Curso de Capacitación Dixital. Graduación

16.11.2023

 

O xoves 16 de novembro foi un día de celebración no IES Río Cabe. O noso alumnado do curso de Capacitación Dixital festexou a súa graduación. Tivemos a honra de contar neste evento coa xefa territorial, Sagrario Sánchez, coa inspectora de educación María Bóveda e coa deputada autonónima Katy Varela.

En primeiro lugar, o director do noso instituto, Carlos Parada, agradeceu a alta participación que tivo este curso de capacitación dixital ao tempo que felicitou ao alumnado por conseguir os obxectivos propostos. De seguido, o profesor José Manuel Gil, en nome de todos os docentes que impartiron docencia durante estas semanas, quixo ter unhas palabras de agradecemento ao alumnado que xa forma parte da familia riocabense. A continuación, Gonzalo, Rodolfo, Natalia e César, alumnos do dito curso, tamén manifestaron o seu contento. Seguidamente, Sagrario Sánchez e Katy Varela ofreceron unhas verbas felicitando ao alumnado e ao profesorado por levar adiante esta actividade.

Xa no ecuador do acto a nosa vicedirectora, Ana Otero, foi chamando ao alumnado para que as autoridades presentes entregasen os diplomas a cada un dos participantes.

Antes de chegar ao final, o alumnado da quenda de diúrno de 1º de Bacharelato, Demetrio Álvarez e Sabela López, recitaron cadanseus poemas, concretamente “Galicia” de Manuel María recollido na obra Os soños na gaiola e “Iceberg” de Yolanda Castaño da súa obra Materia (Premio Nacional de Poesía 2023).

Xa para rematar, Xurxo Rodríguez e Nerea Iglesias, docentes do IES Río Cabe, e Ariadna Valdés, alumna de 2º de Bacharelato, puxeron a nota musical a un acto cheo de emoción.

Posteriormente, todas e todos tomamos uns petiscos na cafetería do instituto.

Dende o IES Río Cabe estamos tremendamente orgullosos de todas e todos por ter participado no curso e agardamos poder ofrecer máis actividades deste tipo.

Parabéns ás persoas graduadas e ata a seguinte!

 

Pica AQUÍ para ver a galería de fotos.

Pica AQUÍ para ver os vídeos do acto de graduación.