2º Bacharelato. XIX Olimpíada de Bioloxía. Vigo

23.02.2024

 

O venres 23 de febreiro, celebrouse a  fase presencial da  XIX Olimpíada de Bioloxía (Fase Autonómica Galega), actividade convocada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) e a Asociación Olimpíada de Bioloxía (OEB), en colaboración coas tres universidades galegas e a Xunta de Galicia, na que participou Ariadna Valdés Fernández, alumna de 2º Bacharelato do noso centro, o IES Río Cabe, acompañada da súa profesora de Bioloxía e Xeoloxía, María Padrón.

O pasado 3 de febreiro tivera lugar a fase previa, na modalidade en liña, cun récord de participación de 402 alumnos de 42 centros de toda Galicia, dos que sairon elexidos os 80 mellores estudantes que participaron na fase presencial.

A realización das probas tivo lugar na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo.

As actividades propias do certame desenvolvéronse entre as 10:25 e as 15:00 horas, e consistiron: nunha primeira proba teórica, e despois dun pequeno receso, unha segunda proba práctica (prácticas de laboratorio de bioloxía celular, zooloxía, fisioloxía animal e xenética).

Despois de comer e xa máis relaxados, gozamos dunha conferencia, “Anisakis: mitos e realidades sobre un parasito mediático”, a cargo do profesor Raúl Iglesias Blanco, investigador en Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo). maneira

A xornada rematou da mellor maneira  posible, xa que Ariadna acadou o primeiro posto da fase galega e representará á nosa comunidade na fase nacional, que terá lugar en Valencia entre o 18 e o 21 de abril de 2024, xunto con outros dous rapaces que acadaron o segundo e terceiro posto do IES Eusebio da Guarda da Coruña aos que lles transmitimos os nosos parabéns.

 Agradecemos as cartas enviadas polo Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, don Román Rodríguez e pola alcaldía de Monforte de Lemos asinada polo alcalde don José Tomé á nosa alumna para darlle as felicitacións polo premio.

Moitos parabéns a Ariadna e a súa profesora María Padrón!

 

Le a nova no xornal La Voz de Galicia picando AQUÍ

 

Álbum: Escolares -> 2024_02_24_2ª AVA_2º BACH_XIX Olimpíada de Bioloxía_Vigo