Premios Inspiraciencia

O día 6 de setembro a alumna Sandra Rodríguez Macía, que rematará os seus estudos de Bacharelato no noso centro este próximo curso, participou no Aquarium de Donostia na entrega de premios da novena edición do prestixioso "Concurso de Relatos de Inspiración Científica Inspiraciencia", convocado polo CSIC. A pesar de que nesta edición a competencia era moita, pois presentáranse 377 obras escritas en catalán, castelán, éuskaro e galego, o seu relato “A fantástica formación da Lúa” foi merecente na categoría xuvenil en galego do segundo premio. O xurado destacou a súa orixinalidade, calidade artística e contido científico.

O galardón está dotado cun diploma, un certificado, un completo e variado lote de libros da editorial Galaxia, ademais de material escolar. Dende o CSIC puxeron tamén á súa disposición unha bolsa de 400€ co fin de sufragar os gastos da súa viaxe e a dunha persoa acompañante.

Dende o centro reiteramos unha vez máis os nosos parabéns, agardando seguir acompañando a Sandra nos seus éxitos non só literarios.