Alumna de 2º Bac premiada
Na tarde do sábado 21 de decembro, a nosa alumna Sandra Rodríguez Macía recollía no Corgo o primeiro premio do certame de poesía e o segundo de narrativa co texto "Un colar de cunchas", convocados pola asociación "Arumes" do Corgo, e ó que concorrían máis de 90 participantes.
Nunha tarde de borrasca intensa e co son de fondo de chuvia e vento, o xurado entregou os premios nun ambiente especial, xa que faltou a electricidade en todo o concello e os premiados tiveron que ler as súas composicións á luz dos móbiles. A sorpresa da tarde presentouse na figura de Benedicta Sánchez, a protagonista da película " O que arde", do director Oliver Laxe, natural de Corgo, e que, ó mesmo tempo que recollía un premio entregado por ser a primeira corguesa nominada ós Premios Goya, era tamén a encargada de entregar o premio a Sandra.
Esta non é a primeira vez que Sandra recolle un premio destas características, xa que o día 14, o sábado pasado, recollía tamén o segundo premio de poesía de certame "Torre da Caldaloba" no concello de Cospeito. Premios estes últimos, entre outros moitos, que dan fe do traballo e do bo facer, asi como do xenio literario de Sandra. Moitísimos parabéns para ela.
É preciso destacar tamén o labor destes concellos pequenos que destinan parte dos seus recursos económicos e persoais a convocar certames literarios, que son moi ben recibidos polos escritores noveis, apoiando desta maneira a literatura e a lingua galega, a nosa cultura en definitiva. O documento gráfico non está moi logrado, pero a causa do forte temporal non había luz, e apañámonos como puidemos.