro. Pese a non acadar as primeiras posicións, o papel das 3 alumnas do IES Río Cabe foi moi brillante, posto que lograron rematar nos postos 7º, 17º e 21º entre os 55 estudantes inscritos nesta proba.
 
Concretamente, Julia María Pérez López logrou a 7ª praza, Aroa Mora Núñez acadou a 17ª praza e Cristina Álvarez Vázquez rematou na 21ª posición. Todas elas por riba da media dos participantes neste exame da Olimpíada Galega de Economía.


 
O obxectivo da Olimpíada é incentivar e estimular o estudo da Economía entre o alumnado interesado nesta materia, premiar o esforzo e a excelencia académica, así como divulgar os estudos de Economía.
 
Este é un proxecto innovador que naceu coa incorporación das materias de Economía e Economía da Empresa ao bacharelato, seguindo o espíritu das olimpíadas científicas tradicionais, pero a diferenza delas, son as facultades con estudos en Economía e Empresa das 3 universidades públicas galegas as que toman a iniciativa e organizan os exames das diferentes edicións da Olimpíada de Economía en Galicia.