Plan Proxecta: Alvarizas e abellas

Este luns 13 de febreiro tivo lugar a primeira das charlas relacionada co Plan Proxecta no que o alumnado de 3ºESO está a traballar, que neste curso trata sobre as alvarizas que temos na Ribeira Sacra. O relator foi Alfonso Iglesias, apicultor da zona de Ourense, gran coñecedor do mundo das abellas. A charla comezou cunha introdución sobre a historia das alvarizas en Galicia para centrarse despois na apicultura. Aspectos como que é unha alvariza, para que se construían, material, formas, etc. quedáronos claros. Tamén aprendemos como é o ciclo de vida das abellas, como se organizan nunha colmea, como distinguir un zángano dunha obreira e dunha raíña, que produtos nos proporcionan as abellas, cal é o seu papel na polinización, como lles afecta o cambio climático ou a presenza de velutinas, etc.

Foi unha charla do máis interesante e amena que conseguiu manter ao alumnado súper-atento en todo momento… e tomando apuntes!. Está claro que se nos fixo curta!

Agradecemos a Alfonso Iglesias a súa presenza no noso centro. Esperamos velo de novo nunhas semanas cando fagamos a excursión á alvariza de O Vello, no concello de Nogueira de Ramuín. Moitas grazas!